Ruta do Pico Gencional
A ruta comeza en Ribadelago. Na primeira parte da ruta aproveitaremos a Senda de los Monjes, un dos itinerarios deseñados polo Parque natural, para chegar ata as inmediacións de San Martín de Castañeda. Este camiño vai case todo o tempo entre bosque, e permítenos ter unhas inmellorables vistas sobre o lago de Sanabria. Despois a ruta continua por zonas gandeiras e de pastos ata o cumio do Gencional (1732 m). Este é un cumio pouco definido, case que é unha meseta máis que un pico, pero goza dunhas vistas moi boas sobre a contorna. Logo iniciamos o descenso tamén por bosques e zonas de pastos ata chegar a San Martín.
A ruta ten un alto interese paisaxístico e natural, pola variedade de hábitats. Non ten moitas dificultades. Os camiños son bos en xeral salvo ao comezo que ten algún tramo empedrado.
- Lonxitude: 13 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio-forte
Comezamos a camiñar…
Logo do madrugón que nos demos, chegamos a Ribadelago Viejo, no Parque Natural Lago de Sanabria, un pouco antes das once da mañá e, unha vez postas as botas e enfundada a cámara, sen máis dilación, comezamos a andaina pola chamada e ben balizada senda de San Martín. Os monxes do mosteiro de San Martín de Castañeda, que visitaremos ao final da ruta, exerceron durante séculos o monopolio da pesca de troitas no Lago de Sanabria. E de aí vénlle o nome a este camiño que une as localidades de Ribadelago Viejo e o mosteiro: a Senda de los Monjes, un dos paseos senderistas máis tradicionais de cantos poden realizarse neste espazo natural.
niciamos a andaina exactamente dende o monumento que lembra a traxedia acaecida na madrugada do 9 de xaneiro de 1959, hai sesenta anos, na que faleceron 144 dos 532 habitantes de Ribadelago ao ser arrasado e alagado o seu núcleo pola riada que se orixinou tras a rotura da presa de Vega de Tera, con graves deficiencias estructurais. A noite do 9 de xaneiro, máis de 150 m de lonxitude do muro de contención da presa derrubouse deixando escapar case 8 millóns de metros cúbicos da auga embalsada. O pobo, situado oito quilómetros río abaixo, foi rapidamente alcanzado sen dar apenas tempo aos veciños que sentiron un forte estrondo consecuencia da ruptura e o torrente de auga posterior. Moitas das edificacións foron destruídas pola auga e tan só foi posible recuperar 28 dos 144 corpos desaparecidos entre as augas do lago de Sanabria.
Unhas penas e indemnizacións ridículas, unha burla para as vítimas, que tiveron que conformarse cunhas migallas de miseria para ocupar o lugar que antes tiña a vida dos seus seres queridos. O Estado franquista despachou como puido o asunto e tivo a desvergoña de porlle ao novo Ribadelago o apelido do ditador, Ribadelago de Franco. Alí instaláronse algúns dos sobreviventes, outros resistiron no pobo; o resto optou por emigrar en busca de esquecemento e dun futuro que alí non tiñan. A presa quedou abandonada, conservandose na actualidade nun estado similar ao do día do desastre.
Abandonamos o pobo deixando atrás as ruinas da antiga igrexa e falando do acontecido naquela catástrofe. Aproveitamos para guiarnos a chamada senda de los Monjes. Logo dun tramo entre hortas e sen apenas desnivel, ascendemos por un bosque de carballos e abeleiras. Cruzámonos con grupos, sobre todo de familias, que veñen descendendo dende San Martín. O último, ao verme coa cámara, sinálame que vou quedar marabillado coas vistas que vou ter máis arriba.
Cando xa levamos gañada certa altura, observamos as que son, posiblemente, as mellores vistas do lago, polo que compre facer un descanso e darlle á máquina de fotos sen respiro! Todos queremos sacarnos fotos con este fondo… a verdade é que o home tiña razón, que fermosura!
No Pleistoceno Superior, hai 100.000 anos, un impresionante glacial con linguas de xeo de máis de 20 quilómetros serviu de orixe ao actual Lago de Sanabria. Hoxe, as súas 318 hectáreas de superficie e unha profundidade que acada ata 51 metros, convérteno no maior da Península Ibérica. Os bosques máis abundantes na contorna do Lago de Sanabria son os formados polo carballo melojo ou rebollo. Tamén se localizan unhas interesantes manchas de acivro e teixo.
Sen gañas de marchar deste miradoiro, a partir de aquí o camiño faise un pouco máis difícil de seguir polas pedras que hai nel, pero nós continuamos sen maiores complicacións ata pasar por baixo dunha ponte da estrada que enlaza San Martín de Castañeda e a Laguna de los Peces, e que nos indica que estamos na parte alta de San Martín. Cruzámola e continuamos cara arriba por zonas gandeiras e de pastos.
Ao gañar altura, o bosque é substituído por unha matogueira de escobas, cambronales e queirogas. E así case ata o cumio do Gencional (1732 m), no que comezamos a ver as fermosas gencianas (Gentiana lutea) espalladas por toda a ladeira. Parada para descansar e facer a foto xunto ao vertice xeodésico, que parece que estivera en medio dun campo de fútbol. Este é un cumio menor dentro do Parque Natural Lago de Sanabria, e pouco definido, case que é unha meseta máis que un pico, pero goza dunhas vistas moi boas sobre a contorna; o Víctor sinálanos, por exemplo, o añorado Teleno nas terras leonesas, que podemos ver perfectamente e que xa vai por dúas veces que non o poidemos culminar. Xa caerá!
Feito o descanso e repostas as forzas en torno ao punto xeodéxico, iniciamos o descenso logo de afinar un pouco para ver en que dirección hai que marchar de este altiplano. Facémolo primeiro por camiño e, xa á altura dunha cabana, imos polas pradarías onde a auga non vai moi canalizada e nas que hai tramos nos que temos que elixir ben onde pisar, para non afundir a bota ata o nocello. Hai que chegar á estrada que leva ata a Laguna de los Peces e camiñar un breve tramo por ela, para retomar de novo o sendeiro por bosques e zonas de pastos ata chegar a San Martín de Castañeda.
Cruzamos o pobo, no que aínda se poden apreciar mostras de arquitectura popular, pero moi deterioradas, tendo como punto final da ruta a igrexa de San Martín. Visitamos a igrexa, con importantes obras de restauración en marcha, presidida no seu tímpano de entrada por San Martiño, santo titular do cenobio, entregando a súa capa ao pobre. Xunto a ela, foi empotrada a lápida fundacional. O interior caracterízase pola pureza de liñas e pola notoria austeridade ornamental.
Sen moito máis tempo, pois compre ir aloxarnos ao Ruso, en Galende, tomámoslle unha cervexa no Chiviteiro, que nos soubo a gloria, tanto como a ruta! Sen dúbida unha fermosa ruta como toma de contacto desta zona, que nos valeu para prepararnos para a de mañá, co ascenso a Pena Trevinca