Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d’Arcos

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

A última ruta que faremos nestes días por estas terras transcorre por un interesante espazo natural protexido conformado por diferentes hábitats, que dispón de puntos de observación de aves, o cal o fai moi interesante. Son as Lagoas de Bertiandos e são Pedro d’Arcos, un conxunto de lagoas e terreos anegados entre fermosos bosques de variadas especies, ás que se accede pola antiga estrada de Viana a Ponte de Lima, no pobo de Bertiandos. Trátase dunha zona boscosa que refuxia varias lagoas, e nela pódese elixir entre varias rutas de sendeirismo de escasa dificultade para percorrela.

A ruta comeza en Bertiandos, lugar que atravesaremos e no que poderemos ver diferentes mostras da súa arquitectura, como a súa casa señorial. Pouco a pouco iremos entrando no espazo natural onde veremos algunha das lagoas e parte dos seus bosques. Un pouco máis adiante chegamos a Estorãos. Neste punto ben paga a pena dedicarlle un tempo a ver a súa fermosa ponte e a súa igrexa. Despois regresamos para ver outra parte do bosque e das lagoas.

  • Lonxitude: 12 km
  • Desnivel: moi baixo
  • Dificultade: baixa

Comezamos a camiñar…

O bus desprazounos dende Viana ata Bertiandos pola Estrada Nacional 202 e, xa moi perto de Ponte de Lima, deixounos fronte ao portón do Solar de Bertiandos, un notable exemplo de arquitectura rural barroca norteña portuguesa que chama poderosamente a nosa atención. Fundado no s. XV, posúe unha torre erixida en 1566 por Inês Pito, viúva do segundo señor de Bertiandos, á que se lle adosaron dous corpos, un a cada lado, froito dos dous vínculos instituídos aos dous fillos. Dende fóra, no quinteiro do solar, é posible visualizar o Marco Miliario do s. III, un bloque troncocónico de granito de 2,5 m de altura, exemplar da arquitetura romana que alí foi mandado colocar polo señor da casa de Bertiandos.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Atravesamos o núcleo urbano da freguesía de Bertiandos, cun bo tramo do camiño cuberto por un gran emparrado, que nos leva ata a igrexa parroquial e varios elementos de cariz relixioso, como o Cruceiro da Cárcua do s. XVIII. Reagrupámonos un pouco máis adiante da igrexa e, antes de iniciar o percorrido introducíndonos na espesura do bosque, o Víctor advírtenos que non imos respectar os trazados das rutas sinalizadas, facendo unha combinación dalgunhas delas e alargando algo o percorrido, polo que compre ir atentos, pois as marcas non van ser fiables neste caso.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Nos primeiros pasos da camiñada podemos ver a rica galeria ripícola composta por especies arbóreas como salgueiros, ameneiros, carballos, freixos ou bidueiros, e son notorias, ao longo desta extensión, as medidas de conservación das marxes do río co obxectivo de evitar a degradación do curso de auga. A pesar de visitalas nunha estación algo seca, podemos imaxinar a importancia das lagoas nas épocas con máis aportación de auga.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Seguimos por pasarela e percorremos unha área caraterizada pola alternancia entre os espazos abertos dos pastos e os espazos pechados pola densa vexetación arbórea á base de especies autóctonas. Dirixímonos ata a estrada asfaltada, que abandonaremos un pouco máis adiante, logo de atravesar o río Estorãos, para camiñar entre grandes extensións de cultivo, a área agrícola coñecida localmente como veiga da Sobreira. Nas veigas, a agricultura é a principal actividade humana.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Como case sempre, vou de último entretido facendo fotos desta fermosa paisaxe que nos depara a primavera e párome a falar cun home que, aínda vestido de domingo, veu dar unha volta polos seus terreos, e coméntame que as fincas son explotadas por unha granxa escola de Ponte de Lima para facer prácticas cos alumnos. As viñas están sempre presentes, bordeando estes terreos de cultivo.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Seguimos ata a estatua das Catro Mans, símbolo da unión de catro freguesías perante un momento difícil dende o punto de vista da subsistencia das súas comunidades. Continuamos o percorrido, virando á esquerda, para dirixírmonos á capela de Santo Amaro, templo do s. XVIII que ten no interior, ademáis da imaxe de santo Amaro, a imaxe de S. Pedro e da nosa Señora.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Despois da igrexa, en pouco tempo, imos gozar das augas e paisaxe de ribeira do río Estorãos, cruzado por unha magnífica ponte que moitos cren ser obra romana, aínda que é unha construción do s. XVI ou mesmo XVII. Ten tres arcos desiguais e tallamares semellantes aos das pontes romanas, pero non posúe ningún elemento que date dese período.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Aínda na ponte, podemos admirar un cruceiro que se encontra no centro. Na marxe, un muíño agora recuperado xorde como exemplo dos moitos que encontraron no río a súa fonte de enerxía. Na marxe dereita, á boca da ponte, un peto de ánimas que servía para protexer aos viaxeiros, lembrándoos de rezaren como forma de salvagardalos do perigo. Todo este conxunto posúe elementos arquitetónicos do s. XVIII.

Aconsellamos unha visita á Igrexa de Estorãos, moi próxima á ponte, templo que sufriu varias ampliacións ao longo dos séculos. Nunha obra, a principios do séc. XX, foi encontrada unha Ara do período romano, dedicada ao Xenio Tiauranceaico, un dos xenios protectores das poboacións. Esa peza encóntrase no Museo Nacional de Arqueoloxía portugués, aínda que hay unha copia na igrexa. A torre da campá é obra de mediados do s. XX.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Logo de andar polo entorno do río e camiñar de novo un bo treito por estrada, entramos de novo na área das lagoas e camiñamos por unha pasarela, estrutura en madeira sobrelevada que permite atravesar a área anegada polo transbordo do río Estorãos, cun posto de observación orientado para un lago temporal, formado polas augas do regueiro de Fujacos.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Desde este punto seguimos para dirixírmonos á lagoa de S. Pedro d’Arcos. Tras unha breve parada no posto de observación da lagoa, que aconsellamos para gozar da bela paisaxe, escoitando o contínuo croar das rás e observando algunha que outra especie de ave acuática, seguimos pola cómoda pasarela.

Ruta das Lagoas de Bertiandos e são Pedro d'Arcos

Saimos do espazo natural pola Ponte de Esteiro, construída durante os séculos XVI ou XVII, posue dous arcos de medio punto case perfectos. Unha mágoa non poder achegármonos ao Centro de Visitantes do espazo natural antes de rematar a ruta por encontrase pechado, pois seguro que ía completar estupendamente esta andaina que, sen dúbida, é un espazo perfecto para percorrer na primavera.

Ao rematar achegámonos ata Ponte de Lima para ver a cidade e a súa fermosa ponte, e dar un longo paseo pola beira do Lima, río arriba, antes de regresar a Santiago, que atopamos con moita vida nun día de feira, un fermoso colofón a estes días polo distrito de Viana.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio