Ruta do monte do Cádavo. Cuntis
O percorrido transcorre case na súa totalidade polo concello de Cuntis, na parroquia de Cequeril. Comeza na igrexa de Santa María e, dende aquí, por unha ampla pista vaise subindo polo monte do Cádavo. Ao pouco atopamos unha zona con petróglifos moi interesantes, os petróglifos de Cequeril. O ascenso continúa ata chegar ao alto de Rolán. Aquí, se hai visibilidade, xa poderemos gozar dunhas vistas moi boas. Hai opción, se o tempo o permite e hai folgos suficientes, de acadar o punto máis alto do monte. Para iso temos que subir e baixar 100 metros de desnivel e percorrer 3 quilómetros a maiores.
Logo, o camiño baixa por pistas e algún sendeiro ata chegar ao lugariño de Vilar de Mato. Unha vez aquí, temos que baixar á beira do río Umia para chegar á ponte do Ramo. Este treito é moi fermoso xa que hai bosques de ribeira moi ben conservados e muíños restaurados. Dende a ponte só nos queda facer un quilómetro de ascenso moi levadío ata Cequeril, onde remata o itinerario. A ruta non ten maiores dificultades, pero en puntos concretos haberá que prestar atención en caso de haber lama e no río hai algún pequeno tramo onde o camiño está desfeito.
- Lonxitude: 13 km aproximadamente
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
A última andaina do ano percorrémola por terras de Cuntis, máis concretamente pola parroquia de Cequeril, e vainos sorprender gratamente, sobre todo na última parte do percorrido. A primeira parada, pequena, témola ao pé da mesma igrexa de Santa María de Cequeril. Chámame a atención o acceso ao templo, que se fai pola parte posterior do mesmo, pola cabeceira, estando a portada de cara ao camposanto, no que compre deterse a observar as lápidas de finais do s. XIX e comezos do XX, ou pequenos mausoleos familiares que amosan con detalle o magnífico labor dos nosos canteiros. Despedímonos do lugar admirando dous fermosos cruceiros ubicados fóra do adro. No máis lonxano ao templo salienta a figura dun neno, ou anxo, limpando o sangue a Cristo crucificado. A verdade é que o entorno podería estar un pouco máis coidado, con postes da luz e cables por todo o espazo (como en outros moitos lugares).
Logo de ir camiñando un pequeno treito pola estrada, tomamos unha pista pola que iniciamos o ascenso ao monte do Cádavo. Un cartel nos indica que estamos próximos aos petróglifos de Cequeril. Atopámonos con varias estacións arqueolóxicas que foron descubertas na década de 1920 por Ramón Sobrino Buhigas e descritas no seu Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935). Primeiramente, á beira do camiño, admiramos o petróglifo coñecido como Outeiro dos Campiños. A luz e a hora na que andamos non nos permiten ver con nitidez as combinacións circulares sobre unha rocha plana e lixeiramente inclinada (e cunha pintada de Coto de caza no seu costado), combinadas con cazoletas, pero as formas aprécianse ben sen moita dificultade.
Posteriormente fomos contemplar un dos dous grupos máis célebres e que lle deron fama a estes petróglifos de Cequeril: a Laxe dos Homes (o outro é a Laxe dos Gatos), que amosa dúas figuras, aparentemente unha feminina e outra masculina. A primeira posee orellas, uns supostos “cornos”, así como brazos e pernas, mentres que a figura masculina carece de brazos e presenta o que parece ser un pene. As cabezas de ambas son uns deseños cruciformes inscritos en círculos.
Non estamos a ter moita sorte co paso polo monte, pois a néboa, a medida que ascendemos, vaise facendo cada vez máis mesta o que fai que desbotemos a idea de acadar o punto máis alto do monte. Pero isto compénsase co constante son da abundante auga que baixa con forza do monte que, xa cando comezamos a baixar a partir do alto de Rolán, obrigounos a ter que ir por bastantes tramos do camiño totalmente encharcados e que, nalgún caso, tivemos que salvar metendo literalmente os pés na auga dada a cantidade dela que baixaba do monte.
Logo dun pequeno tramo por estrada, chegamos ao lugar de Vilar de Mato. Enlazamos aquí con parte do sendeiro homologado PR-G 123, A Ponte do Ramo, que existe grazas ao empeño da Asociacion Veciñal e Cultural O Portavezal de Cuntis. Decidimos parar a descansar baixo unha fermosa carballeira, xa co son do río Umia facéndose notar.
Cando descendemos ao río, o seu son é case enxordecedor pola cantidade de auga que leva e pola forza coa que baixa. As augas do río Umia amósansenos plenas de vigor e beleza. Por un estreito sendeiro continuamos río abaixo admirando o espectáculo do seu decorrer. Ás veces batendo coas pedras que hai no leito do seu curso, ou sereo e calmo outras, cando se aproveitan pequenos encoros para surtir de auga aos muíños a través das levadas. Pero a paisaxe no é só o río, tamén axudan á espectacularidade do entorno a variedade de especies arbóreas propias da vexetación de ribeira, así como asfollas que permanecen aínda alfombrando o chan polo que andamos. Pequenos escalóns e pasarelas de madeira, que hai que cruzar con coidado, axudannos nalgúns tramos da senda. Unha auténtica gozada camiñar con este son e rodeados de auga!
Un ronsel de muíños restaurados río abaixo afianzan a marabilla do entorno, e fálannos dunha actividade que noutros tempos debeu ser moi común. Ademáis da económica, a función social que desenvolveron foi fundamental, pois veciños e veciñas debían acudir aos muíños con certa frecuencia e, mentres agardaban pola muiñada, aproveitaban para falar, contar contos, cantar e mesmo bailar toda a noite (non hai que esquecer que a danza típica galega, a muiñeira, nace nos muíños). Tamén son moitas as historias que nos contan os nosos vellos e vellas, sobre os encontros, fortuitos ou acordados, dos mozos e mozas da aldea aproveitando o afastamento dos muíños do núcleo habitado e a beleza do entorno: Fun esta noite ó muíño, nin moín nin muiñei; perdín a trenza do pelo, iso foi o que gañei.
Pasamos por muíños como os do Verdugo de Abaixo, o do Portavezal ou o da Puntalta. Este último presenta un coidado aspecto, feito con magnífica pedra de cantería, e ten como “rareza”no seu lateral unha lacena das abellas. Imaxino que debido a que na súa orixe foi propiedade dunha familia con certa capacidade económica, destacando sobre os outros muíños da zona, os tradicionais muíños de herdeiros pertencentes a varias familias.
Un dos atractivos da ruta é a Ponte do Ramo pois nela se practicaba o antigo rito do enxembramento, o bautismo practicado antes da concepción ou durante unha xestación de risco. Hoxe a ponte non chama para nada a atención, pero xa existía unha ponte de “0 Ramo”, que serviu de apoio á actual, sendo todavía perfectamente visible dende a beira do río. Como nos conta o cartel explicativo alí instalado, baixo esta ponte levouse a cabo durante moitos anos, e ata non hai moito, un dos ritos máis populares da zona, o rito do bautismo prenatal. Tratábase dun bautismo do feto antes do nacemento (denominado na zona de Cuntis “enxembramento”), realizado para salvar a descendencia das mulleres embarazadas que xa tiveran problemas por abortos non desexados ou que perderan os fillos ao pouco de nacer.
Unha vez fixado o día para o rito pagán, a muller embarazada, na compaña dalgúns familiares dirixíase, entrada a noite, cara á ponte evitando falar entre eles durante o percorrido ata que se realizara o enxembramento. Chegados alí, a muller e algúns da comitiva baixaban ata a beira do río e agardaban en silencio ata as doce da noite que era a hora fixada para o bautismo. Mentres tanto, dúas persoas dos acompañantes, preferentemente homes, agardaban a ambos lados da ponte para reter á primeira persoa que pasase e obrigala a que descendese ata a beira do río para efectuar a cerimonia do “enxembramento” que consistía en verter a auga polos peitos e o ventre da embarazada, co que pasaba a converterse en padriño ou madriña accidental da criatura “nonnata”. Na maioría dos casos, oa rematar co acto do bautismo, celebrábase unha comida ritual, finalizada a cal guindaban, de costas ao río e por riba da cabeza, os restos á corrente do río como mostra de agradecemento ao Umia.
O feito de considerar ás fontes, aos ríos e aos mares como seres vivos, purificadores e xeneradores de vida, aos que deben ser ofrecidos tributos, principalmente en forma de alimentos, é frecuente na nosa cultura popular. En Galicia, non poden ser olvidadas ainda hoxe certas prácticas consideradas como “supersticiosas”, nas que interven, como elemento primordial, a agua, como é o caso do “baño das nove ondas” na Praia de A Lanzada, ou o San Guillerme de Fisterra para parellas estériles. Non digades que non é fermoso!
Abandonamos a ponte e só nos resta iniciar o ascenso ata o lugar de Cequeril, onde iniciamos a andaina. Unha boa maneira de pechar este ano de andainas, cunha xornada típica do inverno pola chuvia e a névoa inicial pero cun tramo delicioso e pouco complicado polo río Umia, fixo que disfrutáramos moito da ruta.
- Fuentes Alende, José, El Bautismo prenatal en “A Ponte do Ramo” Cuntis (Pontevedra), en Revista de Folklore, n. 89, 1988.