A Paradanta. A Cañiza
Hoxe desprazámonos ata o concello da Cañiza, concretamente á comarca da Paradanta, no sur de Galicia. Xa estivemos na primavera de 2015 nesta zona da Paradanta facendo o sendeiro das Fragas e Levadas dos ríos Calvo e Deva, que nos sorprendera gratamente pola súa variedade de paisaxes.
Nesta ocasión comezamos a ruta no mesmo punto, na capela da Pena de Francia, facendo inicialmente parte do mesmo camiño do PR-G 165 polo val do río Calvo, e seguindo o coñecido como Camiño da Raíña que pasa polo lugariño de O Formigueiro ata o Chan dos Bidueiros. Dende aquí, chegamos ao Coto da Vella, onde teremos unhas fermosas vistas da zona. Logo, seguindo un Via Crucis en forte pendente, só nos queda chegar ata o santuario da Franqueira, o cal aproveitamos para visitar, e dar por rematada a andaina. A ruta ten unha dificultade media, só é destacable o desnivel.
- Lonxitude: 15 km aproximadamente
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Despois de tomar o café de rigor na Cañiza, desprazámonos ata a Ermida da Pena de Francia, unha capela do ano 1756 nunha contorna con abondosa arboreda, palco da música e mesas para tomar un acougo, dende onde iniciamos o percorrido. A pesar de que pronosticaban chuvias para o mediodía, nada máis baixar do autobús un persistente orballo fixo que xa nos enfundáramos na roupa de augas e abrísemos os paraugas. Desde aquí comezamos a subir pouco a pouco. Unha subida sen moita dureza a pesares do desnivel que imos salvando, na que o esforzo vése recompensado coas fermosas vistas que hai do fondo do val do Calvo e o que nos permiten ver as nubes baixas que van ocultando a parte alta dos montes, a medida que avanza a mañá.
Este primeiro tramo da ruta é moi fermoso pois, ademáis das rodadas dos carros que deixaron a súa pegada polo camiño, imos contemplando o espido bosque caducifolio que hai no val do río Calvo. Desta vez, en lugar de ir na busca do río, continuamos cara arriba, salvamos o regueiro de Porto de Bois, que baixa con abundante auga, pasamos por debaixo da autovía A-52 e chegamos ao lugar do Formigueiro, con casas abandonadas pero tamén restauradas, onde se pode apreciar unha boa mostra da arquitectura tradicional da zona, sendo o granito é o elemento constructivo por antonomasia.
Imos polo sendeiro histórico Camiño da Raíña, nome que lle ven dado como testemuño de ser a vía de tránsito da raíña dona Urraca cando viña de Castela ao mosteiro da Franqueira, e tamén para visitar as súas propiedades en terras galegas, como o Castelo de Sobroso. Lemos no cartaz da ruta: “Antiquísimo camiño e vía principal de comunicación, polo que desde a Idade Media transcorreron día a día carruaxes, comerciantes, arrieiros e mensaxeiros… e aínda a principios do pasado século baixaban a ombreiros os cadaleitos desde os lugares de Formigueiro, Vilariño e Folgoso ata Parada de Achas, denominándose tamén Camiño dos Defuntos“.
Tamén salienta unha novidosa sinalización, a da Vía Mariana, unha ruta Luso-Galaica de recente creación que, ao longo de 370 quilómetros une os santuarios marianos da Senhora do Sameiro de Braga e o da Virxe da Barca en Muxía. Logo de deixar terras portuguesas por Melgaço, é o da Franqueira o primeiro santuario a visitar en terras galegas. Se o camiño pasa por paraxes tan fermosas como esta, seguro que acabaremos facendo todo o percorrido!
Logo de deixar o Formigueiro, continuamos por un bosque de piñeiros silvestres e chegamos á área recreativa de Chan dos Bidueiros, onde aproveitamos a copa das súas árbores para protexernos da chuvia e poder xantar sen mollarnos moito. Non tardamos en facelo, pois o vento frío fai que apuremos e continuemos camiño. Falamos sobre o impresionante o papel que xogan nesta zona as comunidades de montes, e como exemplo temos esta da Paradanta ao que se lle debe o acondicionamento e actualización dos paneis da ruta, como se aprecia nesta área de descanso dos Bidueiros, ofrecendo unha información valiosa aos que queremos andar por estes sendeiros. Parabéns á Comunidade de Montes!!
Estamos percorrendo unha variante do PR-G 163, a chamada dos Variante dos Cotos, que une o val coa montaña e que, a pesar do nublado do día, permítenos ver o val do Miño, das montañas de Portugal e, cara o oeste Xerardo amósanos Ponteareas e a populosa parroquia de Xinzo e, máis lonxe, a silueta das illas Cíes. Pero o que nos chama a atención é unha xoia que atopamos neste camiño de subida, o Neveiro dos Frades (s. XVI-XVII), un pozo de grandes dimensións excavado na terra con muros de contención, no que se almacenaba a neve para convertila en xeo. Estaría moi ben que este xacemento estivese ilustrado con algún panel informativo sobre o mesmo pois, a simple vista, semella que ten un segundo anel exterior amurallado cun recheo intermedio de terra que funcionaría como aillamento térmico. De ser así, este dobre muro perimetral sería co de Fixó, no concello de Forcarei, único nas neveiras galegas.
Coroamos o Coto da Cruz, dende onde hai unha impresionante vista do lugar da Franqueira, onde destaca a súa igrexa. No coto está chantado unha cruz de cemento de enormes dimensións, estación final dun Via Crucis deseñado nun camiño en zigzag de forte pendente. Facémolo á inversa, en descenso e sen ánimo de penitencia, e xa con certa presa, pois agárdanos no santuario da Franqueira o seu rector e párroco, Xavier Alonso, que nos vai explicar magníficamente a súa historia.
O mosteiro da Franqueira encóntrase situado no corazón dos Montes da Paradanta, e no seu seo recibe acomodo unha virxe que nuclea unha das devocións máis grandiosas do sur de Galicia e incluso do norte de Portugal. Ignórase o momento de cando comezou a veneración da Virxe da Franqueira, tamén coñecida como Virxe da Fonte, pero a tradición afirma que xa recibía culto no século VIII, cando a imaxe é agachada no monte para protexela da invasión musulmá. O cumio do monte é o lugar onde conta a tradición que foi atopada a imaxe por unha anciá que recollía o seu gando. Como había disputas entre os cotos limítrofes pola súa posesión, decidiuse poñer a imaxe nun carro tirado por bois que tirarían del ata que parasen, facéndoo na Franqueira, e alí sería o lugar onde construiron a ermida porque se entendeu que era o lugar elixido pola virxe para ser venerada.
Os milagres acontecidos ao longo dos séculos fan deste un lugar de peregrinación. A vila ten unha intensa vida social e relixiosa, favorecido polo paso do Camiño real. En 1835, coa desamortización de Mendizábal, son expulsados os monxes, o mosteiro chega á ruina e a súa igrexa permanece como templo parroquial ata hoxe.
Cóntanos Xavier que, na actualidade, a imaxe da Virxe convoca a milleiros de peregrinos en dous momentos principais do ano para a súa veneración. O luns de Pentecostés, Día das Pascuillas, peregrinan as parroquias da comarca portando as imaxes de maior veneración. Cada oito de setembro celébrase a natividade da Virxe. A imaxe sae en procesión nun carro de labranza, acompañada coas antigas danzas na súa honra, e represéntase o auto sacramental do Cristián e o Mouro, que lembra o milagre da liberación dun veciño en tempos da reconquista.
Virxe da Franqueira, que tés un meniño, fainos levadeiro o longo camiño.
Queremos agradecerlle ao párroco (e á paciencia da nena que estaba agardando pola catequese), a súa amabilidade para con nós e darlle as grazas pola doazón da monografía relativa á dimensión artística da igrexa e ao catálogo da exposición de arte sacro Magnificat, celebrada en Vigo con motivo del 50 aniversario da Coroación da imaxe do santuario. Moitísimas grazas!
Acibro, liquenes, piedra y agua…Qué buenos recuerdos. Besos!!