Pena Trevinca e Pena Negra dende a Laguna de los Peces
Pena Trevinca é unha das montañas máis significativas para nós xa que é a máxima altura de Galicia (2127 m). Nesta ocasión imos tentar acadar o cumio pola parte de Zamora, comezando a ruta na Laguna de los Peces (1720 m). Un camiño moi cómodo lévanos ata La Cuchilla (1900 m). Neste punto comeza un descenso ata o val do Tera (1600 m), que percorreremos ata o final, ata chegar á Majada de Trevinca. Aquí comeza a parte máis dura da ascensión, a pendente cobra un especial protagonismo xa que en dous quilómetros ascendemos practicamente 500 m de desnivel. Pero o esforzo ben paga a pena, xa que as vistas son espectaculares.
Se temos tempo e todo vai sobre o previsto, achegarémonos ao cumio do Pena Negra, outro dos “míticos” da serra, situado preto do Trevinca pero que goza dunhas vistas diferentes. O regreso facémolo polo mesmo camiño de ida e hai que ter en conta a subida que nos agarda para chegar á zona de La Cuchilla, antes de rematar.
A ruta considerámola de dificultade alta pola lonxitude e o desnivel da mesma. Os camiños en xeral son bos, salvo o tramo de subida e baixada do Trevinca que é un sendeiro un pouco incómodo ás veces, con rochas e pedras.
En toda a ruta non hai nin unha soa árbore e as zonas de sombra son moi escasas, polo que teremos que ir ben preparados para protexernos do sol.
O máis interesante da ruta é a paisaxe, que é abraiante: a serra de Trevinca, o canón do Tera, o Moncalvo, serra da Cabrera Baja, serra de La Culebra, comarca de Sanabria…
É unha ruta de montaña, cun desnivel considerable, certa lonxitude e fortes pendentes nalgúns momentos, polo que é preciso estar acostumado a este tipo de actividade. Transcorre dentro do Parque Natural Lago de Sanabria.
- Lonxitude: 26 km
- Dificultade: alta
- Desnivel: forte
Comezamos a camiñar…
Xa tiña chegado a Pena Trevinca ascendendo desde Ourense, dende a Pizarreira de La Cabrita. Agora espéranos coñecer a súa cara desde Zamora e subir ata a súa cima desde a Laguna de los Peces (1720 m), de orixe glaciar, no Parque Natural Lago de Sanabria. Unha ruta como a de hoxe, con máis de nove horas andando pola montaña, precisa que a iniciemos cedo e nós, logo do madrugón, comezámola ás oito da mañá no aparcadoiro que hai preto da lagoa.
Practicamente dende que saimos do aparcamento da Laguna de los Peces, comezaron por diante de nós unha parella de homes, un deles bastante maior, que semellan coñecer ben o camiño e cos que fomos alternando, unhas veces eles diante, outras detrás. Logo, entereime que soen subir a Trevinca seis ou oito veces ao ano!
Despois dunha pequena baixada dende o aparcadoiro, arranca a subida por un camiño bastante empedrado que nos levará a unha lomba, cruce de camiños coa ruta que vai cara ao refuxio da Laguna de las Yeguas. Un camiño moi cómodo lévanos ata La Cuchilla (1900 m). A paisaxe caracterízase polas formacións rochosas, matogueiras e pastos.
O bó que ten comezar tan cedo é que hai unha luz fermosísima e semella que a natureza está máis desperta e activa que nas horas centrais do día. Por exemplo, ver o gando movéndose na busca de pastos ou o trino das lavercas, que nos fai de fío musical durante estes primeiros quilómetros de andaina son un gustazo!
Logo de explicarnos o Víctor o desenvolvemento da actividade xa co Trevinca á nosa fronte, comezamos o descenso ata o val do Tera (1600 m), que percorreremos ata o final, ata chegar á Majada de Trevinca. Sigo sen parar de admirar a paisaxe: vemos á nosa esquerda o encoro de Vega del Conde, e a Laguna del Lacillo resgardada polo cume do Moncalvo, aínda medio cuberto por unhas nubes que nos deixan ver un par de neveiros. A paisaxe non pode ser máis fermosa, de fronte, Pena Trevinca, tamén cun par de neveiros, e a Serra Segundera. Igualmente de fronte temos o Val do río Tera, polo que camiñaremos, que se nos amosa impoñente.
Cando chegamos á majada de Rosinos, cruzamos o arroio e seguimos paralelos ao mesmo, segundo guían as marcas azuis da ruta. Nestes momentos do ano, hai moito gando pastando a esta altitude, pois aínda dispón de moito pasto verde. Nós seguimos baixando ata o val, temos que descender aos 1600 m, e cruzalo na súa totalidade para despois volver subir a Pena Trevinca. A visión do circo glaciar que temos en fronte é realmente impresionante. Debeu ser este mirar para diante e non para o chan, o que provocou que sufrira unha pequena escordadura, xusto antes de chegar á cabana de Ríopedro que, despois dun momento de dor, non foi a máis.
Continuamos camiñando polo val arriba sen maiores complicacións ata unha pontella que nos permite cruzar o río Tera que, a partir de agora, levaremos á nosa dereita. Estamos nunha contorna de alta montaña, de vexetación escasa e sen ningunha sombra, polo que este da ponte é un lugar axeitado para refrescarnos nun día cálido como o de hoxe. E falando de calor, xa comezamos a sentilo, conforme o sol vai gañando altura.
E eu comezo a notar unha incipiente bocha no pé esquerdo que me vai dar o día… pero non deixo de pensar que estamos a percorrer unhas paisaxes que foron modelados pola acción dos glaciares, de hai 10000 anos. Por este canón do Tera descendía unha lingua glaciar na era cuaternaria!
Atravesar o val, son case 6 km, faise bastante longo cando tes en fronte a montaña, e xa apetece empezar a subila. O camiño é cómodo, anque tivemos nalgún tramo un terreo encharcado e con auga, obrigándonos a saltar varios arroios para cruzalos. Tras superar a majada Trevinca, chegamos á base de Pena Trevinca. Neste punto, o Víctor vólvenos reunir para explicarnos máis polo miúdo o que nos queda por diante. Entre outras cousas, comenta que ultimamente se abriron diversas vías de ascenso, con distintos carreiros e fitos que iremos vendo conforme vaiamos ascendendo, pero que nós imos facelo pola clásica, polo que compre ir agrupados o máis posible. E agora, a subir 500 m de desnivel en 2 km de distancia…
Cando estamos a metade do ascenso superamos de novo á parella de montañeiros, pai e fillo, pois decidiron poñerse a xantar o bocadillo de chourizo que levaban sentados sobre unhas pedras, la mar de cómodos. Eu, un pouco máis arriba, a media ascensión, teño que parar e sacar a bota e calcetín, pois a bocha non para de dicirme que vai medrando. Que oportuna!
A 2000 m de altura, a vista sobre o val do Tera é maxestuosa. O verde das escobas, e o marrón da queiroga que xa perdeu a flor, vai contrastar co que nos imos atopar cando cheguemos arriba. Un mar de florciñas amarelas que se estende por toda a parte ourensá dos montes. Que fermosura!
E chegamos a Pena Trevinca, o punto máis alto de Galicia, dato que se sabe dende hai relativamente pouco tempo. Se o comparamos con outras rexións xeográficas onde estaba claro cal era o seu punto máis alto dende hai tempo, aquí había máis confusión por varios motivos, pero crese que fundamentalmente pola dificultade de acceso a este punto, tamén polas cuestións relativas ás fronteiras da Galicia actual, que non están plenamente estabilizadas ata a división administrativa provincial do século XIX, polo que non estaba claro cales eran os límites de Galicia precisos e onde podía establecerse o punto máis alto. Xa hai algún autor que a principios do XIX cre que o punto máis alto pode estar en Trevinca ou nos Ancares, non está demasiado claro e, de feito, tamén había a crenza que aparece en varias xeografías rexionais, de que o punto máis alto se situaba en Cabeza de Manzaneda (1781 m), que por certo, hoxe vese perfectamente dende aquí, estando a uns 25 ou 30 km en liña recta.
Pena Trevinca ten trescentos metros máis, e polo tanto é claramente o punto máis alto, o que lle confire un valor simbólico e bastante claro xa nas xeografías rexionais dende que se recoñece este dato. Non hai constancia dende cando sucedeu isto. Posiblemente, o enxeñeiro belga Edgar D’Hoore que estivo por aquí nos anos dez do século XX traballando nas minas de volframio de Valborraz, foi a primeira persoa que subiu aquí cun altímetro e, polo tanto, a primeira persoa que subiu e identificou a altura de 2127 m.
Quen suba a Pena Trevinca vai poder contemplar unha contorna moi interesante e particular, pois é unha atalaia perfecta para ver un val glaciar, un val con forma de U coa superficie achairada na zona máis basal e coas ladeiras moi verticais a ambos lados. Polo tanto, hai que imaxinarse que aquí houbo unha lingua glaciar hai varios milleiros de anos, que agora desapareceu, pero que erosionou profundamente este val e o converteu na forma en que o vemos na actualidade.
Este val é moi interesante por múltiples motivos, entre eles o de ser a cabeceira do actual río Tera que, augas abaixo, remansa na lagoa de Sanabria, que hai que vela como a parte frontal desa lingua glaciar, onde a morrena frontal o que fai é obturar, ou represar a auga, e non deixa que corra ou que circule. Como se ve claramente dende o cumio nos meandros formados, máis propios das zonas baixas dos ríos, que ten que ver co feito de que é chan no seu nacemento na súa parte máis alta. E vemos prados, porque esta é unha paisaxe profundamente transformada, moi humanizada, historicamente utilizada para pastos e para gando.
As montañas imperan completamente: a Serra da Culebra en Zamora, Serra de Queixa e Serra do Eixe en Ourense, e o Val do Tera alá abaixo! Momento de descanso e contemplación.
Logo de descansar e facernos unha foto de grupo (e moitas máis), e de marabillarnos dende o cumio, descendemos para achegármonos ata o cumio do Pena Negra, outro dos “míticos” da serra, situado preto do Trevinca pero que goza dunhas vistas diferentes. Na base do Pena Negra decido non subir pola bocha que segue dándome a lata, e agardo a que baixe o resto para iniciar o camiño de volta.
Baixar é o que menos me gusta sempre, que me machuca os xeonllos. Posto que a ruta é liñal, regresamos polo mesmo camiño. Logo do descenso da montaña, decidimos parar a xantar antes de comezar a percorrer o Val do Tera. Percorrémolo enteiriño de novo e, xa no refuxio de montaña de Ríopedro detéñome para que Víctor me revente a bocha do pé e me faga unha pequena cura de urxencia.
Inicio lentamente o ascenso ata La Cuchilla, a última dificultade da xornada. A paisaxe sobrecolle e, se hai algo que destaca, ademais de Trevinca ao fondo sobre o que se están a formar unhas enormes nubes de evolución, é o espectacular val que acabamos de cruzar co río serpenteante que o percorre na súa totalidade. As paradas para descansar permítenme ir saboreando esta paisaxe que non sei cando volverei percorrela. As miradas cara atrás son constantes.
Despois de estar un bo rato paladeando esta paraxe con algunhas nubes sobre as montañas e reflectíndose no encoro, continúo coa subida con moi bo sabor de boca e unhas cantas fotos na tarxeta. O camiño de volta, superado xa o alto, faise rápido pois hai gañas de chegar, a pesares de que hai que levar coidado por onde pisamos nestes últimos pasos pola cantidade de pedra solta que hai no camiño chegando xa ao aparcadoiro.
Un pouco máis adiante agardábanos o bus, que nos desplazou ata El Puente, xa de regreso a casa, onde saboreamos unha boa cervexa que soubo a gloria! En fin, unha ruta que resulta longa e cansa, polos seus 27 km e máis de 1000 metros de desnivel, pero que non presenta ningunha dificultade especial.
Que gañas tiña de volver andar por esta zona tan mítica e fermosa! A verdade é que as andainas que percorremos estes días foron unha auténtica marabilla e gocei moito nesta estadía por esta terra.