Pico Formigueiros. O Courel
Marabillosa e espectacular ruta de montaña que discorre polo Courel. Nesta xornada acadamos o cumio máis alto da serra do Courel, o pico Formigueiros, a 1639 metros de altitude. A ruta comeza en Riocereixa, parroquia do concello de Pedrafita a pouco máis de 900 metros. Pronto comezamos a subir, rodeando toda a devesa de Riocereixa, unha das máis importantes pero menos coñecidas de toda a comarca.
Aos catro quilómetros acadamos o cordal da serra ao pé do Faro, cumio que xa subimos no seu día. Desde aquí as vistas son impresionantes. Un dato: estando o día despexado pódese albiscar Pena Ubiña, no corazón da cordilleira cantábrica.
Unha vez no cordal hai que chegar ao Alto do Couto, punto da estrada que une o val de Seoane co de Visuña. Cruzaremos a estrada entramos na devesa da Rogueira. Ata aquí todo é un festival de paisaxe, a partires deste punto é un festival de biodiversidade: bidueiros, acivros, carballos, enciñeiras, castiñeiros, faias, teixos, abeleiras (entre outros) conforman o mellor bosque de Galicia, con moreas de fentos, flores e outras plantas aos seus pés.
É difícil non emocionarse ao chegar a ese recóndito abrigo.
Dentro da devesa facemos a ruta que nos leva ás Fontes do Cervo formada por dous mananciais que xorden da rocha formando unha pequena fervenza. Dende a fonte, un estreito e empinado camiño de algo menos de dous quilómetros nos leva ao cumio do Formigueiros, onde poderemos volver gozar de inmellorables vistas. Ata aquí son 15 quilómetros.
Temos que volver ao Alto do Couto, esta vez por un amplo camiño, e logo desfacer parte do camiño feito polo cordal ata chegar ao desvío onde comeza o descenso propiamente dito, rodeando a devesa de Romeor, quizais a máis pequena das tres que veremos nesta xornada, pero moi fermosa. Seguimos baixando e chegamos ao lugar de San Pedro, e seguimos por fermosas corredoiras ata acadar a estrada de Riocereixa onde rematamos. Os camiños da ruta son en xeral amplos e en bo estado, agás o tramo da devesa de Rogueira que é camiño estreito. Aínda así pode haber lama.
A dificultade da ruta ven dada pola lonxitude e o desnivel (tanto de ascenso como de descenso).
- Lonxitude: 24 km aproximadamente
- Dificultade: alta (pola lonxitude e o desnivel)
- Desnivel: forte
Comezamos a camiñar…
Hoxe tocou madrugar. Logo da viaxe e dunha pequena parada en Pedrafita do Cebreiro para tomar o café, o bus levounos ata Riocereixa de Abaixo, xa en pleno Courel, pois temos por diante unha xornada moi completa. Pronto cruzamos a aldeiña con algún que outro can saindo ao noso paso, pero sen maiores complicacións, e comezamos a subida, sempre por pista, rodeando toda a devesa de Riocereixa, unha das máis importantes pero tamén menos coñecidas de toda a comarca. A subida é longa e, por momentos, pronunciada.
Unha das características físicas que ten o Courel son as diferenzas altitudinais, as fortes pendentes e un relevo excepcionalmente abrupto e complexo. Xa o notamos cando subimos non hai moito ao Alto da Escrita e estámolo a notar de novo hoxe. O macizo do Courel está constituido basicamente por un cordal montañoso que se extende en dirección NE-SW e que presenta tres picos fundamentais: o Alto do Faro (1615 m), o Formigueiros (1639 m) e o Pía Paxaro (1616 m). Formigueiros Montouto Pía-Páxaro tesos cumes do Courel! Así evocaba Uxío Novoneyra nun dos seus poemas os montes máis altos desta serra lucense.
Logo de catro quilómetros andados, sen parar de subir, acadamos o cordal da serra ao pé do Alto do Faro (1615 m), cumio que xa visitamos hai un ano aproximadamente noutra fermosa e completa xornada. Desde aquí as vistas son impresionantes. A sorpresa paisaxística que levas logo da longa subida é abraiante! Xa temos á vista o noso destino, o Formigueiros que se nos amosa con algunha pincelada de neve; pero aínda temos que andar un pouco para chegar ata el. As matogueiras de queiroga (Erica), xesta (Cytisus) e piorno (Genista) constituen o hábitat dominante na serra e estamos no momento álxido da súa floración. Unha marabilla!
Camiñamos polo cordal con todo este colorido da queiroa vermella ao noso redor ata o Alto do Couto, punto da estrada que une o val de Seoane co de Visuña. Imos por unha pista con vistas abertas, o que nos permite apreciar estupendamente a paisaxe. Facemos unha pequena parada para identificar os montes que temos cara o norte, o Cuiña, o Mustallar e o máis próximo Penarrubia, coa sua típica forma de gancho.
Mentres nos reagrupamos en torno ao tanque de auga do Alto do Couto, fíxome nun cartel, un pouco destartalado, que nos ilustra da Microrreserva que hai neste punto, un proxecto que pretende protexer e conservar as orquídeas e outras especies pratenses do Courel, debido ao proceso de abandono que están a sufrir estas zonas pola perda das actividades gandeiras tradicionais.
