Ruta do Teleno
O Teleno é un monte que acada os 2183 m de altitude, situado na zona dos Montes de León. Pola súa situación é un estratéxico miradoiro sobre as comarcas da Cabrera e a Maragatería. Saímos do pobo de Molinaferrera (1100 m), no concello de Lucillo, nas abas da vertente septentrional do monte Teleno (outra das opcións é facelo dende Filiel, no mesmo concello). A ruta comeza xusto na ermida do Cristo, e vai por unha pista polo val do río Cabrito; logo de cruzalo pouco a pouco vai ascendendo e gañando altura ata chegar á Collada. Neste punto as vistas sobre a comarca son moi boas. A pendente vai aumentando, ata chegar á altura da Peña Negra (1650 m). Ata aquí, os camiños son moi bos en xeral. Quedannos aínda 500 m de desnivel ata o cumio e as pistas convértense en sendeiros. Ás veces haberá que atravesar algunha pedreira, pero o camiño non é perigoso ainda que aumenta a dificultade da actividade. As vistas dende o Teleno son impresionantes.
- Lonxitude: 19 km (15 km se non facemos a subida ao cumio)
- Dificultade: media
- Desnivel: forte
Comezamos a camiñar…
Despois de catro anos voltamos a estas terras para tratar de acadar o cume que daquela só fixeran unha ducia de compañeiros e compañeiras, debido ás condicións meteorolóxicas coas que nos atopamos chegando ao último tramo da subida. Situado no noroeste da provincia de León, cos seus 2183 metros, o Teleno non só constitue a fronteira natural das comarcas da Maragatería e da Cabrera, se non que tamén exerceu desde sempre un magnetismo especial para os seus habitantes, pois o Teleno é o mítico monte dos Astures, posteriormente “Mars Tilenus” para os romanos. A principios deste século, un incendio devastou unhas 5000 ha nesta cara N pola que imos ascender, repoboada na actualidade fundamentalmente con piñeiro e queiroa.
Comezamos, logo, os nosos primeiros pasos cara o cumio deste monte sagrado, agardando que desta vez os deuses nos permitan gozar dun agradable día de montaña. O día non é moi claro pero si moi fresco, frío, de feito a neve cubre todo Molinaferrera cando chegamos ao noso punto de partida, diante da ermida do Cristo, e vaise facendo máis presente a medida que imos ascendendo por unha pista polo val do río Cabrito. Logo de cruzalo, a vexetación de ribeira vai dando paso, a medida que imos gañando altura, a un camiño entre matogueiras, uces e rochedos cubertos pola neve ata chegar á Collada. Neste punto as vistas sobre a comarca son moi boas. Por certo, no ascenso lembrámonos dos nosos acompañantes de hai catro anos, Johanna e Helmut, que fixeran cumio como se nada, nunhas condicións bastante duras para o resto. Hoxe tamén ven xente nova, á que sempre da gusto ver e contar coa súa participación, agardando que repitan máis rutas con nós.
A pendente vai en aumento unha vez que deixamos os camiños e acometemos a subida polos cortalumes. Levamos xa un bo rato co tramo todo nevado e, non sen certa dificultade, imos subindo en busca da planicie previa que hai antes do cumio. Desgrazadamente a visibilidade e o tempo son cada vez peor, non hai moito vento, pero camiñar por este solo pizarroso cuberto de neve, está complicando de máis o ascenso. Como da outra vez, case á altura da Peña Negra (1650 m), o Víctor púxonos en situación: tiñamos un par de horas máis de andaina como mínimo se continuabamos ata o cume do Teleno (o tramo máis duro do ascenso), e as previsións meteorolóxicas para a tarde non eran moi boas; en definitiva, era moi arriscado facer cume por se empeoraba o tempo, e podía collernos en metade do descenso e, ademais, tiñamos que contar co regreso á casa, debendo pasar por Pedrafita, un punto sensible polas previsións de neve que dan para a tardiña na A6. Con bó criterio decidimos deixar para outra ocasión culminar o Teleno e, como hai catro anos, continuamos a andaina pola pista que vai rodeando a fermosa cara norte da montaña para logo baixar a Molinaferrera… outra vez será!
Este camiño permitiunos ir admirando todo o tempo a impoñente paisaxe nevada da vertente septentrional da Serra, a Maragatería, de formas suaves e diseccionada en pequenos vales formados polos afluentes do Duerna: o Cabrito, o Arroyo de Peña Bellosa… que está espectacular no momento que pasamos por alí! A medida que foi avanzando o día a neve foi desparecendo progresivamente dos vales, e mellorando moito a visibilidade. A plasticidade e a cor das nubes sobre o páramo que tiñamos diante debuxaban unha paisaxe realmente bonita.
Cando iniciamos o descenso por pista cara a Molinaferrera practicamente xa non hai neve polo camiño, o que se agradece pola pendente dalgún tramo. Agora tócalle sufrir un pouco aos xeonllos. Nun ambiente totalmente distinto ao da mañá, resultou un final de etapa espectacular, pois unha vez cruzada a ponte sobre o río Cabrito fomos gozando das cores amarelas das follas dos álamos e outras árbores de ribeira que hai ao longo do seu curso, e por onde comezan a filtrarse os raios dun sol de outono que potenciaba as súas cores. Unha gozada!
Para min, unha mágoa non poder facer cume, pois tiña ilusión por ascender este monte tan emblemático, anque eu xa empezo a pensar que o Teleno resístesenos pois estános a dicir que temos que volver máis veces, e de feito coido que é unha montaña á que hai que volver sempre que se poida.
Coincido co comentario que me fixo Víctor ao final da ruta, na que se quedou con tres cousas: con esa cor verde grisácea que se ve nos montes ao lonxe, producida pola mestura do verde oscuro da xesta e a queiroa xunto con esa pequena capa de escasos milímetros da neve que se vai esvaecendo, coas cores do outono das árbores e, sobre todo, coas caras de ledicia da xente!