Polas Fragas e levadas dos ríos Calvo e Deva. PR-G165

28-03-2015
Polas Fragas e levadas dos ríos Calvo e Deva. PR-G165
Polas Fragas e levadas dos ríos Calvo e Deva. PR-G165

A de hoxe presentábase como unha xornada festeira, pois tiñamos reservado para Suso unha serie de sorpresas, por isto de celebrar as súas 151 andainas coa USC, e que lle fomos dando ao longo do día… e comezamos ben cedo! Recibiunos o bus que nos leva por Galicia adiante ben engalanado de guirnaldas e cunha lenda no parabrisas que poñía Parabéns Suso CL. Creo que o home non daba crédito, e moito máis ao subir e achegarse ao seu asento habitual, cando o veu sementado de máis guirnaldas. Alí mesmo, entregámos lle unha camiseta que, pensamos, lle gustou moito… e sen máis, dando el a orde de marchar, fomos camiño da Cañiza, con moitas gañas de facer unha ruta moi interesante tanto a nivel natural como cultural.

  • Lonxitude: 15 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Así que fomos ata a comarca da Paradanta, no sur de Galicia e visitamos o concello da Cañiza, para percorrer un dos trazados do PR-G165, salientable pola variedade paisaxística que hai durante a ruta.

Despois de tomar o café de rigor e de apropiarnos de embutidos na Cañiza, desprazámonos ata a Ermida da Pena de Francia, para iniciar o percorrido. Desde aquí comezamos a subir pouco a pouco, sen moita dureza a pesares do desnivel que salvamos, que se verá compensado polas fermosas vistas que hai dende arriba, que nos deixa ver a néboa a medida que avanza a mañá.

Imos polo sendeiro histórico Camiño da Raíña, nome que lle ven dado como testemuño de ser a vía de tránsito da raíña dona Urraca cando viña de Castela ao mosteiro da Franqueira, e tamén para visitar as súas propiedades en terras galegas, como o Castelo de Sobroso. Este sendeiro foi vía principal de comunicación desde a Idade Media ademáis de converterse nunha importantísima vía comercial que servía de nexo entre os portos do Atlántico e as terras do interior.

E adentrámonos na fraga do río Calvo, un Espazo Natural de Interese Local, atravesada por numerosos nacentes e cursos de auga que alimentan o río e creando un microclima húmido de verdes ribeiras de liquens, musgos e fentos. Este tramo é moi fermoso, pois o sendeiro discorre case todo o tempo pola beira do río, coa primavera recén estreada dándonos uns verdes moi intensos e co son da auga acompañándonos en todo momento. Destaca un souto centenario cuns castiñeiros impresionantes.

A fraga do río Calvo é un auténtico tesouro pouco coñecido, no que é salientable o seu bo estado de conservación, a biodiversidade e a súa beleza, que lle dá certo aire máxico.

Deixamos atrás a fraga e imos polo Camiño de Defuntos, ata o Feirón, onde decidimos facer unha pausa para descansar e repoñer forzas. Quédanos unha segunda parte da ruta ben fermosa.

As fragas do río Deva, coas súas augas deixando sentir a súa presenza permanente neste tramo, son un espeso bosque de ribeira onde predomina o salgueiro e o ameneiro, salpicados con carballos e pradairos, de intensos verdes neste comezo primaveral. Sons de auga vanse alternando, dende a tranquilidade dos remansos ata a enerxía dos rápidos e fervenzas na viaxe cara ao río Miño, salpicadas de levadas (canles para abastecer de auga as zonas de cultivo ou os pastos) ou muiños, como o de Sampaio, que nos da conta da súa importancia en tempos pasados.

O camiño é un sube e baixa, no que salvamos importantes desniveis, anque de xeito bastante escalonado.

Comezamos a ver as primeras sobreiras, unha árbore pouco frecuente na actualidade en Galicia, polo que emociona atoparse con ducias de exemplares neste bosque. De feito, un pouco máis adiante, na última parte da ruta, atravesamos un sobreiral de más de 4 hectáreas, un espazo forestal peculiar en Galicia, pois os montes de sobreira foron reducindo a súa presenza no noso país, ata o punto de ser considerados raros, cada vez máis escasos e nunha situación de ameaza de desaparición.… camiñamos por unha auténtica marabilla!

E deixamos para o final a celebración das CL andainas de Suso na Cañiza, con licor café traído por Marga e unhas pastas que trouxemos do Convento de Belvís. Por certo, o debuxo que figura na caixa das pastas é un regalo que lle fixo Suso ás monxas, e que se laia por non telo asinado (quen lle ía dicir que o seu debuxo ía ser tan viaxeiro!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Polas Fragas e levadas dos ríos Calvo e Deva. PR-G165”

  1. Qué fermoso roteiro e qué estupendo día para celebrar a Suso. Todas as fadas, todos os trasgos do monte e case seguro que todas as bruxas boas, que as hai, andaban con vos a procurar que o día saíse tan bo como semella que foi. Parabens para todos os roteiros, en especial para o autor de tan fermosas fotografías

  2. Quizais esta é unha das “rutas sorpresa” deste curso, non?
    Dende logo fumos en bo momento, aínda que seguro que os brezos nos montes están agora moito máis floridos.
    É moi salientable o bo estado de conservación dos ríos que vimos. Agardo que siga así.
    Non hai dúbida de que A Paradanta e unha zona a ter moi en conta no futuro.

    Moitas grazas Fran polas túas fotos e as túas letras.

    Saúdos¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio