Ribeira Sacra do Miño. PR-G 162 III
Hoxe é unha xornada moi especial para este grupo, pois o Suso celebra as 150 camiñadas coa USC! Resulta que o home andaba preocupado pois cría que non ía chegar a esta cifra xa que, entre os problemas das rodillas e os arrefriados invernais que impediron que se apuntase ás andainas, non lle chegaba o día! A verdade é que é un pracer e un privilexio ir ao seu carón, pois transmítenos sempre unha alegría, unha vitalidade e unhas gañas por coñecer, que son envexables; e que saibas que tamén envexo ese fermoso mapa de Galicia que tés marcado coas rutas que fixeches en todo este tempo. A por outras cento cincuenta! Parabéns!
- Lonxitude da ruta: 16 km
- Desnivel: medio-alto
- Dificultade: media-alta
O ano pasado, en marzo de 2014, comezamos a facer o sendeiro homologado PR-G162, que se inicia en Santo Estevo de Ribas de Miño e remata en Atán. Naquela ocasión fixemos o primeiro treito dende Santo Estevo ata Mourelos. O pasado mes de novembro fixemos un segundo treito, dende Mourelos ata Ribeiras de Miño. Agora fixemos o último tramo, dende Ribeiras de Miño ata Cima de Atán. O percorrido ten innumerables puntos de interese, tanto paisaxísticos como naturais e culturais: miradoiros, bosques, castros, igrexas…
Seguimos apreciando durante toda a ruta as coidadas ringleiras de socalcos desta ribeira miñota, comunicados por pequenos grupos de chanzos. Estreitos camiños de pedra serven á extracción da uva que necesariamente ten que ser transportada por medios totalmente manuais ata as pistas abertas na ladeira. Esta viticultura heroica altérnase con soutos, bosques de érvedos e sobreiras de tipo mediterráneo que nos acompañan durante o percorrido, pero o salientable nesta época son as mimosas que, inexorablemente vanse apropiando de grandes estensións desde fermoso espazo.
Despois de achegarnos ata o Miradoiro do Castelo e admirar as fermosas vistas das dúas ribeiras do Miño, remansado polo encoro de Belesar, deixamos para a tarde os puntos máis interesantes deste tramo. Fronte a unha antiga adega de pedra atopamos sinalizado o desvío para descender á fervenza de Augacaída, que non fomos visitar, e o castro de Marce, situado nun montiño e con vistas da caída da fervenza, e cunhas fermosísimas vistas panorámicas sobre o canón do Miño.
Segundo versións dos veciños, o castro era todo de pedra, e tiña uns muros tan anchos e robustos que sobre eles xiraban os carros comodamente. Coñécense lendas moi orixinais sobre este castro: un veciño de Marce, que pescaba na beira do río, viu a unha “xacia” (ser mitolóxico acuático, de forma humana, que habitaba en pozos e ríos) moi fermosa, e tras bautizala e desencantala, contraeu nupcias con ela. Os fillos do matrimonio, como non podía ser doutro xeito, saíron moi afeccionados a bañarse no río. Aínda a principios do século XX, os veciños sinalaban que unha familia alí residente eran os herdeiros da híbrida parella… non me digades que non é bonita!
Voltamos ao camiño pasando por pequenas aldeas; na Casa de Cicerón unha paisana con gañas de falar ilustrounos sobre o propietario inglés sentada fronte á súa casa restaurada, e máis adiante, en Cabo de Vila ou Seoane, xa non me lembro, o Víctor contounos unha pequena anécdota que lle sucedera cando viñera preparar a ruta, moi indicativa do que está a pasar nesta zona (e en moitas outras de Galicia). Resulta que cando ía camiñando topouse cun paisano.
– Bos días!
– Bos días… carallo! que pronto aprendemos o galego! -dixo o vello.
– Como di? Se eu lle son da Coruña!
– Ah! Perdoe, pero eu crin que era alemán! (resulta que o Víctor é alto e con coleta loira), e que andaba a buscar casa por estas terras… pois ultimamente non vemos máis que alemáns, suízos ou ingleses que queren vir vivir aquí. Como vivirá esa xentiña para andaren a buscar casas por aquí!
Logo deste paréntese, chegamos ata á fermosísima igrexa de Santo Estebo de Atán, que pertenceu orixinariamente a un mosteiro fundado polo bispo Odoario no século VIII, que foi reconstruido entre os séculos IX e XII. A construcción actual data da época románica, dos séculos XII e XIII; consta dunha nave cuberta con treito de madeira a dúas augas e unha rectangular con boveda de canón. Dúas fermosas portas permiten o acceso o interior, destacando na fachada, ademais dos canzorros e capiteis e tres ventás caladas que nos vencellan a primitiva edificación prerrománica.
Quédannos dous quilómetros de subida para chegar á Cima de Atán, o máis duro da ruta, pero que se fai sen problema se o tomamos con calma.
A ruta ten partes de sombra baixo as árbores, e tramos a pleno sol, polo que é aconsellable evitar os días calurosos, sendo ideal na primavera e sobre todo o outono. A dificultade pode vir dada polo forte desnivel e a lama que poida haber nos camiños.
E final deste sendeiro de pequeno percorrido que nos amosou algunhas das marabillas dos concellos de O Saviñao e de Pantón, e nos levou por terras escarpadas, traballadas con viticultura heroica, percorridas por camiños e sendas en difícil equilibrio. Pero tamén son terras de crentes e peregrinos, cheas de igrexas e ermidas, como as de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi, San Martiño da Cova ou Santo Estevo de Atán, que se asentan entre fermosas fragas, soutos e viñedos, gozando de impresionantes paisaxes sobre o pai dos ríos galegos, o Miño, o gran protagonista deste camiño.
Agradecer dende estas liñas a disposición que tivemos sempre da Asociación Veciñal do Saviñao, ofrecéndonos información sobre a zona (hostelería, transporte, consellos, alternativas, etc…). Da gusto ver que os promotores do sendeiro se preocupan polos visitantes dese xeito! Moitísimas grazas, de verdade!
Parabéns a Suso polas 150 camiñatas coa USC¡¡¡, e tes razón, e un pracer camiñar o seu carón, apréndese moito….e tamén e un gran pracer camiñar contigo, Fran¡¡¡
Grazas Manuel!!
Moito te botamos de menos, ainda que de vez en cando lle botamos unha camiñada con paparota, que tamén é interesante. De feito, en breves terás noticias doutra…
Que vaia ben polos Faros. Apertas