De La Alberca a Peña de Francia. GR 10
A última etapa da nosa travesía polo GR 10 comeza en La Alberca e lévanos ao teito do parque natural: a Peña de Francia a máis de 1700 m de altitude, que constitúe o punto máis emblemático da serra, atalaia desde onde se pode observar gran parte da provincia de Salamanca e a veciña Cáceres.
Comezamos saíndo de La Alberca, atravesando zonas de explotacións forestais onde predominan as plantacións de piñeiro de montaña (pinus silvestris), con algúns exemplares de gran porte. Máis adiante temos que cruzar o río Francia para comezar a dura subida á Peña de Francia. A medida que imos gañando altitude as vistas son máis impresionantes. A paisaxe é a protagonista desta etapa. En días claros ata é posible ver a capital da provincia: Salamanca.
O camiño é relativamente cómodo, salvo puntos concretos onde hai bastante pedra. Gran parte do tramo de máis pendente vai facendo zig‐zag o que facilita o ascenso. Aínda así hai tramos duros. A ruta remata no cumio da Peña.
- Lonxitude: 11 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio (forte nalgúns puntos)
Comezamos a camiñar…
Hoxe toca despedirnos destas terras, pero temos por diante unha xornada moi atrainte pois temos que acadar o cumio da Peña de Francia saíndo de La Alberca. Houbo que madrugar un pouco máis que os días anteriores para poder comezar a camiñar o máis pronto posible, pois despois da ruta temos que iniciar a viaxe de regreso.
Os primeros 3 km percorrémolos por unha senda que atravesa zonas de explotacións forestais onde predominan as plantacións de piñeiro de montaña (pinus silvestris), con algúns exemplares de gran porte. A andaina faise levadeira e imos protexidos do sol. Hai que ir sempre de fronte, evitando os camiños que saen á esquerda, que nos levarían cara á Peña del Huevo, monte que preside o veciño val das Batuecas.
Unha vez deixado atrás o bosque, a agulla montañosa da pena guíanos en todo momento, xa por zona de matogueira e monte baixo. Máis adiante temos que baixar ata o Pontón de Lera e cruzar o río Francia por un pequeno paso para comezar a continuación a dura subida á Peña de Francia. O río, que estivemos vendo e cruzando estes días pasados, leva pouca auga pois nace un pouco máis arriba, aos pés da pena. Comeza a empinarse o camiño e, tras superar un bosque de castiñeiros, queda espido, iniciando un zigzag ata a estrada que conduce ao cume.
Cruzamos a estrada un par de veces e continuamos coa ascensión, cada vez máis pronunciada, cara á Peña de Francia, obxectivo final da ruta; entramos no tramo de carreiro que ascende entre piñeiros e queirogas. A medida que imos gañando altitude as vistas son máis impresionantes. A paisaxe é a protagonista desta etapa, a diferenza das anteriores, nas que a gran riqueza patrimonial das vilas e pobos era o máis salientable.
O camiño atópase con bastante pedra en puntos concretos, anque é cómodo de andar. A vexetación dominante tórnase en piornos e algúns arboliños como os capudres, típicos xa da alta montaña, tamén destacan as pedreiras formadas pola erosión da rocha cuarcítica das cristas.
A medida que gañamos altitude, gran parte do tramo de máis pendente vai facendo zig‐zag o que facilita o ascenso, pero aínda así hai tramos duros. Continuamos polo viacrucis, xa no último tramo de subida cerca do cumio. Ademais da presenza de cruces de pedra hai sinalizacións do camiño xacobeo, pois segundo lemos nun panel, algún peregrino que vai cara a Santiago pola Vía da Prata desvíase ata a Peña de Francia para visitar o santuario.
O carreiro rematámolo no Miradoiro da Pena, onde temos unha das vistas máis espectaculares da provincia salmantina e do norte de Estremadura, así como a visita que se pode realizar ao Santuario da Peña de Francia.
Case non sabes para onde mirar! Desde o miradoiro do reloxo de sol domínase gran parte da provincia de Salamanca, a penillanura salmantina con innumerables dehesas de gando, o Parque Natural da Serra de Francia, a Serra de Béjar, a veciña Serra de Gata, e a provincia de Cáceres ao sur, co encoro Gabriel y Galán destacando.