Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

28-01-2019
Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

En marzo do ano 2015 fixemos o PR-G 162, un sendeiro que percorre a Ribeira Sacra do Miño, e xa daquela camiñamos por estas terras visitando o castro de Marce. Ese mesmo día, durante a ruta, desbotamos a idea de baixar ata a fervenza de Augacaída, xa que o acceso á mesma era complexo para o grupo que íamos. A día de hoxe o camiño acondicionouse e o acceso é máis doado. Incluso hai pasarelas de madeira nos puntos máis esixentes do terreo.

O percorrido comeza en As Areas, un pequeno lugariño do concello de Pantón. En descenso lévanos ata Marce, onde podemos ver os restos da Torre de Marce, fortaleza que tivo a súa importancia na Idade Media, a curiosa Torre do Reloxo, construída polos emigrantes a mediados do século XX, e veremos tamén a pequena capela de San Marcos que conta cun interesante retablo. Seguimos descendendo ata chegar ao desvío á fervenza. A baixada ata a mesma está acondicionada. É un descenso curto, pero intenso en canto a desnivel, e aínda que hai pasarelas e chanzos hai que ir con coidado. Logo de ver a fervenza ascenderemos para ir ata o castro de Marce, probablemente un dos sitios máis fermosos da Ribeira Sacra. Despois voltaremos a Marce e ao punto de partida, onde nos recolle o bus.

A ruta, aínda que non é difícil, ten tramos nos que hai que prestar atención e poden estar esvaradíos en caso de que chova os días anteriores.

Pola tarde achegámonos a Arxeríz, no próximo concello de O Saviñao, para ver o seu Ecomuseo. Unha visita moi interesante sen dúbida algunha.

  • Lonxitude: 10 km aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Comezamos a camiñar…

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Como cada ano, aproveitamos o día de San Tomé de Aquino para facer unha camiñada especial, e unha boa opción é ir facelo pola Ribeira Sacra. Cando andivemos por estas terras no 2015 non tivemos a opción de baixar ata a fervenza de Augacaída e pensamos que hoxe era o día idóneo para coñecela. A ruta comezámola na estrada LU-P-4111, nas Areas, na parte alta da parroquia de Vilar de Ortelle, no concello de Pantón. Pronto tomamos unha senda que se adentra no bosque, pero un ruído de maquinaria e uns sinais advertindo de labores no monte detéñennos un rato ata que Víctor nos informa de que son debidas ao mantemento da rede de alta tensión, polo que podemos continuar por onde imos sen ningún problema. O camiño lévanos en descenso ata a aldea de Marce, situado nun enclave de gran beleza polas vistas que dende alí se divisan da cunca do Miño.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Como moitos lugares da Ribeira Sacra, Marce conta con casas en estado ruinoso, froito da despoboación (non pasa dos quince fogares habitados), pero tamén se aprecian casas restauradas que dan certa esperanza a un núcleo que en tempos era máis grande que moitas parroquias do concello. E sobre todo apréciase un importante patrimonio natural, fragas, camiños ou socalcos escalonados. Chamoume a atención o gran número de mananciais e fontes, moitas delas decoradas con elementos arquitectónicos reaproveitados, como a fonte de Caballera, pola que pasamos, ou como a que hai fronte á Casa da Vila.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Nos primeiros pasos polo medio da aldea facemos parada diante da pequena capela de San Marcos. Temos a gran sorte de atoparnos cunha veciña que dispón das chaves, abríndonos o templo moi amablemente e chamándonos a atención sobre interesante retablo (o teitume non é tan interesante!). Tamén chama a atención no interior o arco de medio punto cunha inscrición que fala da súa reedificación en 1706, o que atestigua un templo moito máis antigo.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Torre de Marce, unha fortificación medieval que pertenceu ao conde de Lemos, está chantada nun terreo de forte pendente que os veciños lembran como parte dun castelo, o Castelo de Marce, “tan alto que polas mañás a súa sombra chegaba alén do río Miño e facía sombra á igrexa de Chouzán”. Aí queda iso!  Pero o que queda da torre atópase entre construcións máis recentes, e cuberta por un tellado a unha soa auga. Non debemos confundir esta torre medieval, que case pasa inadvertida, coa Torre con reloxo de campá, un esbelto torreón almenado situado a uns cen metros máis abaixo, e construído no ano 1950 pola Asociación de veciños de Marce en Bos Aires, e que se divisa dende toda a contorna. Ao pasar ao seu pé saúdanos coas badaladas das doce, mentres nos recreamos coas vistas sobre o río Miño e a ribeira.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Seguimos descendendo entre socalcos primeiro e logo por estrada ata chegar ao desvío á fervenza. O camiño é fermoso. Imos por unha antiga ruta de viñedos, entre construcións derruidas que foron refuxios, antigas adegas… camiñamos por un bosque de conto, coas árbores espidas pero que nos deixan toda a súa follaxe a modo de alfombra. O sendeiro está indicado e parte discurre polo mesmo trazado que percorréramos no 2015, o PR-G 162, no tramo que une Marce e Atán. Un cartel indícanos a baixada á fervenza, cando levamos andado aproximadamente 1,2 km e á altura dunha antiga adega de pedra abandonada. Seguimos de fronte sen desviarnos e deixamos a fervenza para máis tarde.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Antes de chegar ao Castro de Marce reclama a nosa atención, na outra beira do río, a igrexa mosteiral de Santo Estevo de Chouzán que, coa construción do encoro dos Peares, foi trasladada pedra a pedra ata o seu actual emprazamento, proxectando o seu reflexo nas tranquilas augas do encoro. A igrexa, de estilo románico, foi declarada Monumento Nacional en 1950. Rielo Carballo ten recollido unha estrofa popular referida ao mosteiro que, polo que dí, debía ser bastante autosuficiente: Tan tan, tan tan, San Esteban de Chouzán, garda viño e garda pan, garda do fuego e alquitrán!

