Ruta pola Serra do Calamouco


4.287 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 4.67 de 5)
Loading...

FM140222Calamouco027

Despois de que tanta cicloxénese explosiva fora a protagonista durante estes días, e que provocaron que non saíramos nada en todo o que vai de mes, había moitas gañas por ir camiñar. O día foi, con diferencia, o mellor do inverno para saír, con boa temperatura e, o máis importante, cun ambiente entre nós espectacular, coma sempre!

Veu bastante xente nova que, inxectou unha boa dose de simpatía, como as dúas rapazas Erasmus ou o estudante de bioloxía que levou todo un arsenal de ósos (supoño que de ovella), que atopou pola serra. A ver se cunde o exemplo, pois desexo seguilos vendo noutros roteiros. Como ben me comentaba Suso, do máis importante que levamos das rutas é a amizade que imos fraguando entre nós.

  • Lonxitude da ruta: 17 km  aprox.
  • Desnivel: medio (de subida e de baixada)
  • Dificultade: media

A Serra do Calamouco é unha pequena serra situada no concello de Becerreá, moi preto dos Ancares, o que fai que goce dunhas extraordinarias vistas sobre a montaña lucense. A descrición da ruta pódese consultar en Serra do Calamouco, nela hai algunhas marcas e carteis pero son moi poucas e case imperceptibles, anque se pode apreciar que vén marcad como PR-G 3, pero non aparece nos catálogos (como dixo Mónica, debe ser da prehistoria dos PR-G!).

A ruta, que é circular, comeza preto da Borquería, un lugariño á beira do río Navia (que por certo baixaba cheo!), e sae dunha curva, na que hai sitio para aparcar varios vehículos, anque o noso bus nos deixou a escape baixando del a fume de carozo, pois o chófer considerou arriscado aparcar, por medo a que se enterrara as rodas do vehículo. Comezamos subindo por un camiño que máis parecía un río no primeiro treito e moi enlamado despois, ata que chegamos a un pequeno tramo en que as xestas invaden o camiño e un groso tronco de castiñeiro queimado nos dificultou o paso, o que provocou que nos levara un pouco máis do previsto chegar a Muñez (1,2 km), unha aldea abandonada, onde fixemos unha pequena parada para reagruparnos e botar unha ollada a esta fermosa paraxe.

Pasando unha cancela (á esquerda hai un camiño que é polo que baixaremos á volta), continuamos camiño a Monel, primeiro descendendo ata atravesar o regueiro do Bou, e logo imos durante un bo tramo en chan, sempre admirando fermosas paisaxes, ata que baixamos cara a un rego que se adiviña ao fondo do val. Imos agora baixo castiñeiros centenarios, e temos que superar un caído sobre o camiño, para cruzar o rego Calamouco, afluente do Navia, sobre dous paus de madeira. Pasado o rego comezamos a subir cara a Monel. Atravesando a aldea cara arriba sáenos ao encontro un veciño, creo que o único, cunhas ganas de falar! Víctor comentou máis adiante que, cando veu preparar a ruta, non se daba desprendido del e que lle dixo que o carteiro cando viña tardaba máis tempo con el que co resto do reparto! De dezaoito casas que había, so queda vivindo el. Meu pobre!

Saindo de Monel e subindo por pistas asfaltadas e de terra, se viramos a cabeza, como o día está relativamente despexado podemos admirar os cumios nevados da serra de Os Ancares. A pesares de que imos un pouco retrasados, aproveitamos este paraxe para repoñer forzas, disfrutando dunhas vistas impresionantes!

O tempo apremia e continuamos camiño, durante un bo treito por pista asfaltada ata chegar a Vilar de Frades, onde collemos o primeiro camiño enlamado á esquerda que nos leva fóra da aldea entre paredes e hortos, e logo por unha pista, primeiro en forte baixada que logo se converte en cómoda, para chegar de novo a Muñez, onde nos reagrupamos. Neste tramo, despois de Vilar de Frades, hai unhas vistas moi fermosas dos Ancares e dos vales dos ríos Navia e Cruzul coas súas pontes e a vila de Becerreá.

Xa en Muñez, a volta fixémola polo mesmo sendeiro polo que subimos, que por certo se me fixo moito máis curto que pola mañá e, logo de facer os estiramentos de rigor e subir de novo ao bus á carreira, rematamos esta fermosa andaina do concello de Becerreá tomándolle unha cervexa na vila.

Como vedes, durante o percorrido as paisaxes son variadas e fermosas: aldeas, regos, bosques ben conservados, zonas de repoboación forestal… Os camiños en xeral son cómodos, aínda que nalgún tramo con bastante lama neles. Moi recomendable.

Adicado a Marga, que a última hora non pudo vir e disfrutar connosco desta andaina.

Ver Ruta pola Serra do Calamouco nun mapa máis grande



Galería

Ruta pola Serra do Calamouco


5 comentarios en “Ruta pola Serra do Calamouco

  1. Que envexa, que ruta máis bonita, xa vexo que me olvidades polos/as rapaces/as de Erasmus….jajaja, ah¡¡ as fotos preciosas coma sempre Fran¡¡¡

    • Grazas Manolo,
      Esquecerse de ti, imposible. Anque agora sexa a través da rede, o contacto contigo sempre é un pracer! Pero se tí tamén disfrutas nesas andainas dominicais!
      Unha aperta

  2. Estoy de acuerdo con Suso nos queda la amistad y también el no poder existir ya sin la vida en el monte. Fran me encanta el reportaje y la primera foto es una pasada….Manolo, un bico!

  3. Preciosa a ruta e preciosas coma sempre as fotos!! Grazas por acordarte de min, Fran!! Tiña moitas ganas de ir, pois coa temporada tan chuviosa que levamos non tiven moitas oportunidades de saír a andar con vós, pero en fin, tempo haberá de recuperar, non??

    Un bico,

Deixa un comentario

*

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.