Trilho da Ribeira Lima

Trilho da Ribeira Lima

A ruta desenvólvese, ao longo de aproximadamente 18 km, pola marxe dereita do río Lima no seu derradeiro tramo antes de desembocar no Atlántico. Comeza na freguesía de Lanheses e lévanos practicamente ata o límite urbano de Viana do Castelo. Está incluído dentro da Rede Natura 2000 polos seus intereses culturais, naturais e paisaxísticos por zonas de bosques de ribeira, campos de cultivo, diferentes freguesías…

No seu tramo final, o val do río Lima está delimitado polo norte e sur por sistemas montañosos con altitudes crecentes desde a Serra de Santa Luzia ata a Serra de Arga. O seu leito insírese nun val aberto e amplo, cunha extensa planicie aluvial. Este é o cadro natural onde se desenvolve a milenaria humanizada da Ribeira Lima. Nesta fértil veiga de solos aluviais, o intenso uso agrícola acompáñase du poboamento contínuo, se ben disperso e de baixa densidade. A paisaxe agraria, caracterizada polo minifundio e a policultura, está marcada pola diseminación dos cultivos do millo e da viña.

A ruta é moi cómoda xa que case todo o tempo vai por pistas e camiños amplos. As dificultades son escasas.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: moi baixo
  • Dificultade: baixa‐media

Para a redacción desta entrada baséome fundamentalmente na información que ofrece a páxina dos Percursos do Homem e do Garrano na descrición que fai do Percurso pedestre e equestre da Ribeira Lima.

Comezamos a camiñar…

A ruta pódese facer nos dous sentidos, ou ben comezando ás aforas de Viana ou facelo río abaixo dende Lanheses. Nos optamos polo segundo, desprazándonos o bus ata esta localidade para comezar a ruta no Largo da Seara. Antes de reagruparnos para recibir as indicacións de Víctor, vemos que neste espazo da Seara está instalado un pequeno ecomuseo ao ar libre, onde se poden observar, entre outros, unha bomba de auga de forza motriz humana, unha mesa telleira, utilizada para a fabricación artesanal de tellas, un forno, e un carro de bois, elementos que contribúen a darnos unha perspectiva da dimensión produtiva deste territorio, tanto no relativo á agricultura tradicional como á industria cerámica. Tamén hai neste espazo un lavadoiro comunal no que unha muller está a lavar roupa, coido que un pouco cortada pola nosa presenza.

Trilho da Ribeira Lima

Víctor coméntanos que o itinerario vainos ofrecer a posibilidade de contactar co ecosistema fluvial, de valiosa biodiversidade, descubrir os sinais da ocupación humana en diferentes períodos históricos e comprender os procesos de construción e evolución da paisaxe cultural. Pinta ben!

Trilho da Ribeira Lima

Ao pouco de andar cara ao río, o primeiro punto de interese vai ser a Ponte de Linhares, unha construción que permitiu o contacto que mais durou entre núcleo de Lanheses e o embarcadoiro, cais, onde chegaban desde a outra beira, no Lugar da Passagem, peregrinos, viaxeiros e feirantes. Perdeu a funcionalidade despois da construción da avenida do Rio Lima, na década dos 40 do século pasado.

Trilho da Ribeira Lima

Camiñando xa polas marxes do río, percorremos un importante corredor ecolóxico. A beira do río encóntrase fragmentada alternando coas parcelas de cultivo. Ameneiros, freixos, salgueiros, bidueiros e carballos encontranse entre as especies máis frecuentes nas faixas arbóreas ribeirás.

Trilho da Ribeira Lima

O río Lima ten un excecional valor para a conservación de especies piscícolas migratorias, verificándose na súa conca hidrográfica a presenza de lamprea, así como de salmón, aínda que en número moi reducido. Chego tarde cando o Suso está a falar con dous pescadores que lle contan dos tipos de peixes que capturan: –Este ano, cero lampreas!- di un axudándose da man para representar un rosco e, retrúcalle o outro –Cero non! pero si moi poucas- Logo falan das robalizas e cando Suso pregunta: –A auga neste punto é salgada?– e lle responde o primeiro: –Si, salgada, as mareas nótanse moito a esta altura do río-  o segundo, bendecido co espírito da corrección, rectifica inmediatamente: –Salgada non é, é salobre! 

Trilho da Ribeira Lima

Pequenos embarcadoiros xorden en gran número nas marxes do Lima ao longo do noso percorrido, denotando a importancia da relación das poboacións ribeirás co río, sexa pola explotación dos recursos piscícolas, sexa pola construción no pasado dunha vía imprescindible de transporte fluvial de persoas e mercadorías. Estes cais ou embarcadoiros corresponden, na sua maioría, a estruturas palafíticas, constituídas por estacas, plataformas flotantes e postes de amarre e algúns posúen rampas de acceso nas proximidades, tal como podemos ver na sucesión de embarcadoiros como o de Lanheses, o da Torre, no embarcadoiro en Barco do Porto, ou os do Pinheiro e de Tira Vau, xa na freguesía de Santa Marta de Portuzelo. Moitos deles están habilitados hoxe en día en amplas zonas de lecer.

Trilho da Ribeira Lima

Se o número de embarcadoiros é importante non é menos o número de quintas, que nos encontramos a medida que progresamos ao longo desta beira do río. A quinta de Santo Isidoro, orixinalmente denominada de Casa de S. Salvador da Torre, ten a súa xénese nun solar construido do século XVII, restaurado e ampliado no século XIX. Actualmente constitue unha importante quinta vitícola, que xa nos chamou a atención dende o bus polas súas dimensións.

A quinta da Torre, máis coñecida por don Sapo, na freguesía de Cardielos. Deshabitada desde a Idade Media e en estado de ruina progresiva, foi demolida en 1806, quedando hoxe a referencia toponímica, a famosa lenda de don Sapo e a casa agrícola e respectiva quinta.

Trilho da Ribeira Lima

O Castelo de Portuzelo, situado a cerca de 500 metros do río Lima, destaca no medio da área agrícola. Construido en 1853, é un palacete romántico, con elementos neogóticos e neomanuelinos, de feitura acastelada, onde sobresae a torre central. No solar onde se implanta o actual castelo, existía unha antiga casa solarega con torre, que desde o século XIII foi cabeza do couto de Portuzelo.

Trilho da Ribeira Lima

As zonas húmidas de ribeira acollen, igualmente, hábitats e ecosistemas que constitúen un importante refuxio de avifauna. É posible observar unha gran variedade de aves terrestres e acuáticas ao longo de todo o percorrido, pero nós divisámolas case ao final do mesmo, sobre todo nas salinas de Portuzelo e nas da Argaçosa, xa pasada a ponte da autoestrada. As salinas albergan un biotopo moi importante para as aves limícolas, ofrecéndolles alimento, mesmo durante a preamar, e tamén refuxio e abrigo contra o vento.

Na actualidade, é difícil observar e interpretar no terreo, este conxunto de compoñentes das salinas, ao non estar en activo e estar cuberto pola vexetación, pero foron un complexo sistema articulado de canles e tanques de decantación e evaporación das augas. Este sistema é separado por diques e taludes, que son colonizados por vexetación típica da marisma, como a salicornia (Salicornia ramosissima), a gramata (Sarcocornia perennis) e a gramata branca (Halimione portulacoides).

A antigüidade da extracción do sal na marxe dereita do río Lima, entre Meadela e Portuzelo, encóntrase documentada dende o século XIII. A área hoxe coñecida por salinas foi, polo menos ata finais do século XVIII, designada polo suxestivo topónimo de Mariñas, correspondendo a un sector de cota baixa, suxeito a inundación regular en función das mareas. A explotación salineira era así posible en virtude da franca entrada das augas do mar nesta área do estuario do Lima, máis tarde dificultada pola sedimentación progresiva do seu estuario, agravándose a partir do século XVII.

Trilho da Ribeira Lima

A ruta remata no Parque Ecolóxico Urbano, pero nós deixámolo un pouco antes para evitar a traxecto final do río, a partir da ponte da autoestrada A28 que o cruza, moi urbanizado. Xa próximos á foz, vamos encontrar pequenos cursos de água. O tramo final ata Portucelo facémolo por un camiño entre viñas emparradas sobre altos muros e coa herba bastante alta pero moi cómodo de andar. Quedámonos en Portuzelo, logo de cruzar a ponte peonil sobre o río Portuzelo, que descende das abas da serra de Santa Luzia e dos montes veciños.

Como se dicía nun dos paneis que hai instalados en cada punto de interese, cunha breve descrición da súa importancia ambiental e cultural, nós deixámonos “conducir por esta viaxe pola historia natural e humana da Ribeira Lima” e pagou moito a pena!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio