Monte Oribio desde Lóuzara

17-11-2018
Monte Oribio desde Lóuzara

Hoxe ímonos ata as portas do Courel, unha das referencias naturais de Galicia, e intentar ascender ao monte Oribio. Xa temos subido ao Oribio noutras ocasións, a primeira delas saíndo dende Triacastela e a segunda dende San Cristovo do Real.

Desta vez comezamos a camiñar preto de San Cristovo de Lóuzara na aba sur da montaña. Dende aí, entre bosques e por antigas corredoiras chegamos a Gundriz, onde comeza a forte e longa ascensión ao cumio situado a 1477 m de altitude.

Dende aquí hai unhas impresionantes vistas que permiten ver toda a serra do Caurel, Ancares, Manzaneda, O Faro, Sarria, Triacastela, e incluso a cidade de Lugo. Logo só queda facer o descenso, cruzando toda a serra e pasando polo alto de Torrentes, ata chegar ao punto de partida.

A ruta goza dun altísimo interese paisaxístico e ambiental. Os camiños en xeral son bos, pero é salientable o desnivel a salvar e a forte pendente nalgúns puntos. Como é unha actividade de montaña é preciso ter un bo estado de forma e estar acostumado a subir e baixar fortes desniveis (máis de 1000 m).

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: forte
  • Dificultade: media-alta

Comezamos a camiñar…

Despois de máis de dúas horas de viaxe e, como en anteriores ocasións, antes de comezar a camiñar, fixemos parada en Samos onde, ademáis tomar o café de rigor, fun estirar un pouco as pernas e admirar o seu impresionante mosteiro de San Xián. Desta vez conformeime con ver o seu exterior, de sinxelos muros, pero no que chama a atención a fachada da igrexa, que da a impresión de estar incompleta ao non ter torres nin coroamento o ático central.

Monte Oribio desde Lóuzara

Logo, fixemos 19 quilómetros máis para chegar a San Cristovo de Lóuzara, o noso punto de partida. Cruzamos a aldea, na que uns veciños se afanan en arreglar o campanario da igrexa, e camiñamos entre bosques e soutos nos que o sol se filtra entre as polas, a pesar do avanzado da mañá; antigas corredoiras sirven de unión entre pequenas aldeas, como a de San Cristovo e Gundriz, que gardan o seu patrimonio arquitectónico. Impresiona como un vai por zonas remotas de serra e monte, e atopa camiños e muros de pedra ao longo de quilómetros, vinculando antigos e agora case abandonados núcleos de poboación, que en tempos pasados os veciños mantiñan limpos co seu tránsito e que hoxe moitos son reocupados por unha Natureza abundante ao quedar en desuso.

Monte Oribio desde Lóuzara

Pasado Gundriz, logo dun pequeno tramo por estrada, iniciamos a forte e longa ascensión ao cumio, situado a 1477 m de altitude. De novo imos por camiño alfombrado de follas douradas e a medida que subimos de cota vanse abrindo cada vez máis claros no bosque, deixándonos as árbores ver cada vez mellor a paisaxe que se abre ante nós (sobre todo ás nosas costas), capitalizada fundamentalmente polo val do río Lóuzara e pola serra do Courel. Se antes o sol era tamizado polas follas douradas dos castiñeiros, agora son as nubes as que deixan pasar uns raios que iluminan a aldea de Praducelo e o seu entorno.

Monte Oribio desde Lóuzara

A vexetación arbórea desaparece e só temos ao noso redor unha flora arbustiva moi pechada e lousa, moita lousa que dificulta a nosa progresión pola montaña. Coido que a apertura de cortalumes seguindo a dirección das pendentes e das aristas é unha seria alteración ambiental, ademáis do indubidable impacto paisaxístico que provoca. O gran surco e a súa anchura impresionan, e non quero nin imaxinar en días de moita chuvia a cantidade de auga que debe baixar como auténticos ríos, alterando o curso natural das augas e causando un efecto erosivo moi forte. A apertura destes cortalumes tamén afecta ao patrimonio arqueolóxico, pois non moi lonxe de aquí, hai pouco máis dun ano, un bulldozer arrasou parte dunha mámoa inventariada na contorna do Campín Verde, entre as aldeas de Praducelo (Samos) e Paderne e Miraz (Folgoso do Courel) nas liñas divisoras dos dous concellos. Foi durante o incendio que se iniciara o 11 de outubro pasado cando a máquina pesada actuou nos cortalumes baixo a urxencia das labores de extinción dos incendios.

Monte Oribio desde Lóuzara

Despois de dúas horas de iniciada a andaina, o ascenso polo cortalumes parece non ter fin. Unha pequena parada no Chao da Lagúa para recuperar folgos e parolar un pouco co Xerardo sobre a fermosura da paisaxe, e para arriba! Aínda quedan uns douscentos metros de desnivel que se fan paseniñamente. Rocío agarda ao final do cortalumes xa sen mochila, sinal inequívoca de que a parte dura do percorrido está superada. A paraxe é fermosísima, o que aproveitamos para descansar e recuperar forzas tomando un pequeno refrixerio. Unha antena de comunicación retorcida polo vento dá boa mostra da forza coa que debe zoar nesta serra.