Cruzamos a estrada e entramos na devesa da Rogueira. Antes de adentrarnos na espesura do bosque, o Xerardo desviouse ata un promontorio na Fontela para visitar a placa que puxeron os Amigos do Periplo en 1993 en lembranza do cuñado de Suso, Salvatore. Era o seu lugar preferente. Todos os anos paraba alí, arroubado, observando todo o val, o cumio do Formigueiros e o cordal completo da devesa da Rogueira… de ahí que se puxera alí a placa. Non había mellor sitio!
Logo de atravesar esta zona con fermosas vistas, a ruta continua sen dificultade ata adentrarnos no bosque. Se ata aquí a andaina agasallounos con todo un festival de paisaxe, a partires deste punto vai ser un festival de biodiversidade: bidueiros, acivros, carballos, enciñeiras, castiñeiros, faias, teixos, abeleiras (entre outros) conforman o mellor bosque de Galicia, con moreas de fentos, flores e outras plantas aos seus pés. A devesa da Rogueira, para min, é un deses lugares que hai que visitar, polo menos unha vez na vida. Calquera época do ano será boa para facerlle unha visita, pero sen dúbida será na época do outono cando máis nos fará disfrutar a devesa… anque na primavera tamén ten o seu encanto. Sorpréndome, por exemplo, da cantidade de arandos que hai a medida que camiño polo interior da Rogueira.
Baixo este manto, o sendeiro ascende suavemente, cruzando pequenos arroios, aínda con bastante auga, de extraordinaria beleza. Seguimos a senda ata un cruce no que, entre teixos, parte cara á dereita o camiño a Moreda, e continúa de fronte o camiño que debemos seguir. A escasos metros debemos xirar á esquerda para chegar ata “as augas”, célebres fontes onde podemos descansar e tomar un trago de auga. Son as Fontes do Cervo, dous manaciais que xorden dunha parede de varios metros de altura pola que caen augas ferruxinosas e tinguen con ton avermellado todo o lugar. Unha mostra do valor mineral do seu subsolo. Agrupámonos ao pé das fontes mentres se nos une unha cadela que anda polo monte sen saber cara onde ir, pois acaba de deixar a un grupo co que nos cruzamos e nós parecémoslle máis interesantes. Continuamos o camiño das fontes con novo membro ata acadar, próximo aos 1600 m, o cordal da devesa e con posterioridade ascender ata o Formigueiros.
O que nos queda de ruta ata o Formigueiros é esixente, e a calor apreta. Hai que gañar ainda uns cantos metros de desnivel pero facémolo por un carreiro cuberto de vexetación que de cando en vez nos permite apreciar a paisaxe e a espesa masa arbórea que acabamos de percorrer. Unha fermosura. Chegados á pista que vai polo cordal cara ao Teso das Papoulas, e unha vez reagrupados, acometemos a última dificultade da xornada, o ascenso ata o Formigueiros por un carreiro que discorre polo medio das matogueiras de queiroga, malia que gozaremos moito, tanto na subida, como no cumio.
No cumio facemos unha pequena parada para xantar e descansar un pouco. Pouco tempo, pois este fainos falta para o que nos queda de ruta. Pero non deixamos de identificar todos os cumes e sistemas montañosos que nos brinda esta posición, Pena Trevinca, Manzaneda… e tamén de facernos unhas cantas fotos do grupo, cheos de satisfacción, pois o obxectivo da xornada está acadado.
Debemos continuar camiño e iniciamos un descenso pronunciado ata a pista. A nosa amiga canina séguenos a certa distancia. Dende a pista descendemos serpenteando ata chegar ao Alto do Couto, punto de unión co camiño de ida.
Chegamos de novo ao tanque de auga do Couto, onde uns operarios descansan e cos que mantemos unha animada conversa… e cando lles dicimos que ainda temos que chegar a Riocereixa pregúntannos se estamos tolos, que por qué non nos ven buscar alí o autobús, co día de calor que temos para andar. Os homes axúdanos retendo á nosa compañeira de viaxe, mentres nos despedimos e continuamos desfacendo parte do camiño andado pola mañá polo cordal ata que chegamos ao desvío onde comeza o descenso propiamente dito, rodeando a fermosa devesa de Romeor.
Seguimos baixando e chegamos ao lugar de San Pedro, onde sorprendemos a uns veciños que aproveitan o día soleado para botar as patacas. Este tramo final é un bo exemplo da paisaxe propia das aldeas de montaña cunha boa cabana gandeira pastando nos estreitos vales. Continuamos por fermosas corredoiras, sempre en descenso, ata acadar a estrada de Riocereixa de Abaixo, onde rematamos.
Como xa manifestara en marzo na subida á Serra da Escrita, quero salientar de novo a excelente preparación que fai Víctor das rutas, pois cónstanos o concienzudo que é, cun traballo previo de buscar en varios sitios: imaxes aéreas, webs de montaña, rutas existentes… evidentemente, moitos dos lugares xa os coñece e, a partir desa base, xa mira se a ruta é viable, se está en condicións, se se pode facer en tempo, se se pode facer nun día… un luxo de profesional. De novo, parabéns meu… e moitas grazas por regalarnos nesta tempada tres rutas (ou catro) caurelás!
Paramos de novo en Pedrafita, antes de iniciar o regreso, e damos conta dunha merecida cervexa e tamén, coma case sempre, cumpro coa miña máxima de consumir algo nos negocios da zona. Case sempre repito mercando pan e un delicioso queixo do Cebreiro, pois non podo chegar á casa sen el!
Unha xornada enteira, de 25 quilómetros de sendeirismo, alberga sempre un cúmulo de sensacións e vivencias. A que onte vivimos subindo ao Formigueiros foi densa e moi satisfactoria. Marabillosa xornada!!