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Un pouco máis adiante, logo de cruzar un pequeno regato, o camiño convértese en carreiro ata as proximidades do castro. É un carreiro precioso e non demasiado complicado, excepto no último tramo pois, logo de entrar nun sobreiral con exemplares de espectaculares dimensións, a subida ao castro non é doada, polo menos para min, pero a recompensa merece o esforzo, pois desde o promontorio onde están os restos castrexos, a uns douscentos metros sobre o río Miño hai unha vista ben fermosa e non paramos de admirar as duas ribeiras do Miño, remansado polo encoro dos Peares. Por suposto, os catorce que imos tampouco paramos de facernos fotos e fotos neste elevado saínte (non hai espazo para moitos máis), tendo como fondo o río. Tamén temos unha vista inmellorable da outra beira do río, na que destaca a aldea abandonada de Paradela (segundo nos comentaron despois, non verán habitan unha das casas durante uns poucos días).

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

O lugar onde foi construído o castro é coñecido tradicionalmente como O Castelo de Marce. Do asentamento castrexo só quedan algúns restos de muros, sobre todo naquelas zonas onde foi necesario acondicionar o terreo con terrazas para vencer o forte desnivel. Segundo versións dos veciños, o castro era todo de pedra, e tiña uns muros tan anchos e robustos que sobre eles xiraban os carros comodamente… vendo o lugar, semella un pouco difícil imaxinalo.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

O antigo poboado asentábase nun lugar máxico, cunhas vistas ao Miño incribles. Non me resisto a volver contar a orixinal lenda sobre o castro, segundo a cal un veciño de Marce, que pescaba na beira do río, viu a unha “xacia” moi fermosa (ser mitolóxico acuático, de forma humana, que habitaba en pozos e ríos), e tras bautizala e desencantala, contraeu nupcias con ela. Os fillos do matrimonio, como non podía ser doutro xeito, saíron moi afeccionados a bañarse no río. Aínda a principios do século XX, os veciños sinalaban que unha familia alí residente eran os herdeiros da híbrida parella… non me digades que non é bonita!

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Desandamos o camiño e chegamos de novo ó lugar do desvío onde indica a baixada á Fervenza de Augacaída. Non é un tramo moi longo, anque a baixada á fervenza e a subida posterior leva o seu tempo. Un pouco antes do verán de 2016, instaláronse chanzos e cómodas pasarelas de madeira que substituiron a baixada esvaradía que había ata entón (con algún tramo de case escalada con cordas incluida… ), polo que a súa dificultade reduciuse bastante. Agardemos que estas pasarelas con piso de madeira teñan un bo mantemento e non se convirtan nun perigo no futuro, sobre todo en épocas de chuvia nas que é moi doado esvarar nelas.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

A través destas pasarelas chegamos a un fermoso e agachado salto de auga de máis de 40 metros que forma o río Aguianza antes de precipitarse no Miño. O salto está realmente impresionante polas chuvias caídas nestes días pasados e, a verdade é que é un deses lugares que paga a pena descubrir. Desde logo, a baixada paga a pena!

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Nova sesión de fotos, pois a ocasión meréceo. Recuperados da impresión de contemplar semellante marabilla, debemos subir por onde baixamos para retomar o sendeiro principal, e ir cara a aldea de Marce. Estreitos camiños de pedra que serven á extracción da uva para transportala ás adegas condúcennos ata a aldea. Podemos dicir que esta subida é o máis duro da ruta de hoxe, pero que se fai sen problema se o tomamos con calma.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

As primeiras casas vólvennos lembrar o abandono de parte desta aldea, e o Jaime, ao seu paso por elas, filosofa.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Hai moito tempo que o vello contador da porta non rexistra consumo e moito máis tempo aínda que non se ve saír fume pola cheminea. É unha de tantas casas deshabitadas da aldea de Marce no Concello de Pantón, Ribeira Sacra lucense. Uns vellos zapatos de muller nun saínte do muro da porta principal, castigados polo tempo que levan expostos aos elementos, un coiro sen vida e parcialmente verde deixa ver na súa punta roída o claveteado oxidado a unha sola de madeira. Parece que foron deixados á mantenta para sinalar aos estranos de que a casa non está soa, que non foi abandonada para buscar mellor futuro quizais en Cuba ou que a propietaria está detrás desa porta agora semi aberta baixo un tellado de laxas e entre eses muros de pedra seca xa sen enfoscado. Eterna caravana de reencarnación

Despois de facer a parada para xantar na mesma aldea, quédannos dous quilómetros de subida para chegar de novo ás Areas. Facémolo con calma, pois imos con tempo xa que temos concertada a visita ao Ecomuseo Pazo de Arxeriz, no veciño concello de Escairón.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Rematada a ruta, chegamos ao Pazo de Arxeriz de contado. Na recepción aténdenos unha rapaza, Daniela, a responsable do museo que é un encanto. Logo de presentarse dirixiunos ata o castro que hai dentro do recinto do pazo. Aínda que ao subir ao castro de Arxeriz toda a nosa atención nola rouba o meandro do Cabo do Mundo (e un eucalipto molesto con semellante panorámica), para min unha das imaxes máis espectaculares da Ribeira Sacra, ela céntranos nos numerosos graneiros ou celeiros que foron atopados nas sucesivas campañas de escavación do castro, ademáis de explicarnos, entre outras cousas, que a forma cadrada das edificacións non se debe á influencia romana, como se cría, se non que é anterior.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Continuamos a visita polas instalacións do museo, onde o fundamental é o discurso expositivo de Daniela polas distintas salas que nos axuda a comprender moi ben a vida rural da Ribeira Sacra, a cultura do viño, a vida en torno ao río; impresionante a sala onde se amosan os distintos tipos de embarcacións fluviais, como impresionante é a maqueta onde se nos indica todo o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra, ubicándoo por medio de luces apretando un botón… pero o que máis me impresionou foi o mapa que lembra os máis de 30 núcleos anegados polo Miño cando se construiron os encoros. Como noutras zonas, foi unha das maiores catástrofes medioambientais que viviu o país, a pesar de que na actualidade a riqueza natural e paisaxística é patente, destruíuse un fermoso val, morrendo con el parte dos seus pobos, tradicións e cultura. Unha mágoa que non se poida comparar o que hai agora co que había antes, anque o documental Asolagados pode darnos unha idea do que eran aqueles tempos.

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Unha visita moi interesante e, sen dúbida ningunha, moi recomendable, que completou unha xornada espectacular, na que tiña moitas  gañas de coñecer a Fervenza de Augacaída e voltar ao Ecomuseo de Arxeriz. Seguro que volvo!

Fervenza de Augacaída e Castro de Marce

Se en marzo de 2015, andando por esta ribeira celebrábamos que o Suso acadaba as 150 camiñadas coa USC, hoxe tamén é unha xornada moi especial pois Elena chegou ás 300 andainas! Parabéns, e a por outras trescentas! Vai por ti!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio