Ruta polo canón do río Mao

08-03-2014
Ruta polo canón do río Mao

Aínda que pareza incrible…. por fín! Este sábado tivemos un día estupendo para desfrutar do sendeirismo. E de novo á Ribeira Sacra! pero desta vez fomos á beira ourensá do outro gran río de Galicia, o Sil, e máis concretamente ao concello de Parada de Sil para admirar dun dos enclaves máis fermosos deste concello, o canón do río Mao.

  • Lonxitude da ruta: 13 km
  • Desnivel: medio (de baixada e de subida)
  • Dificultade: media

O ano pasado xa coñecemos o Mao na súa parte baixa, dende a Fábrica da Luz, moi preto da súa desembocadura no Sil, e nesta ocasión fixemos un percorrido circular pola súa canle alta. O río Mao, nos seus últimos quilómetros, antes da súa desembocadura no Sil, discorre serpeante, encaixado entre paredes graníticas, descendendo abruptamente desde os 800 aos 220 m de altitude formando un impresionante canón.

Esta ruta está deseñada para facer no sentido contrario ás agullas do reloxo, pero nós fixémola ao revés e creo que acertadamente, pois así deixamos para a segunda parte do percorrido o mellor dela: a necrópole de San Vítor, o paso pola canle vella admirando o canón do río e a ponte de Conceliños, ademais de ser menos exixente, polo que recomendo a que a queira facer que elixa esta opción.

Comezamos a ruta na aldea de Forcas, lugar coas casas moi próximas unhas doutras, supoño que para combater os rigores do inverno, camiño da capela de San Mamede e do seu fermoso cruceiro, datado na súa base en 1766. Aproveitando fermosos camiños, en dirección norte, que nos levan á altura da presa da nova central eléctrica, onde facemos un pequeno descanso e desfrutamos das primeiras panorámicas sobre o Sil e a súa contorna. Logo, en descenso por abas de forte pendente e seguindo un treito do sendeiro GR-56 Transourensán, chegamos a San Lourenzo de Barxacova, onde ao parecer, antigamente, houbo un mosteiro. Podemos admirar dende aquí os socalcos característicos da “Ribeira Sacra” (localmente chamados “pataos“).

Dende San Lourenzo saímos por  unha carrioza e pronto chegamos a un dos puntos máis interesantes do día: a necrópole de San Vítor de Barxacova, situada nun risco sobre o canón do Mao. Este xacemento conserva unha das necrópoles máis importantes do noroeste peninsular para o período alto e pleno medieval, con abondantes tumbas antropomorfas escavadas na rocha. Ademais da importancia propia do lugar son salientables tamén as vistas dende o mesmo.

A partir de aquí, pouco a pouco, imos entrando no espectacular canón do Mao, a media altura, e avanzamos no sentido de subida das augas. O camiño transcorre agora por unha vella canle de auga (actualmente en desuso) que percorre a escarpada beira do canón. Internámonos nun espazo dominado pola carballeira (reboleira), e por pequenos soutos asentados nunhas pendentes vertixinosas. Este treito, de  pouco máis de 2 quilómetros é impresionante no senso máis amplo da palabra. Neste treito do canón pode haber puntos concretos que sen ser perigosos si que poden ser vertixinosos, pero non ten problema o seu tránsito por el.

Logo ascendemos ata atoparnos coa canle nova da central hidroeléctrica, que percorremos en paralelo durante un bo treito, cun caudal impresionante (o que provoca que o Mao vaia cun caudal mínimo). Case na parte máis alta do canón chegamos á ponte medieval de Conceliños, testemuña de que este camiño polo Mao tivo gran importancia na Idade Media e foi a vía natural de acceso á ribeira desde as planicies da serra para conectar os mosteiros de Montederramo cos da Ribeira Sacra.

José António Souto Cabo, Profesor de Filoloxía Galega e Portuguesa na USC, mantén que a existencia da denominación “Ribeira Sacra” na Idade Média non pasa dunha ficción concebida por Manuel Martínez Sueiro en 1913. “O documento latino medieval (probablemente falso) de onde se tomou alude a unha “Rovoyra Sacrata”, isto é, unha ‘carballeira sagrada’. O nome deriva da forma latina “robur” (= ‘carballo’) e designaba un lugar concreto próximo do mosteiro de Montederramo, portanto, sen relación directa co rio Sil. Ese topónimo hoxe seria “Roboira” ou “Reboira”, nunca “Ribeira” (< lat. RIPARIA)”. De todos xeitos, neste caso, podemos utilizar aquel dito italiano segundo o cal se non è vero, è ben trovato.

Volvemos atrás un pequeno treito e dende aquí só nos queda retomar o camiño a Forcas onde rematamos a ruta, atravesando por unha paisaxe dominada polas carqueixas, breixos e xestas.

Logo, camiño da casa, fixemos unha pequena parada en Esgos para degustar a cervexa de rigor e tivemos tempo tamén para cargar o autocar de bicas… (Eu tampouco me puden resistir!).

Cantos rincóns máxicos da #Ribeirasacra nos quedan por descobrir!


Ver Ruta do canón do río Mao nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta polo canón do río Mao”

  1. Impresionante!!!!, precioso roteiro!!!, gustanme moitísimo as paisaxes do canón, o pobre rio Mao, e as que máis as que máis con diferenza o reluciente sofá vermello e o altivo galo!!!

  2. Que fotos máis boas Fran…¡¡ Sen dúbida foi un gusto ter o día que tivemos e ben merecido que o tíñamos ¡

    Moi interesante o apunte filolóxico que fas sobre a orixe do termo “Ribeira Sacra”.

    Grazas¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio