De Samos a Triacastela
Volvemos a esta zona oriental de Lugo, despois de visitala no inverno pasado, cando subimos ao monte Oribio e que millor que facelo no outono! Para elo, tivemos que madrugar un pouquiño pois agardábanos pouco máis de dúas horas de viaxe dende Santiago.
- Lonxitude da ruta: 16 km aprox.
- Desnivel: medio (tanto de subida coma de baixada)
- Dificultade: media
Antes de comezar a ruta fixemos una parada en Samos, para tomar un café e visitar o Mosteiro de Samos, previo paso pola súa portería/tenda para pagar os 3 € da visita.
O Mosteiro de San Xián de Samos está considerado como un dos máis antigos de Occidente (s. VI). Integran o complexo monástico dous claustros de dimensión desigual, unidos entre si. Adosados ao claustro grande pola parte noroeste, se encontran a súa magnífica igrexa e a súa sancristía. Tres estilos arquitectónicos interveñen na construcción e decoración: gótico, renacemento e barroco e somentes se conservan como reliquias dun pasado multisecular, unha portada románica e outros elementos aillados deste estilo.
Unha vez cruzada a portada principal, accedemos ao claustro do P. Feijoo, comenzado a finais do s. XVII. É un dos claustros de maiores dimensións de España, cuns 54 metros e medio de lado. Un amplo xardin ambienta o recinto, presidido no seu centro polo monumento ao P. Benito Feijoo, obra de Francisco Asorey, inaugurada en 1947.
Un amplo arco carpanel ponnos en comunicación co segundo claustro, máis antigo e fermoso: o claustro gótico ou das Nereidas. O contraste co claustro de Feijoo é moi notable e destaca no xardín a fermosa e airosa Fonte das Nereidas que podemos admirar no seu centro, de comezos do século XVIII. As catro nereidas da parte inferior da fonte imprimen unha nota moi peculiar e non quero imaxinar que farían os monxes bieitos e que pensamentos terían ao ver eses peitos tan voluptuosos… Din que a autoridade do mosteiro xulgou inapropiadas as catro figuras nun lugar á vista dos ollos propios e extranos e ordenou desmontala e retirala. Con todo, cando xa se dispuñan a transportar as pezas, estas aumentaron de peso de tal xeito que os operarios non foron quen de movelas. Para desgraza das autoridades, non quedou máis remedio que volver a reconstruir a fonte e alí sigue hoxe.
En torno a este claustro gótico xiraba a vida do mosteiro, por eso se comunican con el tres importantes dependencias: a cociña, o refectorio e a biblioteca, cunha porta onde reza a seguinte inscrición latina: “Claustrum sine librario sieut castrum sine armamentario” (Un mosteiro sen libros é coma un castelo sen defensas). Por certo, se vos parades a ler a historia do convento, fálase da desgraza que supuxo a desamortización de Mendizábal de 1835 para o mosteiro, coa maioría dos libros trasladados a Lugo, que pasaron a formar parte do fondo primitivo da Biblioteca Pública, xunto cos de outros conventos suprimidos da provincia. En cambio, o pavoroso incendio de 1951 (provocado na destilería… que andarían facendo!), e que destruiu a metade dos libros, unha perda irreparable, non recibe ningún tipo de calificativo pexorativo, e aínda manteñen na actualidade que, respecto dos fondos antigos, dista moito do que foi antes da desamortización. En fin.
Se pasamos deste claustro ao de Feijoo e subimos ao primeiro andar, podemos contemplar unhas pinturas murais sobre a vida de san Bieito. Quédanos por ver a sancristía, do último cuarto do século XVIII e, finalmente accedemos á igrexa monacal, maxestuoso edificio tamén do século XVIII. Non marcho do mosteiro sen botarlle unha última ollada ao claustro e á fonte das Nereidas, unha marabilla!
Logo desta interesante visita, subimos ao bus novamente, que nos achegou a San Cristovo do Real, cunha igrexa parroquial, no medio da poboación, á que as múltiples reformas non lle fixeron gran favor arquitectónico.
Unha vez cruzada a ponte e subir á parte alta de San Cristovo, e despois de advetirnos unha muller que íamos mal polo camiño que tomamos, comezamos a ruta por corredoiras alfombradas de follas, bosques, soutos e aldeas, e aproveitando treitos do Camiño de Santiago. Se nos fixamos no perfil da ruta, semella talmente un peito de muller (inspiraríase Víctor na fonte das Nereidas para deseñar esta ruta?), con todo o primeiro tramo en ascenso e dende o Monte da Meda en continuo descenso ata Triacastela.
A primeira parada fixémola en San Xil de Carballo, onde deixamos sorprendidos a unha encantadora parella de velliños ao ver tanta xente xunta por eses montes adiante… e de aquí, o camiño lévanos ata o Alto de Meda, nos montes de Santa Irene, a 1.200 m de altura. Antes de comezar o ascenso, repuxemos forzas como pudemos, de pé ou sentados sobre mollado, polo que o momento foi breve para non arrefriarnos.
O Alto de Meda é un miradoiro excelente sobre gran parte de provincia de Lugo pero, como nos pasou no ascenso ao Monte Tremuzo hai poucas semanas, non pudemos desfrutar das panorámicas: á hora de inciar o treito de ida e volta, chegamos no momento que máis arreciaba e mentres a metade do grupo decidía chegar ao cumio e voltar, a outra metade decidimos ir baixando paseniñamente.
E así chegamos a San Pedro do Ermo. O roteiro foi fermoso no seu conxunto, pero o tramo que fixemos a partires de aquí, compensou a molladura e toda a falta de visibilidade que tivéramos ata agora! Menudo souto que cruzamos!, que cores… ocres, amarelos, marróns, verdes! ata A Balsa, onde xa chegamos xuntos os dous grupos.
Logo, seguindo o rego da Balsa, o camiño continúa por pistas e enlaza tamén co Camiño de Santiago, pero desta vez en sentido inverso, ata chegar a Triacastela onde rematamos a camiñada.
Como comentaba o meu amigo Antonio xa de volta… a verdade é que vendo especialmente o tramo final da ruta no seu esplendor outonal e tendo en conta todo o que tivemos que perder polas inclemencias clímáticas, fanme recapacitar en que esta ruta tiña que ser especialmente fermosa e digna de reconsiderar para unha nova tentativa.
Ver De Samos a Triacastela nun mapa máis grande
Fermosa ruta, lástima que o tempo non acompañara como o fixera cando subimos ao Oribio. Toda a zona ten un altísimo potencial debido aos seus valores naturais e culturais. Aínda nos queda moito por coñecer por alí, haberá que voltar a descubrir eses tesouros..¡
Fran , sobre as miñas fontes de inspiración….. ja ja ja ja… Soen ser outras…
Grazas por compartir os comentarios e as fotos