Monte Capeloso. Entre o Cebreiro e o Courel
Viaxamos ata o concello de Pedrafita do Cebreiro, municipio fortemente influenciado pola súa relevancia no Camiño de Santiago, e comezamos a nosa ruta en Zanfoga, para facer un percorrido circular entre a parte norte do Courel e a zona do Cebreiro, que inclúe a subida ao cumio do Capeloso (1598 m), dende onde se goza dunhas panorámicas espectaculares. O itinerario é unha marabilla, e dunha enorme beleza, alternando bosques con zonas altas. Ten un alto interese paisaxístico e natural.
- Lonxitude da ruta: 19 km aprox.
- Desnivel: medio-alto
- Dificultade: media-alta
A dificultade da ruta ven dada polo desnivel, que é importante, aínda que a última parte da ascensión é optativa. Os camiños en xeral son bastante bos, para ser unha zona montañosa, pero se chove pode haber bastante lama.
A ruta fixémola a paso tranquilo en 6:30 h. Xa de volta, Jaime comentou que se tivese que volver a percorrela faríao ao revés, no sentido das agullas do reloxo, pois o Capeloso está a metade de ruta, e o destino valo vendo de fronte, a subida sería unha pendente contínua sen moitos sobresaltos excepto os dous últimos km, que hai que baixalos de volta polo mesmo sitio, e nos que o terreo pídeche un último esforzo. Deste xeito, ao regreso, a parte de máis pendente polo Monte Grande, que é un bosque moi chulo ímolo gozando mentres baixamos… Pode que teña razón.
Comentábame María que quizais o primeiro tramo de bosque polo Monte Grande foi máis bonito desta ruta. A sensación de pasar dun lugar aberto a vernos engulidos polo bosque a través das fondas congostras que tiraban do peito costa arriba, ao tempo que nos deleitaban nunha atmosfera abafante, co colorido das faias, abeleiras, carballos e castiñeiros outonizos, ao mesmo tempo que no chan aparecían variados cogomelos, como os cantarelos amareliños que deixamos para que gozaran da súa vista os que viñesen detrás (grazas Antonio polo detalle de sinalalos), amanitas rebentando de colorido, e uns boletos que quedaron intactos despois de pasar todo o grupo. Por citar algúns… Reservo para o final uns cogordos (macrolepiotas) que lucían nun prado, xa acabando o roteiro, e que si viñeron con nós (imposible deixalos alí).
Seguro que hai moitas representacións do outono na Historia da Arte, pero a min, o camiñar entre estes ocres e amarelos, lembroume un cadro de Tissot (que cousas quedan no caletre de cando estudiaches historia da arte na carreira!), Outubro 1877, no que unha muller de negro e mirada melancólica camiña sobre a follaxe cun libro debaixo do brazo.
Acábasenos o mes de outubro. As nubes van amortiguando a calor do sol, pero non poden coa súa luz, que nos dá uns amenceres e solpores espectaculares. O aire vai arrefriando un pouco máis o ambiente, facendo bailar as follas secas, ata obrigalas a alfombrar os camiños polos que andamos, lembrando que xa temos o sanmartiño cerca. Volve a chuvia… A paisaxe convida a camiñar… e se pode haber cerca unha boa mesa agardando sería o summum. Anque se hai que conformarse cun café ou unha taza de caldo ben quente tamén me vale!
Iso sí, a ser posible que non sexa no Cebreiro, pois a pesares de ser un lugar cun inmenso encanto, teñen unha hostelería que deixa moito que desexar, moi desagradable coa xente. Que razón levas Xerardo! Cómo se lle pode cobrar a un peregrino 40 € polo cuarto sabendo que este lugar, co simbolismo que ten para nós e ser o primeiro lugar de Galicia co que se atopan os camiñantes a Compostela; eu, dende agora, recomendarei baixar ata Pedrafita. Parece mentira que non se teña coidado con estes detalles.
A pesares do madrugón e das dúas horas longas da viaxe, pagou moito a pena facer esta ruta, que hai que facela no outono. Víctor, parabéns pola elección e polo momento que escolleches para percorrela. En fin, acaba o mes, pero outubro sempre volve todos os anos e xa temos o sanmartiño cerca!
Información adicional:
- MIDE Capeloso [pdf – 96 kb][Actualizado: 30/9/15]
Qué marabilla!!! e ¡¡¡qué comentario tan bonito fas da ruta!!!