Monte Oribio desde Lóuzara

Hoxe non nos acompaña Víctor, pero lembro que me comentou nalgunha ocasión que o Oribio encántalle especialmente, pois cre que é deses espazos que paga a pena visitar todos os anos, en diferentes estacións. Eu non digo tanto, pero xa levo tres e esta, no outono, foi unha das mellores! Estamos a disfrutar dunha marabilla de ruta! Continuamos por pistas polo cordal da serra practicamente sen desniveis fortes que salvar cara o Oribio, ao que chegamos sen maiores dificultades pero un pouco sacudidos polo vento, o que fai que vaiamos abrigados ata as orellas.

Monte Oribio desde Lóuzara

Segundo nos sinala Rocío ao pé do punto xeodéxico do Oribio, deberíamos ver todo o cordal de Ancares, hoxe tapado polas nubes e case podemos tocar o Monte das Lampas, un pouco máis lonxe tamén divisamos o Monte Capeloso (1598 m), e o Monte Faro (1615 m ), ao que lle fixemos unha fermosa subida nesta primavera, situados entre O Cebreiro e O Courel. Máis ao sur todo o cordal do Courel, no que adiviñamos o Piapaxaro medio tapado polas nubes… tamén aproveitamos para gozar do inmenso val que temos aos nosos pés e apreciar como o monte protexe durante un bo treito aos peregrinos que veñen descendendo dende o Alto do Poio cara a PasantesRamil e Triacastela. Tamén como a canteira a ceo aberto medra cada vez máis, unha mágoa, pero hai que aproveitar ben estes momentos que aquí non se sube todos os días! Decidimos facernos a foto do grupo con este telón de fondo cheos de satisfacción, pois o obxectivo da xornada está acadado.

Monte Oribio desde Lóuzara

Toca regresar, pois non quedan moitas horas de luz, e facémolo percorrendo a Serra do Oribio, cara a caseta forestal que hai instalada no Alto dos Torrentes (1376 m), levando o val formado pòlo Rego do Oribio polo que andivemos esta mañá e as vistas sobre o Courel á nosa esquerda, e todas as terras de Triacastela á nosa dereita. Progresivamente, imos perdendo altura primeiro por pistas forestais e máis abaixo por corredoiras que discurren entre prados, grupos de castiñeiros e muros de pedra, repetíndose as cores douradas da mañá, e que nos indican a proximidade do bus que nos agarda un pouco máis abaixo, ás portas de San Cristovo.

Monte Oribio desde Lóuzara

Xa de regreso, aínda temos tempo de facer unha parada na Casa de Aira Padrón, para tomar unha cervexa mentres comentamos a fermosura da ruta que acabamos de facer e sorprendidos por estar equipada con mobles tallados a man que lle dan un toque moi tradicional.

Ruta do val do río Aviouga

5 comentarios sobre “Monte Oribio desde Lóuzara”

  1. Estupenda reportaxe coma sempre ¡

    A antena retorcida creo que non é de comunicacións. Son antenas que se instalan no monte antes de facer os parque eólicos. Nelas, a diferentes alturas, poñen anemómetros para medir a velocidade do vento, e , deste xeito, facer os seus cálculos e previsións sobre canta enerxía ( e cartos) xenera o vento nese lugar.

    No seu día se fixera un proxecto para instalar o parque eólico ahí. A día de hoxe creo que o están a retomar, aínda que é REDE Natura (é un L.I.C.)…
    De feito, dende o cumio, segundo miras a Triacastela, xusto no monte de enfrente, xa están facendo un parque eólico novo. Nese monte fixemos tamén unha ruta no seu día, no Pico de Santa Irene, ou Pico de Meda: https://roteiros.gal/de-samos-a-triacastela/

    Ogallá todo quede como está, sería moi triste que a serra do Oribio, con eses cumios, eses bosques e estando ao pé do Camiño de Santiago acabase pragado de eólicos.

    Apertas

    1. Grazas!
      Pois sería unha auténtica mágoa, xa que o Oribio está considerado coma un dos mellores miradoiros panorámicos de Galicia. Cando nos levaras por primeira vez, aló polo 2012, xa se falaba da instalación do parque eólico uns anos antes (https://goo.gl/csJ5QB) e agardabamos que estivera abandonada a idea de instalalo neste monte.
      Agardemos non ter que facer unha campaña en Change.org!

  2. As obras para o parque eólico comenzaron de novo. Sin as licencias pertinentes, e estragando importantes restos arquelóxicos.

    1. Garzas Lola! Sabémolo, e reafirmámonos na auténtica desfeita que están a provocar, con danos irreparables. Temos uns políticos que non miran máis aló do cortoplacismo e de beneficiar ao poderoso. Unha aperta

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio