Ruta do Castro. Cervantes

Ruta do Castro. Cervantes

Visitamos o concello de Cervantes para facer a fermosa e coñecida Ruta do Castro. É unha ruta circular, con comezo e final no mesmo San Román de Cervantes, que nos achega ao castro de Santa Mariña logo de pasar o rego de Castelo. Mais adiante, subindo, chegamos a San Pedro onde comeza a subida máis forte da ruta de hoxe, que nos leva ao alto de Bibián, a 900 m de altitude. Dende aquí hai moi boas vistas de gran parte do concello. Un curto tramo por asfalto nos leva a unha curiosa capela dedicada a dous santos: santo Estevo e santo Antonio. Neste punto comezamos a descender ata chegar novamente a San Pedro e de aquí continuamos ata Cervantes.

O percorrido ten un alto interese natural, xa que son abondosos os bosques e cursos de auga. A zona tamén é unha boa mostra da típica paisaxe de montaña.
Pode haber lama nos camiños e tamén árbores caídas que poden molestar.

  • Lonxitude: 16 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Comezamos a camiñar…

Ruta do Castro. Cervantes

Logo de tomar o café no único bar aberto, reunímonos fronte á casa do concello en San Román e iniciamos a ruta por un camiño que nos levará ata o Complexo Etnográfico, instalado en dúas pallozas-museo e un hórreo típico reconstruídos por unha escola taller, onde se recrea a vida no interior destas estancias, distribuidas en función das necesidades dos seus moradores, ademáis de amosarnos en paneis a biodiversidade e os valores naturais desta zona dos Ancares. As pallozas son construccións circulares de pedra, con cuberta cónica feita con palla de centeo, teñen orixes prerronanas, e adáptanse ás necesidades dos habitantes e ao medio dunha forma totalmente harmónica.

Ruta do Castro. Cervantes

Rematada a visita, reagrupámonos mentres o Víctor coméntanos que non sabe como nos atoparemos o camiño pois cando veu preparar a ruta comprobou as consecuencias da combinación dunha nevarada forte tempraneira cun outono serodio. Cando voltamos da fin de semana leonesa polo Catoute e o Teleno a finais do outubro pasado, caeu unha nevarada fortísima nesta zona que pillou ás árbores aínda coas follas sen caer. A nevarada desgarrou as pólas de moitas árbores, e mesmo árbores enteiras, que non soportaron o peso da neve. Isto fixo que boa parte do percorrido se convertera para Víctor nunha proba de obstáculos que o esgotou. Deu parte ao concello do mal estado da ruta e para que retirasen do camiño as pólas e árbores caídas sen saber se lle farían caso, polo que non sabe como nos atoparemos o estado da ruta. Afortunadamente tivérono en consideración e o camiño está despexado, o que é de agradecer, pois non moitos concellos fan caso destas advertencias. Parabéns ao concello de Cervantes!

Ruta do Castro. Cervantes

Logo da advertencia, continuamos polo camiño que bordea a parte superior do recinto das pallozas-museo. O treito é cómodo, como un paseo, pois comezamos a descender ata as inmediacións do río Castro (non sei se é Castro ou Castelo) por un souto cuns exemplares de castiñeiros moi vellos, dun porte e cunhas formas espectaculares. Cruzamos o río por unha pontella e comezamos a subida por un camiño que nos leva directamente ata o Castro de Santa María.

Ruta do Castro. Cervantes

Segundo nos amosa o panel informativo, o poboado castrexo está datado na Idade do Ferro, entre os séculos I e II d. C., e foi estudado nos anos 1995 e 1996 (aínda que boa parte da superficie permanece sen escavar), o que permitiu amosar vinte e tres construcións de uso doméstico, ademáis de zonas de paso, canles, escaleiras e sistemas de drenaxe. Unha singularidade deste xacemento é a construción sobre o mesmo dunha necrópole, dos  séculos XIII-XIV, formada por 56 sepulturas. En moitos dos casos, para a súa realización utilizáronse pedras do recinto castrexo e mesmo en varias sepulturas aproveitouse a parede dalgunha casa para facer de lateral ou cabeceira. Dende esta atalaia gozamos xa dunhas vistas moi fermosas e fronte á excavación do castro observamos un pequeno outeiro chamado Castrillón onde ao parecer estaba situada a torre de vixiancia desta fortaleza.

Ruta do Castro. Cervantes

A importancia deste xacemento reside na información que achega sobre a transición da cultura castrexa cara á romana e, sobre todo, no que se refire á explotación mineira pois os indicios falan de que este asentamento fundouse para explotar as minas da zona. Na parte superior do poboado castrexo sitúase a igrexa de Santa María, un dos templos católicos máis antigos de Galicia. Admirámola só por fóra pois no momento en que pasamos atopábase pechada. O seu asentamento nun outeiro e ao estar encalada provocan que destaque na paisaxe, e vai ser referencia dende moitos puntos da ruta.

Ruta do Castro. Cervantes

Unha vez visitado o xacemento e feitas as fotos de rigor, descendemos e imos de novo ao encontro do río Castro, onde atopamos un antigo muíño e unha pasarela de madeira que nos permite cruzar á outra marxe (22.000 € custou, segundo o cartel do Ministerio!).

Ruta do Castro. Cervantes

Comezamos a subida pasando preto do Castrillón, e dirixíndonos cara a aldea de San Pedro (Castelo de Cais) empezamos a ter amplas vistas desta fermosísima paisaxe de montaña. A ruta homologada iniciaría nesta aldea o regreso a San Román, pero nós decidimos alongala un pouco. Logo de cruzar San Pedro e ver tamén por fóra a súa pequena igrexa, iniciamos un longo e tendido ascenso que nos leva primeiro ata O Pombeiro, un lugar cunhas poucas casas e con xente con moitas gañas de falar. Detémonos para reagruparnos e descansar, mentres parolamos un pouco cun home acompañado dun cachorro, cruce de mastín, precioso; a pesares de que o animal ten gañas de xogar e deixarse acariñar, o home non está moi convencido co can pois, segundo nos comenta, os cruces con esta raza soen sair máis agresivos e hai que ter coidado con eles e non poden andar soltos. Logo enredamos con outro, non moi maior, mentres a súa nai comenta que nunca viu pasar tanta xente polo Pombeiro arriba! Residen na Coruña e veñen todas as fins de semana ata a casa familiar.

Ruta do Castro. Cervantes

Non sabemos como despedirnos, pois coas gañas de falar que teñen seguiríamos alí un bo rato máis! Pero hai que seguir subindo pois temos que chegar ao alto de Bibián, a 900 m de altitude. A paisaxe que divisamos en todas as direccións é espectacular e típica dos Ancares. Pequenas aldeas como A Pereira, vales encaixados e por diante parte da serra de Ancares, presidida polo nevado Penarrubia, o pico mais meridional da serra.

Ruta do Castro. Cervantes

A partir do alto, a dificultade da ruta disminue pois, xa en baixada e logo dun pequeno tramo por estrada, facemos unha pequena parada para xantar ao pé da capela de santo Estevo e santo Antonio, tan pequena, que máis que unha capela parece un refuxio! Pero a fermosura do lugar é impagable, que luxo comer con estas vistas! Continuamos ata a aldea de Eilarrío e de aí, de novo, ata San Pedro.

Ruta do Castro. Cervantes

En San Pedro, descendemos de novo ata o Regueiro do Castelo para, dende alí, comezar o ascenso a San Román. Continuamos subindo suavemente por un souto impresionante, cuns castiñeiros igual de fermosos como os que víramos pola mañá. O tramo está bonito, pero dá pena ver de novo as pólas e árbores caídas retiradas á beira do camiño! A pesares desta limpeza da ruta por parte do concello, penso que os camiños son responsabilidade de todos. Se non os coidamos, se non os transitamos, desaparecen, xa sexa engulidos pola vexetación, labrados ou enterrados baixo edificacións (anque pode que sobrevivan nos legajos), pois para seguir abertos, os camiños precisan ser andados.

Ruta do Castro. Cervantes

Este coidado dos camiños lembroume a historia que conta Robert Macfarlane* situada no século XIX. Ao comezo dos camiños máis concurridos da rexión de Suffolk -aqueles que unían dúas aldeas ou os que levaban ata as igrexas- dispoñíanse unhas pequenas fouces colgadas dun poste, ou dunha cancela. Os camiñantes usábanas para podar as polas que empezaban a obstruir o paso, e logo as deixaban no outro extremo do sendeiro, onde serían recollidas por outro camiñante que viñera en sentido contrario. O camiño era, por tanto, mantido colectivamente para o disfrute da comunidade.

Case sen decatarnos, entramos de novo en San Román, onde temos tempo de tomarlle unha cervexa na de Pepín, o único bar aberto, mentres falamos cun xubilado de Fenosa que nos contou máis dunha percorrendo toda Galicia por mor do seu traballo.

*Macfarlane, Robert. Las viejas sendas. Valencia: Pre-Textos, 2017.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio