Ruta polo río Arnoia

24-11-2018
Ruta polo río Arnoia

A ruta de hoxe forma parte da rede galega de sendeiros homologados, é a ruta de sendeirismo PR-G 143 chamada Roteiro do río Arnoia. Comezamos o percorrido no Santuario da Nosa Señora do Val. Ao pouco pasa polo lugariño de O Viso. Logo, entre bosques moi ben conservados e por camiño cómodo, chega ata a mesma beira do Arnoia. Máis adiante hai unha forte pero breve subida. O camiño volve a descender ata o río, pero chegado a este punto vai durante dous quilómetros por dentro dunha antiga canle de auga. Despois volve a afastarse do río e comeza unha subida ata o lugar de Escudeiros, onde remata o camiño oficial. Dende aquí, en pouco máis de dous quilómetros chegamos ao santuario no que comezamos.

A ruta ten un alto interese natural e paisaxístico. Se chovese moito os días anteriores pode haber lama, e algún punto pode ser esvaradío.

  • Lonxitude: 14 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Logo dunha breve parada en Cortegada para tomar un café, desprazámonos ata o Santuario de Nosa Señora do Val de Poulo, no concello de Gomesende. Cando comezamos a subir ata o alto onde está enclavado, non imaxinaba eu o santuario que nos íamos atopar, un fermoso templo que destaca pola súa factura e dimensións. O edificio, que combina elementos barrocos e renacentistas, quedou inconcluso sen que estean claras as razóns polas que non se terminou o proxecto orixinal, que se supón incluiría un convento.

Ruta polo río Arnoia

Hoxe en día no medio da nada, este templo emprazábase sobre o antigo Camiño de Santiago que viña desde Porto por Celanova. Aséntase sobre unha vella igrexa da que quedan uns muros e uns baños con fontes termais, e chama a atención os restos renacentistas sen acabar que hoxe forman o patio onde se asenta o camposanto. Unhas escaleiras de caracol soben ata o muro que non se sabe ben porqué quedou sen rematar. De estilo barroco destaca no exterior o dobre cimborrio así como a súa dobre lanterna no alto das cúpulas.

Ruta polo río Arnoia

Ao redor da igrexa sitúase unha área recreativa con carballos e castiñeiros na que cada mes de maio ten lugar unha populosa romaría, e a escasos metros do templo atopámonos cunha casa do ano 1710 tal como indica unha inscrición de pedra que se atopa na súa fachada principal. É posible que este fora un albergue para os peregrinos, o que relacionaría o lugar cun dos diversos camiños de peregrinación que desde Portugal se dirixían a Santiago.

Ruta polo río Arnoia

Percorremos perimetralmente o templo e dirixímonos ata un outeiro onde está asentado o cruceiro de Seixival envolto totalmente en lique, unha cruz que semella ser parte dun via crucis; dende estas cotas altas da Serra do Seixival descendemos por pista primeiro e, logo de cruzarnos cun grupo de cazadores que andan de batida, seguimos por un estreito carreiro entre muros que nos deixa na aldea de O Viso, é o coñecido como camiño dos defuntos, chamado así porque era o utilizado para levar os mortos ao cemiterio do santuario; facemos unha pequena paradiña diante da fonte para reagruparnos e atravesamos a aldea pasando pola pequena capela das Angustias.

Ruta polo río Arnoia

Volvemos retomar o camiño por pista e xa co son do Arnoia no fondo do val e coa paisaxe que forma o canón do río, acometemos o descenso cara ao se curso, que baixa rápido e con bastante auga despois das recentes chuvias que estamos a ter neste outono. Estamos á altura do muíño da Chancela, na outra marxe do río. Á beira do muíño había unha ponte, o que fai que coincida a nosa andaina coa Ruta do Sr. Afranio (que cruza todo o sur de Galiza, dende o Baixo Miño deica Portugal), alcume adoptado, en 1936, polo deputado do Partido Galeguista Antón Alonso Ríos para fuxir dos fascistas disfrazado de esmoleiro.

Ruta polo río Arnoia

Facemos unha pequena parada á beira do río, que nos regala un son case enxordecedor, preámbulo dun intenso pero curto ascenso zigzagueante que nos deixa nun camiño a media altura polo que imos contemplando a fermosura do val, cunhas impresionantes vistas dos canons e mais do lugar de Sande, que nos regala unhas cores outonais moi fermosas, a pesar de que comezamos a padecer as invasivas mimosas que xa empezan a amosar a súa flor.

Ruta polo río Arnoia

O camiño volve descender, pois imos retomar o curso do río, pero desta vez dende unha atalaia ben chula!

Ruta polo río Arnoia

Antes de chegar á presa de Cachón, percorremos río arriba durante case 2 km unha canle hidráulica que foi construído a mediados do s. XX para desviar a auga do Arnoia e producir enerxía que abastecía ás minas de estaño da Serra de Seixosa. O percorrido pola canle é unha pasada pois, ao non ter dificultade ningunha para percorrela, permítenos ir camiñando mentres contemplamos o río e o seu entorno. Unha sucesión de remansos, remuíños e pequenas fervenzas no río e unha gran variedade de pequenas plantas e arboredo autóctono, como abruñeiras, freixos, sobreiras, amieiros, castiñeiros, carballos, bidueiros… unha gozada!

Ruta polo río Arnoia

Fronte ás augas que rebulían río abaixo, na presa podemos gozar dun tramo que vai ofrecer unha sensación de paz e serenidade. Á altura da presa o percorrido comeza a separarse do río. Despois dunha subida que atravesa unha fraga imos deixando atrás o canón do río Arnoia. Logo, o camiño transcorre por onde hai unha vizosa vexetación, antes viñas e terras de labradío, anuncio da proximidade da aldea de Escudeiros.

Ruta polo río Arnoia

E chegamos a Escudeiros, xa no concello de Ramirás, onde nos marabillamos co seu conxunto arquitectónico no centro da aldea formado polo impresionante peto de ánimas que hai pegado á igrexa da aldea, e o cruceiro, con fuste liso lixeiramente abombado, no cal se atopa unha cobra posta de pé e co rabo enrabirichado. Dende Escudeiros, remata oficialmente este percorrido homologado, pero nós continuamos a través dunha pista duns tres quilómetros para chegar ao punto de partida e volvemos contemplar o edificio barroco do Santuario, no que me segue a chamar a atención a súa monumentalidade (e sobre todo o dobre cimborrio), e que os restos do patio renacentista sen acabar estea convertido en camposanto.

Ruta polo río Arnoia

Xa en Cortegada, comentamos a andaina tomando a cervexa no Buena Vista, no que tan ben nos trataran facendo o camiño da Geira a principios de ano. A pesar de que foi un día algo chuvioso (nada comparado co que caeu en Santiago durante toda a xornada), non impediu para nada a realización da actividade pois coido que este tipo de andainas gañan bastante con esta climatoloxía. Moi recomendable.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio