De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

A ruta inicia en Vila Praia de Ancora, pero antes de comezar teremos un rato para ver esta vila costeira e dar unha volta por ela. O percorrido ata Viana vai en todo momento pola costa, aproveitando parte da Ecovía do Litoral Norte. A ruta ten como protagonista o Atlántico e pasa por diferentes zonas de alto interese como a Estação de Biodiversidade de Montedor, o forte de Paçô, o geossitio do acantilado de Montedor, as pías salineiras de Fornelos, entre outros…

Hai tramos de praia, pasarelas de madeira, paseos marítimos… pero en xeral é un percorrido levadío. A dificultade ven dada pola lonxitude e os tramos de area polos que teremos que camiñar.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: moi baixo
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Sempre que nos achegamos a camiñar por Portugal, tempos moi boas sensacións e esta fin de semana de maio ten toda a pinta de que non vai defraudar. Logo de tomar un café e pasear polo centro de Vila Praia de Âncora, que loce moi fermosa, concentrámonos no seu paseo marítimo para comezar a andaina dende alí.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Pronto cruzamos a ponte pasarela sobre o pequeno río Âncora, que desemboca serpenteante buscando unha saída ao mar, motivado pola barreira que provoca a duna que se estende ao longo da praia da Duna do Caldeirão, e continuamos por unha pasarela de madeira, que en moitos tramos está cuberta pola area, que permite que camiñemos moi comodamente e protexa ao mesmo tempo a vexetación típica de duna das nosas pisadas.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Penso que a maior parte da andaina neste tramo vai ser sobre pasarela, pero non, pronto a abandonamos e descendemos á praia. Dende o alto da duna, antes de descender ao areal, temos practicamente unha visión completa da praia cara adiante e, cara atrás, unha fermosa vista da liña de costa de Vila Praia de Âncora. Camiñar polo areal é un pouco rompepernas pero achegámonos pronto á beira para pisar sobre a area dura da baixamar para facelo máis levadeiro. Temos que camiñar atentos pois hai certo mar de fondo e algunha onda pode sorprendernos.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

A praia é fermosa e o día non pode estar mellor para camiñar por ela. Cruzámola sen xente ata o final onde nos topamos cun par de surfistas que van practicar un pouco o seu deporte. Un lixeiro vento de costado, sen chegar a ser molesto, vainos acompañar durante toda a xornada ata Viana, moi normal nesta costa, e o estado do mar, con longas ondas, vai ser perfecto!

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

A metade da praia, o Xerardo chama a miña atención para que me achegue ata a base da duna, pois coida que unha gaiola alí instalada está protexendo a nidificación da píllara das dunas dos depredadores como cans ou da mesma perturbación humana; coidamos que se trata dela anque en Portugal chámana doutra maneira, tal como lemos no cartel instalado á sua beira, Borrelho-de-coleira-interrompida (Charadrius alexandrinus), unha ave limícola de pequenas dimensións, relativamente común ao longo de todo o ano, pero é na primavera cando ocupan os seus territorios en salinas ou dunas para a posta. Vemos como o exemplar sae do enreixado e como se move alternando algúns pasos con pequenas paradas para “observar” o que estamos a facer. Marchamos pronto para non molestalo máis.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Ao final da praia atopámonos cunha construción sobre as rochas do mar, é o Forte do Cão, unha fortificación marítima abaluartada, de pequenas dimensións e alzados simples. Co final da Guerra da Restauração (1640-1668), unha serie de enfrontamentos armados entre o reino de Portugal e a Monarquía Hispánica, motivou a construción de catro fortes entre Caminha e Viana do Castelo co obxectivo de conter as incursións dos piratas arxelinos e salentinos, daquela frecuentes nas costas portuguesas. Nós ímonos atopar con tres ao longo do percorrido, unha mágoa que estean abandonados, pois coido que poderían ser moi aproveitables.

Mirando cara atrás, ademáis de ver todo o que levamos andado pola praia, divisamos perfectamente o Monte de Santa Tegra e as elevacións montañosas que discorren sobre a costa de Oia ata a Groba. Esta vista cara ao norte acompañaranos durante bastantes quilómetros do percorrido.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Por un momento volvemos camiñar sobre pasarela de madeira, que nos separa un pouco da costa, pero que nos permite contemplar a chaira interior chea de campos de cultivo. Pero será por pouco tempo, pois as praias sucédense unha detrás doutra e volvemos camiñar pola area na praia de Afife. O areal é fermoso e presta moito andar por praias solitarias, pois non hai ninguén!

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Retomamos a terra firme a camiñamos agora por un pequeno tramo da Ecovía do Litoral Norte (como as nosas Sendas verdes, pero moito mellor), mentres pasamos pola Estação de Biodiversidade de Montedor. Un percorrido de 1,6 km que coincide parcialmente co percorrido do Forte do Paçô, con oito paneis dispersos ao longo do camiño, a modo de guía de campo, onde se pode consultar información científica sobre a diversidade biolóxica. Qué gusto da camiñar sobre terreno cómodo!

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Ao igual que o Forte do Cão, o Forte do Paçô é de pequenas dimensións e foron construidos entre finais do s. XVII e comezos do s. XVIII, nun lugar estratéxico para a defensa da liña costeira, inseridos no programa das fortificacións litorais, emprendido despois da Restauración da Independencia. O seu deseño é similar ao do Forte da Vinha (ou Areosa), denotando a existencia dun programa construtivo común.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Xa levamos feito boa parte do camiño, con treitos moi fermosos, e como estamos a movernos conforme á hora portuguesa, decidimos parar a xantar de descansar un pouco, e que mellor para facelo que no geossitio do acantilado de Montedor, clasificado como Monumento Natural Local no 2016, no que podemos observar testemuñas da historia xeolóxica como dobramentos ou paraxéneses mineralóxicas.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Os gravados rupestres de Fornelos encóntranse nun afloramento granítico do litoral, na base meridional do promontorio de Montedor. A pedra está moi gastada pola erosión pero aínda se aprecian dende a distancia motivos serpentiformes, cazoletas e figuras zoomórficas esquemáticas, onde destacan os cérvidos, algún cabalo e algunha figura humana. E digo dende a distancia pois despois de xantar o Suso, Xerardo e mais eu quixémonos achegar ata a pedra. Imposible. A marea está alta, e non foi doado dar cunha vía para facelo por terra, non exento de certo risco. Non houbo máis remedio que deixalo e intuir os gravados na pedra dende a distancia.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Sen sair deste espazo, e un pouco retiradas da liña de costa, evitando que a preamar as inundase, encóntranse as pías salineiras de Fornelos, que se nos amosan a medio excavar, polo que se desprende que funcionaron por medio dun sistema de inundación indirecta, mediante o cal os explotadores do sal inundarían as pías con auga que transportaban desde o mar. A proximidade de diversos poboados castrexos en Montedor e Afife, permiten deducir a relación entre as salinas e estas comunidades.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Reanudamos a marcha. Este tramo que nos queda é para disfrutar: camiños cómodos, sen pendente e próximos ao mar e, antes de acadar o forte da Areosa, xa ás portas de Viana, pasamos por tres muíños de vento a pé de praia. Unha fermosa vista, pedras, o ruído do mar, gaivotas e muíños… unha mágoa que non dispoñan das aspas, pero o paseo é xenial.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Levo unha decepción co forte da Areosa, e en xeral cos tres fortes polos que pasamos hoxe, pois está moi deteriorado e coido que precisa unha urxente reforma. Ao estar integrado no xeoparque costeiro de Viana do Castelo, debería estar en mellores condicións. Unha mágoa! Un pouco máis adiante, no paseo marítimo da Praia Norte de Viana do Castelo damos por rematada a andaina.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

Temos aínda tempo por diante e, logo de tomar unha cervexa ben fresquiña nunha das moitas cafeterías costeiras, decidimos achegarnos ata o Santuário de Santa Luzia, dende onde hai unha fermosa vista de Viana e os seus arredores. Logo de visitalo, desprazámonos ata o hotel Ralí Viana, na mesma en Viana do Castelo, onde estivemos aloxados estes tres días moi comodamente.

De Vila Praia de Âncora a Viana do Castelo

En resumo, a ruta foi espectacular. E agardo que as dúas rutas que nos quedan non nos defrauden.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio