Ruta da Auga. Caldas de Reis

08-05-2019
Ruta da Auga. Caldas de Reis

Esta ruta é ideal para pasar un día ou unha tarde, descansando ou tomando o sol, e refrescándose nas súas augas. A ruta comeza no centro de Caldas, xunto ao seu pequeno xardín botánico e a marabillosa carballeira, e continúa polo paseo fluvial do Umia.

Camiñando polo paseo fluvial do Umia chegaremos a unha zona onde son abondosos os muíños, moitos deles restaurados, entre zonas de bosque de ribeira formado por ameneiros, loureiros e salgueiros.

Máis adiante chegamos á coñecida Fábrica da Luz. Dende aquí hai que coller un curto tramo de estrada un pouco perigosa. Hai que estar atentos aos coches que circulen. Ao pouco, un fermoso camiño lévanos á ponte romana de A Baxe do século I, que foi remodelada a comezos do século XVIII.

  • Lonxitude: 7 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

A poucos metros do centro de Caldas, xunto ao seu pequeno xardín botánico e a marabillosa carballeira, característica polos seus enormes carballos, achegándonos ao río vemos o inicio da senda. Desde ahí parte un camiño de terra río arriba, que debemos coller e iniciar a andaina polo paseo fluvial do Umia.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Sorprende a beleza do lugar, do río, das súas augas transparentes e pouco profundas. Ao pouco encontramos unha ponte de madeira que permite cruzar o río para subilo pola beira dereita e facer así unha ruta circular. Pero coido que ten unha pega importante: camiñaremos durante moito tempo por asfalto.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Nós non a cruzamos e continuamos pola mesma beira pola que andamos que, en xeral, é moi fermoso… o que sí paga a pena é chegar ata o medio desta ponte para poder gozar da beleza do Umia, río arriba e río abaixo. A tarde está espléndida para camiñar, cun día claro e sen moita calor. Cruzámonos con veciñas e veciños que están a cultivar pequenos hortos ou a coidar de gando, e tamén facendo labores de limpeza no río.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

O camiño transcorre acompañando sempre ao río a moi poucos metros, no que tamén hai algunha fonte e algún que outro banco, que convida a descansar e a contemplar o Umia. Chegamos a unha zona onde son abondosos os muíños, algún en estado ruinoso pero moitos deles restaurados e convertidos en vivendas, entre zonas de bosque de ribeira formado por ameneiros, loureiros e salgueiros. A verdade é que a ruta ten rincóns realmente fermosos.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Abandonamos por un momento a beira do río e subimos ata o lugar de Segade de Arriba onde paramos ante unha casa na que Suso atopou unha lacena na súa fachada orientada ao sur. Non atopamos a ninguén para preguntarlle (seguramente nin sabería de que lle falabamos), pero semella que está sen actividade. Este elemento etnográfico ten a súa máxima concentración nas comarcas da Costa da Morte e, das que ten inventariadas, Suso coméntame que a que temos diante é unha das máis meridionais que atopou en Galicia.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Máis adiante chegamos á coñecida Fábrica da Luz, restos dunha central hidroeléctrica que gardan, a pesar de todo, un certo encanto, anque o entorno podería estar un pouco máis coidado. A Fábrica da Luz construiuse a principios do século pasado e estivo activa durante décadas, surtindo de electricidade a toda a comarca, ata que Fenosa a pechou en 1995.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

E, por fin, o punto máis agardado de toda a ruta: a fervenza de Segade. O río baixa con moita auga o que fai que o rincón sexa espectacular e encantador. Unha auténtica marabilla. É impresionante pola súa anchura, porque o río fai un salto duns 30 metros nunha anchísima superficie de rocha, creando unha paisaxe espectacular, sobre todo na época de chuvias. Hoxe tamén baixa espectacular.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Logo de estar un bo rato disfrutando das vistas e do son da caída da auga, decidimos arrancar de novo, río arriba. A ruta sigue, cun pequeno repeito, entre estalotes e couselos, ata acadar un curto tramo de estrada, un pouco perigosa, polo que hai que estar atentos aos coches que circulan. Ao pouco, un fermoso camiño, semella que unha antiga vía romana, lévanos á ponte romana de A Baxe do século I, que foi remodelada a comezos do século XVIII.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Antes de cruzala, temos á nosa dereita unas escaleiras que nos conducen ata a beira do río, dende onde se pode gozar dunha fermosa perspectiva da ponte. Dende abaixo, a ponte impresiona. Estruturada nun só arco acada os 14,60 m de altura co que adquire unha importante presenza física.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Tamén hai un paso por debaixo dunhas rochas enormes, que nos conducen a un mirador dende onde podemos gozar da parte alta da fervenza, a presa onde está a toma de auga da central. O lugar ten moito encanto.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Deixamos a ponte por unha estreita senda e, en ascenso, chegamos a outra estrada, máis tranquila que a anterior, dende a que iniciamos un plácido descenso. Logo dunha curva na que a ruta sigue, hai un pequeno desvío ata un mirador, no que semellas estar na proa dun barco. A pesar de estar a certa altura, as vistas dende aquí no son moi fermosas, pero divísanse ao outro lado do río, as ruinas da vella fábrica da luz que acabamos de visitar, na que destaca a gran cheminea de ladrillo.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Continuamos baixando pola estrada. Vemos algúns muíños reconvertidos en vivenda, pasamos pola nova central hidroeléctrica e, a continuación, pola pequena aldea de Segade de Abaixo, a certa altura sobre o río, dende onde comezamos a divisar a longa pontella de pedra que temos que vadear para gañar a outra beira do río.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Cruzámonos no medio cun paisano que ven de recoller as dúas cabras que deixou pastando e parámonos a falar un rato, sen deixar de dicirnos que as cabras son moi famosas porque saen en moitas fotos en internet… Xa non queda practicamente nada para chegar de novo á carballeira de Caldas, unha carballeira ampla e con numerosas árbores que proporcionan unha sombra do máis agradable.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

Nós seguimos camiñando pola beira do río ata pasar por debaixo da ponte da N-550, fronte ao Balneario Acuña. Aínda temos un pouco de tempo, que empleamos en dar unha pequena volta pola vila, que paga moito a pena, e que xa empeza a notar a afluencia de peregrinos que veñen polo camiño portugués cara a Santiago.

Ruta da Auga. Caldas de Reis

A pesar do cedo que é, moitos xa están ceando e algúns deles empregan o lavadoiro para refrescar os seus cansados pés. Nós decidimos refrescarnos por dentro despois de pasear pola rúa Real e chegar ata a fermosa ponte sobre o río Bermaña. O dito, unha ruta ideal para pasar unha tarde.

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta da Auga. Caldas de Reis”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio