Roteiro por Louro

27-03-2019
Roteiro por Louro

Esta tarde de sendeirismo lévanos pola parroquia de Louro, no concello de Muros. É un percorrido circular que nos permite gozar dun feixe de elementos de gran interese, como o conxunto de hórreos de Louro, a súa igrexa, os muíños do rego de Longarela e o seu bosque, as impresionantes vistas de monte Louro e a súa lagoa dende o monte Meán, os petróglifos da Laxe das Rodas, o convento de san Francisco

Son 8 quilómetros sen grandes dificultades, salvo as costas que hai que salvar. En xeral os camiños son bos e hai algún tramo de asfalto. É unha ocasión estupenda para gozar dunha tarde primaveral nun entorno único.

  • Lonxitude: 8 km aproximadamente
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo-medio

Comezamos a camiñar…

A tarde non pode estar millor para dar este paseo polos arredores de Louro. Partimos de San Francisco, un lugar de crecemento exponencial de segundas vivendas e sen ningunha planificación urbanística, como en moitos lugares costeiros de Galicia.

Gran parte do percorrido realizámolo por asfalto, non queda outra, incluso cando nos introducimos na aldea de Louro e camiñamos polas súas rúas. Próxima a fermosas praias cheas de turistas torrándose ao sol, atopámonos cunha aldea chea de casas de pedra e un magnífico conxunto de hórreos, coñecidos aquí como cabaseiras. Tamén podemos apreciar as barbaridades feitas non hai moito nalgúns deles, como servir de soporte de farois ou de antenas de televisión. Percorremos o lugar, e a cabaceira central, onde era e sigue sendo o espazo de socialización.

Roteiro por Louro

Desviámonos un pouco do camiño para visitar a Igrexa de Louro, unha construción de orixe medieval, cunha completa restructuración no século XVIII. O máis chamativo é a presenza dun coro ao que se accede por unha escaleira adosada ao muro. Nas proximidades existe un extrano cruceiro que, en contra da norma (reprodución de crucifixións, desencravos, etc.), está decorado con motivos florais.

Roteiro por Louro

Esta parte “fea” por asfalto compénsase co agradable paseo fluvial á beira do rego de Longarela, co seu conxunto de muíños que imos descubrindo río arriba. Salvo o primeiro, que está restaurado, o resto consérvase en estado ruinoso, pero estas construccións amosan a importancia que tiveron na economía agraria do pasado. Apreciamos así un aspecto complementario da vida cotiá dunha poboación do litoral, o mundo agrícola, definido polo monte, as leiras e o mar.

Roteiro por Louro

Tamén se compensa sobradamente a andaina coas bonitas vistas que nos ofrece o monte Meán, ao que accedemos logo dunha pequena subida dende Taxes. Dende este miradoiro apreciamos perfectamente o monte Louro, ademais da aldea de Louro e a lagoa de Xalfas, pechada ao mar por un cordón dunar. Esta mole de pedra que debuxa no horizonte o monte Louro é, sen dúbida, unha das postais que quedan gravadas e nunca se esquecen. E ao seu carón, entre a praia de San Francisco e a pequena vila que leva o nome do monte, a lagoa das Xalfas acompáñao fielmente. O monte é un Lugar de Interese Xeolóxico (LIG, recoñecido polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME), e o conxunto formado xunto coas dunas e a lagoa compón un ecosistema declarado Espazo de interese natural, no que conviven diferentes especies vexetais e animales, entre outros, ánades e garzas. Entre as dunas e o mar, esténdese a longa praia de Louro, ou de Area Maior, de finísima area branca.

Roteiro por Louro

É moi importante a riqueza natural que xira arredor da lagoa de Xalfas. É posible grazas a que a barra de area que conforma a praia de Area Maior impide a chegada ao mar das augas do rego Longarela. Ainda así, en momentos puntuais, prodúcese o fenómeno do ingüeiro (este ano pruduciuse de novo a primeiros deste mes de marzo), cando a lagoa e o mar xuntan por un tempo as súas augas. O ecosistema que conforma a lagoa de Xalfas dá pé ao encontro de aves, anfibios, réptiles e pequenos mamíferos.

Ao final da praia, emerxe impoñente o Monte Louro, que xa visitamos nun par de ocasións. A última e xaneiro de 2016 da man de Antón Lado, natural desta parroquia, que nos deseñou un percorrido por algún dos puntos que imos visitar de novo hoxe. Por certo, no seu día creou unha asociación co nome Ingüeiro. Para moitos, no Monte Louro danse a man a Costa da Morte e as Rías Baixas, que vemos cara ao sur, coa ría do Muros-Noia, co concello de Porto do Son e a serra do Barbanza á fronte, Baroña, as Furnas, o faro de Corrubedo… Este enclave leva séculos cativando pola súa maxestuosidade.

Roteiro por Louro

As vistas que temos dende esta atalaia invita a pasar horas e horas contemplando este espectáculo da natureza, sen decatarnos de que pasa o tempo, pero temos que baixar e continuar o noso camiño.

Toda a comarca é un parque temático da arte rupestre, e non podemos deixar de visitar, unha vez máis, a Laxa das Rodas, cuns impresionantes petróglifos nunha gran laxa, datada na Idade do Bronce (é sempre coñecida co termo de Laxe, pero os deste lugar de Galicia chámanlles «Laxa» ás pedras de grande tamaño e de superficie máis ben tirando a plana). Dende aquí seguimos disfrutando dunhas espectaculares vistas da ría.

Roteiro por Louro

Como comentaba naquela entrada de 2016, a Laxa das Rodas ten tido varias interpretacións: como almanaque laboral (o motivo principal son dúas espirais que xiran en sentido contrario unha da outra), mesa de ofrendas para propiciar as boas colleitas, conxunto de signos solares, a morte ou a fecundidade acuática e lunar.

Logo de visitar esta estación rupestre, volvemos ao camiño, xa todo en descenso, ata que damos cun tramo dun Via Crucis que parte do Convento de San Francisco, e que ascende polo monte próximo, desenvolvéndose un orixinalísimo Vía Crucis composto por quince estacións, nas que se relatan escenas da Paixón de Cristo. Accedemos ao convento sen pasar do patio, pero merece a súa atención, pois data do século XIII, a igrexa de estilo gótico e o fermoso claustro do ano 1646 (que coñecín cando asistín á voda dunha prima hai moitos anos).

Roteiro por Louro

Retrocedemos polo Camiño do convento, e só nos queda chegar de novo ao punto de partida na praia de San Francisco por rúas estreitas e beirarúas tamén estreitas…

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio