Ribeira Sacra do Miño. Ruta por Belesar. PR-G 162 I
Esta ruta tiñamos pensado facela o sábado 8 de febreiro, pero por mor do tempo tan nefasto que estamos a ter neste inverno, decidiuse aprazala para este primeiro sábado de marzo. Para isto, fomos percorrer parte do sendeiro PR-G 162 en O Saviñao, concello enclavado na Ribeira Sacra, dentro da Comarca de Terra de Lemos. Trátase da ruta da Ribeira Sacra do Miño, liñal, de 39 km, dende Santo Estevo de Ribas de Miño ata Cima de Atán (Pantón). É un compendio de paisaxe-natureza, patrimonio, e ocio-gastronomia, un agasallo para os sentidos.
- Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
- Desnivel: medio.
- Dificultade: media (de subida e de baixada). Pode haber moita lama nos camiños
Nós, nesta ocasión, imos facer só un treito de 14 km xa que a beleza e a fermosura da paisaxe ben se merece que se lle dedique tempo e se faga a ruta sen apuro. Comezamos a nosa andaina nas inmediacións do encoro Belesar, na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, xoia arquitectónica do noso patrimonio. Construída a finais do s. XII, é un dos exemplares máis impresionantes do románico rural galego. A súa localización, nunha marxe empinada do Miño, obrigou a edificar unha cripta para elevar o templo, de tal xeito que a igrexa semella estar suspendida no alto dos viñedos. Mágoa que non a pudéramos ver por dentro, e nos conformáramos con admirar o seu exterior. A súa fachada lembra a obra do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria.
Desde esta beira miñota pódense apreciar de fronte as coidadas ringleiras de socalcos da ribeira de Chantada, comunicados por pequenos grupos de chanzos. Estreitos camiños de pedra serven á extracción da uva que necesariamente ten que ser transportada por medios totalmente manuais ata as pistas abertas na ladeira.
No mesmo blog de Iniciarte, informámonos de San Paio de Diomondi, que sí pudemos visitar o seu interior, anque a escuras, pois acababa de haber un funeral e pillamos ao señor cura antes de que pechara o templo. A referencia arquitectónica, en planta e alzado, é a igrexa de santo Estevo de Ribas de Miño. É unha mágoa que o edificio anexo á igrexa, o Pazo Bispal de Diomondi, do que se denunciou polo Sorriso de Daniel, asociación que defende o noso románico rural, o estado de abandono e derrubamento da súa fachada en 2010, sendo un dos edificios máis antigos conservados na provincia. Fóra das igrexas románicas, poucos edificios de época tan antiga chegaron aos nosos días e a que fora residencia de verán dos Bispos de Lugo viña acusando dende había tempo a necesidade dunha intervención destinada á súa conservación. En boa medida esta intervención chegou xa tarde. A ver como queda…
Por ver estas dúas igrexas xa paga a pena facer a ruta, que vai principalmente por camiños e corredoiras, entre bosques, aldeas como Galegos e algún viñedo. Despois de visitar Diomondi iniciamos o descenso polo tramo do Camiño de Inverno a Santiago baixando pola traza da antiga calzada romana. Parte das súas lousas aínda se conservan, e condúcennos mediante un descenso de curvas pechadas, os denominados Codos, ata a propia aldea de Belesar, onde fixemos parada para repoñer forzas e xantar. Aconsellado por Suso, aproveitei para cruzar o río e ir fotografar o peto de ánimas de San Bartolomeu de Belesar, no concello de Chantada (Belesar é na actualidade unha aldea que se atopa divida en dúas metades polo transcorrer do Miño, feito que sitúa unha das partes no concello de Chantada e outra na do Saviñao, aspecto que goza de certa peculiaridade).
E comezamos o ascenso entre socalcos ata Bexán, onde se atopa a capela de Santo Antón, e de ahí, de novo entre fermosos bosques, ata Mourelos, onde rematamos a xornada. Que fermosura de andaina fixemos! e, como comentou Rocío, hai que velo, non volo perdades! Quizáis con chuvia aínda máis máxico…
Xa teño gañas de facer a segunda parte do PR G-162!
Ver Ruta por Belesar. Ribeira Sacra do Miño nun mapa máis grande
Desta vez sí que sí!!!, qué preciosas fotografías!!!, e a pesares da lama qué precioso percorrido. A fotografía da páxina 4, penso que é a foto 18, saíu maxistral, vese a cor dos chubasqueiros reflectida no charco!!!. National Geographic e máis!!!!. Parabéns
Que ruta, e que fotos…¡
Dende logo o inverno este ano foi durísimo, pero tamén é certo que o monte está así de bonito grazas a él ¡ Da gusto velo. Noraboa polas fotos, Fran.
Vémonos mañán por terras do Mao. O día promete tamén ¡
Grazas
Preciosas as fotos, ídem o ruta que ten un pouquichiño de todo e todo fermoso. Imaxinade a ruta no outono entre os socalcos.
Gracias outra vez Fran
dende a asociación veciñal agradecemos a vosa visita e comentarios . si precisades informacion de calquera tipo para cando volvades , non dubidedes en contactar con nós . saúdos .
Moitas grazas polo ofrecemento Manuel. Dende logo, vivides nuha terra fóra de serie!! Pois sí que volveremos (supoño que a finais de ano), para ir facer a continuación da ruta ata Cima de Atán, en Pantón.