A Peroxa – Os Peares. PR-G 179

22-06-2019
A Peroxa - Os Peares

Desprazámonos nesta ocasión ata o concello ourensán da Peroxa para percorrer o sendeiro homologado PR-G 179, Ruta do río Miño. Comezamos na aldea de Vispín e en pouco tempo chegaremos á carballeira do Amparo, na parroquia de Carracedo, onde hai unha ermida. Continuamos subindo suavemente por cómodos camiños ata chegar á Peroxa. Unha vez aquí, o percorrido será fundamentalmente en descenso.

Pouco despois de abandonar a capital municipal acadaremos os restos do castelo medieval da Peroxa, construído sobre un antigo castro. Dende aquí teremos unhas moi boas e fermosas vistas. O descenso dende o castelo ata a aldea de Pousada será o tramo máis complicado da xornada, porque a pendente é forte e o camiño algo incómodo, xa que é pedregoso e coa vexetación algo pechada. En calquera caso, nada fóra do normal dentro dunha ruta de sendeirismo. En Pousada continuaremos camiñando cara ao río Miño, xa por camiños moito máis cómodos.

Os últimos 6 km, xa pegados ao Miño, son completamente chans. A ruta remata na praia fluvial dos Peares, onde é posible que xa estea acondicionada para o baño a estas alturas do ano.

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Desnivel: medio (fundamentalmente de baixada)
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Logo de tomar un café na Peroxa e dar unha pequena volta polo lugar, o bus desprazouse ata a aldea de Vispín, onde debemos baixar e prepararnos a présa, pois non hai moito espazo para que poida parar por moito tempo, ao estar a ocupar a metade da calzada. Descendemos en fila india un pequeno tramo pola estreita estrada ata o Campo do Amparo, unha carballeira que dispón de mesas e bancos de pedra, fonte, baños, e grella, que está presidida pola Capela do Amparo.

A Peroxa - Os Peares

Desde sempre Galicia foi un pobo de romarías e de festexos cheos de relixiosidade popular e, tal como teñen montado este entorno, intúese que neste lugar debe organizarse unha (ou varias) romarías que deben atraer a moita xente.

Hoxe imos guiados por Rocío e aproveita a sombra dos vellos carballos para que nos agrupemos e comentarnos as particularidades da ruta que imos iniciar. Destaca especialmente, pola época do ano na que andamos, que imos ter bastante sombra, pois a maior parte do percorrido transcorre por zonas arboradas. Tamén nos indica que cando veu preparar a ruta atopouna bastante descoidada, coa herba bastante alta e sen moito mantemento, polo que nos podemos atopar con este pequeno inconveniente. E, sen mais, iniciamos a andaina.

A Peroxa - Os Peares

O inicio faise en ascenso. A subida é suave, por cómodos camiños que, xa dende o primeiro momento, notamos que foron acondicionados e limpados convenientemente, cousa que é de agradecer. Máis adiante, entereime que Rocío chamara ao concello para comentarlles o estado do sendeiro, e abofé que lle fixeron caso! Parabéns! Agora resta pararse un pouco nas barandas de madeira dalgún tramo do percorrido que hai en bastante mal estado e poden ser un perigo para os camiñantes.

A Peroxa - Os Peares

A pesar de que a calor comeza a sentirse, imos baixo carballeiras practicamente todo o tempo ata chegar á Peroxa. Desde logo que me está a sorprender gratamente esta ruta.

Unha vez na Peroxa, logo de descansar no que semella ser o campo da feira, á beira da residencia de anciáns e da igrexa parroquial, continuamos co percorrido, xa marcado como PR-G 179, e que será fundamentalmente en descenso a partir de aquí. Iremos descendendo paulatinamente á beira do río da Barra, bastante fedorento por certo, que cruzaremos en varios puntos, cubertos a maior parte do tempo por un bosque de ribeira. Un paseo moi agradable que, a pouco máis dun quilómetro do comezo nos achega ao castelo da Peroxa, situado nun promontorio desde o que é posible obter unha boa panorámica da contorna.

A Peroxa - Os Peares

Levantado sobre un asentamento castrexo, descoñécese con exactitude a época na que foi construído. Algúns historiadores sitúano no s. IX, para frear as incursións dos musulmáns en Galicia e outros atrasan as obras ata o s. XII. O castelo pasou ao longo dos séculos por moitas vicisitudes ata chegar ao estado actual co que nolo atopamos. Superou as revoltas irmandiñas de 1467-1469. Tras as revoltas pasou a mans do Conde de Ribadavia. Foi sede do concello no s. XIX, e no 1920 o seu propietario vendeu a pedra da torre da homenaxe, para construir a actual igrexa da Peroxa. Esta desgraza non remata aquí, pois nas últimas décadas se levaron adiante diversos labores de restauración encamiñados a recuperar e consolidar esta fortaleza medieval, dotándoa dun acceso á mesma que clama ao ceo!

A Peroxa - Os Peares

Logo de adicarlle un bo tempo a percorrer o castelo e admirar a paisaxe dende os seus muros, iniciamos o descenso ata a aldea de Pousada. Como xa sinalamos, este será o tramo máis complicado da xornada, porque a pendente é forte e o camiño algo incómodo, xa que é pedregoso, pero nada polo que non teñamos pasado noutras andainas. Coma sempre, hai que afrontalo con calma e pouco a pouco vaise descendendo sen maiores complicacións.

Unha veciña de Pousada, ademáis de estar encantada co paso de tanta xente polo lugar e con moitas gañas de falar, coméntanos que o nome da aldea ven de cando estaba o castelo habitado, pois os que se dirixían a el tiñan que anunciar a súa chegada e facían pousada neste lugar, durmindo aquí antes de ser recibidos polos señores. Deixémolo en que se non è vero, è ben trovato…

A Peroxa - Os Peares

Durante todo o percorrido e presenza das viñas é unha constante, pero vai ser a partir de agora, e sobre todo a partir da aldea de Gulfariz, cando se faga notar máis pois a ruta vai fundamentalmente entre socalcos e viñedos practicamente ata chegar ao río Miño. Así, todo este tramo do percorrido é moi distinto ao que acabamos de facer. Destílase viño a cada paso e en cada rincón: nos socalcos, nas cubas, nas adegas… pero estamos no verán e, mentres a uva non madure, temos que botar man das cereixas, que están no seu punto. Que fartura! Belén tamén aproveita e recolle herbas e flores para o San Xoán de mañá.

A Peroxa - Os Peares

Máis adiante chegamos ata o río Miño, o cal seguiremos pola sua beira augas arriba durante varios quilómetros, unha vez traspasada a vía do tren da liña Monforte-Vigo por un pequeno túnel, que tamén o recorre paralelamente (por certo, para min un dos tramos máis fermosos que hai no país para percorrer en tren). Temos vistas pouco amplas sobre o río polo mesto que está este tramo, cuberto por árbores propias de ambientes fluviais, e que nos deixan ver por momentos algúns socalcos da outra beira nos que se cultiva a vide.

A Peroxa - Os Peares

Chegamos a Os Peares e, fronte á desembocadura do Sil no río Miño, paramos a comentar un pouco o curioso lugar onde nos atopamos, pois Os Peares é un núcleo de poboación que se estende por catro parroquias de catro concellos (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo e Pantón), duas provincias (Lugo e Ourense) e onde conflúen tres ríos, o Búbal o Miño e o Sil. O Búbal e o Sil fan de límite provincial entre Lugo e Ourense.

A Peroxa - Os Peares

Admiramos tamén as importantes pontes que atravesan o núcleo, unha que cruza o Miño, e dúas que atravesan o Sil, a primeira é para o tráfico ferroviario, pois a estación dos Peares foi unha parada importante na liña entre Ourense e Monforte de Lemos. As outras son para o tráfico rodado, unha delas aberta en setembro de 2016 que, con case 200 metros de longo, posibilita o uso compartido por parte de vehículos e peóns.

A Peroxa - Os Peares

Finalmente, cruzamos o Búbal (polo que pasamos ao concello de Carballedo), e iniciamos un pequeno percorrido, por pasarela e por pista de terra, moi fermoso, ata que chegamos á praia fluvial dos Peares, fronte ao Centro de Saúde (novamente no concello da Peroxa), onde rematamos a ruta.

A Peroxa - Os Peares

Anque non tiña pensado bañarme, foi unha mágoa non ver a praia fluvial aberta ao baño. En caso de realizar esta ruta en época estival, recoméndovos levar traxe de baño para refrescarse nela unha vez rematada a ruta. Nós decidimos parar un pouco máis arriba, no bar que hai en Carracedo, e refrescarnos por dentro cunha cervexa ben fresquiña!… e dar unhas cantas viaxes no balancín.

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “A Peroxa – Os Peares. PR-G 179”

  1. Ola, Fran! Xa están avisados tamén na Peroxa sobre o estado das barandas de madeira e quedaron en avisarme cando estean arranxadas. Avisareiche!

    1. A verdade é que é unha mágoa ver neste estado moitos PR-G, e moitas autoridades non se decatan de que o mantemento é fundamental para que as rutas sigan a ter sendeiristas por elas. Moitas grazas!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio