Roteiro por Brión
Este día de Santos fomos facer un roteiro polo concello de Brión, máis concretamente polas parroquias de Óns e Viceso, cuns camiños, á beira do Tambre, doados de andar e que permiten tomar distintas opcións por se optamos por un percorrido máis ou menos longo, podéndote mover ao chou, sen medo a perderse. Nós fixemos en total uns trece quilómetros, e cunha dificultade baixa. É tamén unha ruta que se pode facer perfectamete en bicicleta.
O día non pintaba ben, pola chuvia, pois había predicións meteorolóxicas que anunciaban un empeoramento cara ao medio día. Pero iso non impediu que nos xuntáramos uns vinte e cinco tolos dos camiños… e decidíramos facer caso do refrán “A Amaia, pasala con día”, para desfrutala e para descubrir as variedades da súa paisaxe, etnografía e arquitectura.
O lugar de quedada foi en Óns, máis concretamente na de Casa Ruso, onde nos tiñan preparado un bó café con churros, que souberon a gloria mentres agardábamos a estar todos reunidos. Alegroume ver de novo a Suso e a Paché, pois dende o Courel, había xusto un ano, non os volvera ver, así como que foran Jaime e Antón e tamén, como non, aos de sempre!
Como dixen, durante a andaina, o tempo non acompañou moito pois choveunos durante todo o pecorrido, sobre todo no tramo final da mañá, pero unha vez rematado, e como nunca choveu que non delampase, pudemos desfrutar dun merecido xantar en Casa Ruso, composto por un caldo, un polo de curral (da casa!) con fideos, e un leite fritido que quitaba o sentido.
E imos ao choio! O roteiro ben o puden nomear Roteiro dos cruceiros, pos no percorrido polas dúas parroquias atopámonos con este elemento tan importante do noso patrimonio, os cruceiros, pero tamén visitamos pazos e as igrexas parroquiais, de estilo barroco, de Viceso e Óns. Estas, ademais do edificio, acollen pezas ás veces moi valiosas coma os retablos, imaxes, ourivería, etc.
Comezamos a andaina e, ao pouco tempo, primeira sorpresa que nos tiña preparada Manolo. Tíña as chaves para poder entrar e visitar o Pazo dos Armesto (s. XVI-XVIII), en Salaño Pequeno, e poder acceder ao o recibidor, onde nos fixemos a foto de grupo nas escaleiras e balconada (por certo, que case me deixa dentro!). Unha mágoa que o seu hórreo, que consta de nove vans!, estea en tan mal estado de conservación.
Seguimos camiño e o primeiro cruceiro que nos atopamos, cun lavadeiro e a fonte e o cruceiro da aldea de Salaño Grande
De aquí á aldea de Forxán, onde admiramos o seu cruceiro. Comezamos xa a ruta de cruceiros e seguimos camiño rodeado de montes e fincas, un pouco por estrada e indo pola beira do río Traba ata pasar a Ponte de Porto Pequeno, onde pudemos ver dous cruceiros de distintos tipos, destacando o fermoso cruceiro da Goriña, en Pousada, cruceiro de capela do ano 1637, o máis antigo do concello de Brión. Un pouco máis arriba, tamén en Pousada, nunha encrucillada está asentado o Cruceiro da Portuguesa, no que destaca a base de perfil cuadrangular, na que ten labrado unha caveira en cada esquina, unha gran serpe e un lagarto.
Salientar que hai tramos desta ruta que coinciden coa “Ruta do Camiño Frances”, que non ten nada que ver coa ruta do Camiño a Fisterra, que segue o suposto trazado da vía romana “per loca maritima” que viña dende Braga pasando por Caldas de Reis, Noia, Brión e seguía cara Brandomil, pasando o río Tambre pola “ponte Pias”. Ata hai poucos anos esta ruta era o camiño utilizado pola xente da zona de Cornanda, Luaña e Viceso para chegar a Negreira.
E de aquí ata a igrexa de Santa María de Viceso, lugar onde fixemos unha pequena parada resgardados no palco da música. A partires de aquí a chuvia xa foi intensa e xa tiñamos gañas de chegar ao xantar. Pero aínda tivemos tempo de admirar, antes de chegar a Óns, e o cruceiro da aldea de Mourentáns.
O día, tan inclemente, alentaba a comer quente e saboroso. Unha vez desprendidos da roupa de auga e tomada unha caña de cervexa, fomos para o comedor de contado, pois había gañas de sentarse á mesa onde nos agardaba, como xa dixen máis arriba, un bó xantar con caldo, polo con fideos e leite fritido, que reconcilian a calquera coa metereoloxía cansina e deprimente deste 2013. Vinte e cinco coñecidas e coñecidos, en dúas mesas alongadas e un menú “gastronómico” a prezo asequible en Casa Ruso con gañas de falar e de comer… a proposta non pode ser máis atractiva.
Despois fomos visitar a igrexa de Óns, e como a tarde non daba para moito, pois a chuvia non daba tregua, en lugar de continuar a camiñar, como estaba previsto, decidimos pechar este capítulo e deixalo para outro día; algún xa se despediu pero a maioría fomos tomar un café a Negreira e seguir parolando de todo… e non apetecía que a tarde se fora entre as conversas.
Parabéns para Manolo!! de verdade, pois nos tiña preparado todo dun xeito espectacular. Manolo, cando queiras repetimos!
PS: Como era a primeira vez que andaba por esta parte de Brión, agardo ter recollidos ben os datos e sinalizacións dos lugares.
Bonita ruta! Recordades en que lugar está a “cabeza cuneteira” das fotos? É ben curiosa… e non me extrañaría que puidera ter unha orixe castrexa…
Grazas Amaiano! Eu tamén pensei nesa orixe e, en canto ao lugar, teño que preguntar o nome, pero lémbrome que foi nas seguintes casas, unha vez pasada aldea de Forxán. Non sei se che pode dar algunha pista as fotos anteriores, que están feitas momentos antes de chegarmos á citada peza. Preguntareino!
Unha aperta,
Fran
Gracias Fran! Pode ser logo na aldea de Ombre… E non descartaría o que dicía da orixe castrexa, xa que nas imediacóns, en Forxán, hai un castro. (Dicíndoo, por suposto con todas as cautelas… )
Bos días!
vexo que facedes moitos ruteiros por aquí… A min gustaríame facer, pero a verdade é que vou un pouco perdida. Son catalana e non sei onde atopar os mapas! Podédesme botar unha man?
Grazas!!!
Ola Carme,
Estas saídas que facemos a metade de semana, supoño que saberás que están organizadas polo Servizo de Deportes da USC.
O próximo Mércores, 19 iremos ver os petróglifos do Castriño de Conxo, no concello de Santiago, e faremos un pequeno percorrido desde o campus ata aos petróglifos de Conxo aproveitando o río Sarela e os espazos verdes da zona.
Agardo terte orientado. Unha aperta