Ruta da Castaña e do Mel. PR-G 236
No concello da Pobra do Brollón, máis concretamente na parroquia de Salcedo, hai unha ruta de sendeirismo recentemente homologada. É a Ruta da Castaña e do Mel que comeza en Salcedo e vai baixando entre bosques ata o río Lor á altura da central de Loureiro. Logo pasa polo souto de Paramedela e volve cruzar o río para comezar a subida que nos leva de volta a Salcedo.
Durante o percorrido podemos ver alvarizas restauradas, soutos, o río Lor, o castro de As Laceiras e abraiantes miradoiros. Todo integrado nun fermoso entorno natural.
A ruta non ten moitas dificultades, pero hai que ter en conta o descenso ata o río e a subida no regreso. Predominan os camiños en bo estado, aínda que tamén hai tramos de sendeiro.
- Lonxitude: 13 km aproximadamente
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Logo de tomar un café e facer unhas pequenas compras na Pobra do Brollón, o bus deixounos na mesma entrada da aldea de Salcedo, ao pé dun pequeno parque, onde nos preparamos, agrupamos e iniciamos a andaina cruzando o lugar admirando a sua arquitectura pois, ademais de casas en mal estado de conservación, a gran maioría están restauradas conservando os elementos construtivos da zona. Atopámonos pronto co primeiro sinal que indica o inicio do PR-G 236 e, ao pouco, chegamos a unha bifurcación onde podemos elixir por onde seguir, pois a ruta é circular e este sería o punto onde se pecha o círculo do percorrido. Nós optamos por coller o camiño da esquerda.
Estas zonas da Pobra do Brollón e do Courel reunen unhas das maiores concentracións de soutos relativamente ben conservadas de Galicia, así como unha gran cantidade de alvarizas, de aí que nome dado á ruta cos dous produtos básicos do castiñeiro e das colmeas sexa moi acaído. Ademais da fermosa paisaxe que podemos admirar desde os distintos miradoiros acondicionados e dos fermosos e antigos camiños polos que andamos é, tamén, unha ruta para disfrutar doutros recursos ligados ao carácter cultural e etnográfico. Apenas andados un par de quilómetros, empezamos o descenso por un fermoso souto e xa divisamos a primeira alvariza que hai na outra aba do monte, separada polo rego Poxa.
As alvarizas son recintos que rodean as colmeas, sempre construídas no monte e adaptadas á inclinación do terreo, que as protexían das inclemencias do tempo e da depredación dos animais silvestres que podían ocasionar estragos nelas, como podían ser o raposo, o teixugo, o xabarín e, sobre todo, o oso. Soen ter auga nas proximidades e unha orientación ao nacente ou ao mediodía para aproveitar a maior cantidade de sol.
A cría de abellas en colmeas, para producir mel e cera xeralmente para o consumo familiar, é unha actividade complementaria da economía doméstica que se ven practicando en case toda Galicia dende tempos remotos. O clima de temperaturas suaves e unha flora melífera abundante (chorimas, uceiras, silvas… ), permiten e favorecen esta actividade, aínda non tendo unha dimensión económica importante. O gran número de alvarizas que hai nestes montes, fálannos da importancia que tivo o mel para estas xentes ao longo dos séculos pois, ademáis de obterse un importante alimento, o mel podía almacenarse, comercializarse e ser intercambiado por outros bens.
Facemos parada no primeiro miradoiro pois paga a pena admirar as amplas paisaxes cara ao val do río Loureiro, afluente do Lor, e os montes que o rodean marcados por anchos cortalumes que semellan desgarralos.
Continuamos o descenso por un camiño no que deixou as pegadas o paso do carro en moitos tramos, ata que chegamos á pista que nos leva a cruzar o río Loureiro por un pequeno tramo soterrado para permitir o paso dos vehículos. Dende aquí iniciamos unha curta pero intensa subida que vai dar ao souto de Paramedela, xestionado pola Xunta de Galicia. No souto atopamos un antigo sequeiro restaurado cuxo interior podemos visitar. Os sequeiros son pequenas edificacións de dous andares, construídas con pedra e madeira, e empregábanse para secar e almacenar as castañas: na planta baixa facíase o lume e no andar alto colocábanse as castañas que se recollían de setembro a novembro, estendidas para que secasen pola acción do fume e da calor.
Seguimos a ruta, esta vez descendendo de novo ata o río Loureiro e, logo de cruzar unha pequena ponte de madeira iniciamos o ascenso. O entorno non pode ser máis fermoso. O camiño lévanos a media ladeira da montaña e introdúcenos aos poucos entre as árbores típicas da zona: os carballos e os castiñeiros.
Por unha ampla pista de terra acometemos un importante ascenso dende onde divisamos, primeiro, o fondo do val do río Loureiro, e a medida que gañamos cota, imos gozando dunhas fantásticas vistas panorámicas sobre o val do río Lor e do río Loureiro. Especialmente boas son as vistas desde o miradoiro da Pena dos Pasos, unha boa atalaia para apreciar a dimensión do souto de Paramedela e algunha que outra alvariza abandonada. Máis adiante, podemos comezar a ver o Alto do Convento, onde estivemos hai poucas xornadas, ou os picos nevados da serra do Courel presididos polo Formigueiros.
Un pouco antes de chegar ao miradoiro da Pena dos Pasos, pasamos por diante dunha alvariza con actividade, e andan as abellas traballando, polo que camiñamos rápido para non molestalas. Unha delas enredouse no pelo de Rocío e, ao axitalo, esta picouna no pescozo (din que ás veces son atraídas polo olor dos champús e colonias que utilizamos). Inmediatamente o Víctor sacoulle o aguillón e Rocío pudo continuar camiñando cunhas pequenas molestias sen maiores complicacións. Polo menos comprobou que non é alérxica ás suas picaduras!
Logo de parar para xantar baixo unha sombra no mesmo camiño, continuamos por unha ampla pista de terra sen apenas desnivel entre pradarías e árbores de reforestación e autóctonas. Coa ruta case rematada, facemos un pequeno desvío para achegarnos ata o castro de As Laceiras, un xacemento situado nun terreo particular pero que se pode visitar pois apréciase perfectamenta a sua estrutura e dimensións. Segundo din, é o castro mellor conservado do municipio.
Volvemos sobre os nosos pasos ata recuperar a pista e un pouco máis adiante chegamos de novo á bifurcación inicial da ruta, polo que só nos queda desandar o camiño ata o punto de inicio onde finalizamos a ruta.
Como dixen máis arriba, Salcedo é un lugar moi fermoso pero, con moitas casas que están caendo, ainda que algunhas recuperadas dende a nosa primeira visita en febreiro de 2012, tal como poidemos comprobar despois dos perceptivos estiramentos guiados por Rocío, mentres nos diriximos á Cantina de Julia, para tomar unhas merecidas e reconfortantes cervexas.