Camiño da Amargura revisitado
Hoxe volvemos á Ribeira Sacra para realizar de novo unha ruta que me deixou unha grata impresión. Estoume a referir á Ruta do Camiño da Amargura, preparada e acondicionada pola asociación Móvete por Nogueira onde, unha vez máis e como nos teñen acostumados, poidemos gozar dun traballo ben feito en beneficio do sendeirismo e de todos aqueles que o practicamos. Os meus parabéns aos membros de Móvete por Nogueira por esta magnífica ruta que hoxe poidemos vivir e sentir neste marco incomparable como é a Ribera Sacra.
A ruta do Camiño da Amargura quizais sexa a máis bonita das que levamos feito neste concello. É un percorrido circular que comeza e remata en Luintra, capital do concello de Nogueira de Ramuín. Entre corredoiras, chamadas aquí carriozas, fermosos bosques e zonas altas con marabillosas vistas, o camiño lévanos ata o lugariño de Biduedo. Dende ahí continuamos ata Paradela, xusto enriba do río Sil. O tramo dende aquí ata o mosteiro de Santo Estevo é por un abraiante bosque autóctono. Ao chegar ao mosteiro comeza o regreso a Luintra, pasando tamén por zonas ben fermosas como o regato de San Miguel.
A ruta non ten maiores dificultades, pero tampouco é doada. Hai que ter en conta a lama que poida haber nas corredoiras e o desnivel acumulado, xa que as subidas e baixadas son constantes.
Goza o percorrido dun alto interesa paisaxístico e natural e son abondosos os puntos de interese: o conxunto de mámoas da Moura, o mosteiro de Santo Estevo, o castro das Trapas (ou Penedos do Castro).
- Lonxitude: 17 km aproximadamente
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Despois de tomar o café nos bares do centro, agrupámonos diante da estatua do escultor Buciños situada na praza de Luintra que nos lembra que estamos na terra que foi o berce dos míticos afiadores-paragüeiros, homes que percorrían toda Galicia e gran parte da península, anunciando a súa chegada facendo soar o seu chiflo, normalmente feito de buxo.
Nada máis sair dando os primeiros pasos polo asfalto, o necesario para abandonar Luintra, adentrámonos por fermosos bosques e soutos entre corredoiras, chamadas aquí carriozas, un sendeiro marabilloso, espectacular, bordeado de muros quizáis centenarios que en sí mesmos son unha obra de arte. Supoño que estas carriozas, muros de pedra seca, entran dentro das construcións declaradas este ano Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e deben ser patrimonio galego intocable, desde logo que si, e farían moi ben en mantelas e incluso restauralas. Por certo, sería moi de agradecer que se retirasen as cintas de plástico que están penduradas das polas das árbores ao longo de todo o camiño. Coido que hai elementos de sinalización menos agresivos, visual e ecolóxicamente, como o de deixar plástico polo monte. O camiño lévanos ata o lugariño de Baldomar, unha aldea con algunha casa abandonada pero con moito encanto. Cruzámola e dirixímonos, sempre por camiño cómodo, cara zonas altas que nos permitirán gozar de marabillosas vistas. Anque o val que forma a conca do Sil aínda está practicamente cuberto por un mar de nubes, dende o Miradoiro da Campaza podemos apreciar as grandes formacións rochosas que destacan espidas no medio da masa arbórea que aínda conserva bastante follaxe neste final de outono. Un espectáculo que non fixo mais ca comezar.
Se en febreiro este tramo co camiño nevado non defraudou, nesta ocasión tampouco. Logo de facer unha pequena parada no lugar cercano ás mámoas das Cabanas, o paso polo Penedo Furado, unha estilizada pedra duns once metros de altura que semella un menhir, camiño do castro da Moura é impresionante. Moi perto de aquí está a ciclópea Pedra Longa, que se admira ao percorrer a Ruta do Contrabando, e que non dou conseguido amosarlla a Víctor! Unha boa escusa para volver! Cruzamos as Portas do castro, unha paraxe onde o camiño segue flanqueado por grandes pedras, e dirixímonos ao mirador do Castro da Moura, desde onde temos unha vista única do Canón do Sil e do Mosteiro de Santo Estevo.
Cruzamos a aldea de Biduedo e adentrámonos novamente no bosque por antigos camiños que se deixaron de usar e cos muros de pedra desmoronándose. O lique déixase ver cunha cor verde intensa cubrindo rochas e troncos. E volvemos ter as impresionantes vistas que ofrece esta ruta e que xa non nos abandonarán en toda a xornada. Estamos en Paradela e alá ao fondo destaca o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
En Paradela é obrigado facer unha pequena parada pois, sen dúbida, temos unha das mellores vistas do canón do Sil. Paga a pena deterse para contemplar, xa máis cercano, o monumental mosteiro de Santo Estevo e todo o canón do Sil, que xa comeza a amosársenos tras das nubes que o ocultaron durante toda a mañá. Dende aquí continuamos coa baixada a Ribas de Sil por un sendeiro de forte pendente, sombreado aínda por un frondoso bosque. A baixada compre facela amodo, pero é fantástica. Para min este é un dos itinerarios de referencia que hai que coñecer, tanto da Ribeira Sacra como de Galicia. Imprescindible.
Algunhas árbores xa totalmente espidas, vannos permitir ir vendo de cando en vez o mosteiro, ou a outra ribeira do canón do río. O camiño, pouco a pouco, adéntranos no souto do mosteiro. Os castiñeiros, enormes, desgarbados, modelados en sucesivas podas ao longo dos séculos, continuan a dar cada outono o valioso froito da castaña, o que nos fala dunha parte da vida monacal e de recollemento, que transcorría entre os socalcos dos viñedos e os soutos do mosteiro que poboaban as empinadas ladeiras deste val do Sil, desde a beira do río ata as campiñas altas de Pombar.
A construción, no ano 909, do mosteiro beneditino de Santo Estevo de Ribas do Sil, marcará o devir histórico mellor coñecido de toda a chamada “Rivoyra Sacrata”. A igrexa do mosteiro é románica do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsidas semicirculares con bóvedas de cruzaría, porén a súa fachada é barroca, persidida por unha gran imaxe do santo. No entorno do mosteiro, hoxe convertido en parador, buscamos un lugar parar para xantar. Eu decido facelo nuns bancos que hai na parte alta da aldea, o que me permite comer cunhas fermosas vistas sobre o mosteiro. Aproveitando que aínda non pechou o parador, fágolle unha visita pois encántame camiñar polo claustro románico dos Bispos e sobre todo entrar na súa igrexa e admirar o fermoso retablo pétreo románico de forma pentagonal con Cristo no centro e os doce apóstolos baixo arquerías. Paga moito a pena visitalo.
Deixamos Santo Estevo e continuamos polo souto do antigo mosteiro, ordenado en terrazas en forte desnivel, seguimos vendo sequeiros entre castiñeiros centenarios ata que chegamos á Fervenza Muiños do Cano. O entorno non pode ser máis fermoso. Rodeada de magníficas paisaxes e impresionantes vistas da Ribeira Sacra, a fervenza hoxe cae ao valeiro con pouca auga a pesar das últimas chuvias. O treito río arriba é realmente fermoso, potenciado polo camiñar a contraluz, unha luz que xa se vai deitanto na fraga.
E regresamos a Santo Estevo para enfrontarnos ao tramo duro da xornada, o que lle dá nome á ruta, o Camiño da Amargura, a subida por un camiño de forte pendente que parte da aldea, polo que en tempos ían os penados da Inquisición xulgados no mosteiro de Santo Estevo para ser axustizados na chaira do Chao da Forca.
A tarde vénsenos enriba, é o que ten o outono (xa queda pouco para Santa Lucía!) e, a pesares de que o val queda practicamente en penunbra, non deixamos de marabillarnos da vista sobre Santo Estevo e o canon do Sil que hai dende este pequeno balcón que é o Miradoiro do Castro. É soberbia.
Queda pouco para chegar ao punto de partida en Luintra, pero temos que apurar aproveitando as últimas luces do día. Un pequeno tramo por estrada e o paso de novo pola praza de Biduedo permítenos admirar unha eira interesante cunha agrupación de hórreos de pedra e madeira, case todos en ruinas. Supoño que o nome de Biduedo está vencellado aos extensos bidueirais que poboaron noutras épocas a gran chaira pola que camiñamos a continuación, preludio ao paso polo último souto da xornada, xa cunha luz case dourada e cuns contraluces moi fermosos. É o que ten comezar as rutas avanzado o día nesta época do ano, pois ao non poder gozar delas coa amañecida por mor do desprazamento que temos que facer, disfrutamos un montón co solpor tan tempraneiro, que soe ser un regalo.
A chegada a Luintra facémola co sol case afundido no horizonte e con algún grao menos de temperatura, pero cunha sensación moi grata pois, logo de facer esta mesma ruta exactamente hai uns meses, primeiro no inverno e agora no outono, só cabe dicir que a Natureza é marabillosa.
Persoalmente coido que é unha das mellores rutas que se poden percorrer neste entorno tan privilexiado como é a Ribeira Sacra. Recomendada cen por cen. E non cabe máis que darlle os parabéns, de novo, á asociación Móvete por Nogueira, que sacou esta ruta do esquecemento.