Alto do Convento. O Courel

16-02-2019
Alto do Convento. O Courel

Retomamos as nosas de rutas de montaña visitando o sur da serra do Courel, máis concretamente o concello de Quiroga. O noso obxectivo nesta ocasión é o alto do Convento (1128 m), un cumio situado moi preto do veciño concello de Folgoso, de altitude moderada, pero que é un abraiante miradoiro natural desta zona da serra.

A actividade comeza na parroquia de A Ermida, a 350 m de altitude. Os primeiros sete quilómetros son unha constante e case que permanente subida ata o mesmo cumio, con tramos de moita pendente e outros máis levadíos. No alto podemos divisar gran parte da serra e da comarca, a chaira de Quiroga e San Clodio, o val do Lor, o Courel… Despois comezamos o descenso ata Campodola, onde podemos observar un dos máis interesantes elementos xeolóxicos do noso país, o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, que foi declarado monumento natural no ano 2012 e lugar de interese xeolóxico no 2011. Aquí a paisaxe cambia drasticamente, entramos no val do río Ferreiriño, e aparece o bosque autóctono. No lugar de Campodola enlazamos co sendeiro PR-G 192, o cal seguiremos ata o final da ruta no lugar de Campos de Vila.

O percorrido non ten grandes dificultades, salvo o continuo e forte desnivel a salvar tanto na subida como na baixada. Tamén no tramo do sendeiro de Campodola temos que cruzar un rego, que en función do seu caudal pode complicarnos máis ou menos. Un pouco máis adiante hai un curto tramo que pode dar algo de vertixe.

  • Lonxitude: 18 km aproximadamente
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: forte

Comezamos a camiñar…

Hoxe toca madrugar un pouco porque temos por diante máis de dúas horas de viaxe ata Quiroga e porque a ruta vai ser un pouco longa, con máis de seis horas camiñando. Pouco despois das once o bus deixounos no lugar da Ermida, ao pé da estrada que leva de Quiroga a Folgoso, punto de partida para acometer a subida ao Alto do Convento.

Alto do Convento. O Courel

Sen preámbulo, iniciamos unha forte subida por unha cómoda pista.en zigzag á sombra de piñeiros, Pouco a pouco o bosque comeza a clarexar e empezamos a gozar das primeiras vistas. Cando as árbores rematan a  medida que gañamos altura, decátome de canto nos estaban protexendo do sol que, unido á falta de vento, está a afectarnos un pouco. Ata unha rapaza paraguaya que nos acompaña hoxe sofre un mareo que fai que nos deteñamos un rato para que se hidrate un pouco. E para máis inri eu perdo a visera un pouco máis arriba, coa que está a caer! Menos mal que Rocío se prestou a voltar por ela a ver se a atopaba e, por suposto, atopouna!

Alto do Convento. O Courel

Agora toca acometer o ascenso final. Quédanos unha forte subida para alcanzar o cumio, pero sen maiores dificultades, a pesares do sol. As vistas cada vez son mais y mais impresionantes.

Alto do Convento. O Courel

E chegamos ao noso obxectivo, o Alto do Convento (1130 m), un cumio situado entre os concellos de Quiroga e Folgoso do Courel, que é un miradoiro excepcional. Tras reunirnos ao pé do punto xeodéxico, o Víctor vainos identificando todo o que podemos divisar dende alí, dende a Serra de Queixa, pasando por Trevinca, seguindo polo Courel e rematando nos Ancares, a chaira de Quiroga e San Clodio, o val do Lor,  mesmo podemos divisar a Serra do Faro. Realmente tivemos un día excepcional, con calor, o que favoreceu a gran visibilidade. Tras facer unha boa sesión de fotos (e esquecer de novo a visera), dispómonos a baixar na busca dun lugar á sombra onde descansar un pouco e picar algo do que levamos.

Alto do Convento. O Courel

Logo comezamos a descender ata Campodola, unha aldea abandonada, como moitas por estas terras, que dá nome ao pregamento que apreciamos en case toda a súa extensión, un dos máis interesantes elementos xeolóxicos do noso país. O descenso é cómodo e con esta paisaxe, un gustazo, pois temos sempre de fronte as vistas sobre o pregamento mentres nos achegamos á estrada que vai de Quiroga ata Folgoso, que temos que cruzar. Imos pola aba dereita do val do río Ferreiriño entre soutos con exemplares de gran porte.

Alto do Convento. O Courel

Facemos unha boa parada na aldea de Campodola, mentres Víctor e Rocío descenden ata o Ferreiriño para analizar a situación e ver por onde acometemos o seu paso xa que a ponte de madeira para cruzalo non ofrece ningunha garantía. Mentres agardamos, dou un pequeno paseo pola aldea que, a pesar do seu estado ruinoso, é unha fermosa mostra da arquitectura tradicional desta zona. Recentemente vin no cine a película Trinta lumes rodada nestas terras do Courel e que nos amosa unha viaxe pola tradición e a cultura popular de Galicia, unha cultura rural que desgrazadamente está desaparecendo, e que neste lugar é patente pois non queda ningún lume…

Alto do Convento. O Courel

A baixada ata o río facémola por unha corredoira abrigada por un denso souto. Unha fermosura de paraxe! Cruzamos o río sen maiores dificultades pois baixa con moi pouca auga debido á seca que estamos a padecer neste inverno. Seguimos logo polo fermoso val do río Ferreiriño ata enlazar co sendeiro PR-G192, que nos adentra no pregamento.

Alto do Convento. O Courel

O Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós é a pegada máis evidente e espectacular do punto de unión das dúas masas continentais que deron lugar á formación do territorio emerxido de Galicia tal e como o coñecemos hoxe. Trátase dun espectáculo natural que ten moi poucos puntos de comparación en todo o continente, xa que só nos Alpes, nalgún punto dos Pirineos e en Teruel pódese contemplar algo semellante.

Alto do Convento. O Courel

O proceso de choque e emerxencia das terras, ata entón somerxidas, tivo lugar no período Carbonífero, hai 350 millóns de anos durante a oroxénese Hercínica ou Varisca. Este pregamento é un exemplo típico do que se denomina pregamento deitado. As capas que o compoñen conteñen distintos minerais de períodos xeolóxicos distintos, como rochedos de ton claro (cuarcitas do Arenigiano, 478-488 millóns de anos) e zonas escuras con vexetación (lousas do Ordovícico Medio, 458-478 millóns de anos). No pregamento de Campodola-Leixazós apréciase con nitidez este proceso grazas á erosión, que arrasou a montaña e deixou ao descuberto a sua estrutura interna nun gran corte transversal. Trátase dun sinclinal, é dicir, un pregamento de forma cóncava na que o eixo de flexión foi orixinalmente vertical. A forza tectónica fixo que as capas plegadas se curvaran ata que o eixo quedou en posición horizontal. Enriba desta grande estrutura existiu outro pregamento de similar tamaño orientado en dirección inversa, un anticlinal, que desapareceu a causa da erosión.

Alto do Convento. O Courel

O sendeiro percorre en gran parte ao mesmo pé da charnela, o punto de máxima curvatura do pregamento, e vemos como por riba do camiño se levantan espectaculares rochedos que forman parte do mesmo. Ata vemos pedras sobre o camiño que supoño son froito de desprendementos do pregamento. O estreito val do río permítenos ver na outra aba a estrada que cruzáramos un pouco antes, ademais de ter espectaculares vistas tanto do val coma das formacións asociadas ao Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós. Imos avanzando entre castiñeiros, carballos e vexetación autóctona e, xa no tramo final da ruta, a altura dos restos do castro de Castelín, cambiamos de val para dirixirnos, por pistas entre recentes plantacións forestais de especies autóctonas e piñeiros, cara a aldea de Campos de Vila, punto final da ruta. Trátase dun descenso cómodo, cara o val do río Quiroga, anque este último treito xa parece que sobre, pois vou con gañas de rematar o percorrido e poñerme cómodo.

Alto do Convento. O Courel

Estou canso, pero feliz, pois a ruta cumpriu con creces as miñas expectativas e o espléndido día que tivemos corouse en Quiroga tomándolle unha cunca de caldo cunha cervexa ben fresca!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Alto do Convento. O Courel”

  1. Aínda que non o creas, disfruto moitos eses intres de soidade “buscando gorras” ou o que sexa 😉
    Moi boa crónica!

    1. Pois fareime o despistado máis veces! :)) En serio, deume moita rabia que tiveras que volver. Moitas grazas por todo!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio