Monte das Lampas. Entre O Cebreiro e O Courel
Que gañas tiña de retomar as rutas da USC! Logo da pequena paréntese de inactividade apunteime a esta andaina un pouco temeroso, pois non tiña a certeza de se aguantaría o percorrido pola serra despois de tanto tempo inactivo, pero a experiencia foi amplamente superada. E nada mellor para facelo que ir ata o cconcello de Pedrafita do Cebreiro e gozar das fermosas cores do outono!
- Lonxitude: 19 km
- Desnivel: medio-forte
- Dificultade: media-alta
O monte das Lampas está situado entre O Cebreiro e O Courel. É unha zona pouco visitada pero que ten unhas vistas excepcionais sobre toda a zona montañosa do Courel, Cebreiro, Val de Lóuzara… Como digo sempre, paga a pena o madrugón e a longa viaxe, pola recompensa de gozar do alto interese natural e paisaxístico desta parte oriental do país.
Direivos que o Monte das Lampas para os poucos lugareños que hai por estas terras é A Devesa, pero o que importa é que dende o punto de vista da natureza, é un paraíso incomparable para gozar das súas fantásticas vistas panorámicas.
Antes de comezar a camiñar, fixemos parada en Pedrafita onde, ademáis de tomar o café aproveitei para mercar un queixo e mágoa que aínda non tiveran castañas, pois as que levara no outono pasado sairan fabulosas. Como me comentou a tendeira, por estas terras o outono ven con restraso, e ata dentro duns quince días ou así non as haberá.
Logo, o bus levounos ata un pouco máis aló do Alto do Poio, pois a ruta comeza no val do Louzarela, en Alence, preto da aldea de Louzarela. Despois de cruzar A Ponte, seguimos pola parte superior do curso do rego da Gandarela, que nos leva practicamente ata A Teixeira, xa no concello de Folgoso do Courel. Dende aquí, logo de baixar ata o regueiro dos Carroceiros, iniciamos a subida ao monte das Lampas. Unha subida constante pero que se supera sen moito problema, e na que imos alternando tramos baixo vexetación frondosa e tamén outros que nos permiten ir divisando as distintas paisaxes e aldeas que hai no percorrido. Unha gozada!
Mágoa que no treito final do ascenso nos envolveu a néboa e non puidemos gozar das impresionantes panorámicas, pero Víctor xa se encargou de ubicarnos convenientemente.
Cara ao surleste vese o que estrictamente se coñece como a serra do Courel, dende o Pico Piapaxaro (1610 m) ata o alto do Faro (1615 m) e o Capeloso (1598 m), ao que xa subimos o curso pasado, pasando polo Teso das Papoulas e o Formigueiros (1648 m), coñecido por ser o pico máis alto do Courel. Cara o leste podemos ver a zona dos altos do Cebreiro e a zona de Zanfoga (por onde tamén estivemos no seu día). Cara ao norte vemos o alto do Poio e todo o cordal que dende o Cebreiro vai cara a Triacastela, tamén se ven os Ancares ao lonxe. Cara o oeste podemos ver perfectamente a mole do Oribio. Ao suroeste temos o val de Lóuzara, a zona do Incio e ao lonxe vemos a zona de meseta entre Sarria e Monforte. E ao sur vemos a serra da Escrita (zona do Caurel, tamén, coa famosa devesa de Paderne). Que máis se pode pedir? Que non haxa néboa! Pero iso non está nas nosas mans.
Como non había moito que divisar, iniciamos rapidamente o descenso na busca dun lugar onde poder parar a tomar o refrixerio, que fixemos no Chao do Colado e, oh sorpresa! veu acompañado cunha tarta, a Tarta do avó Delmiro, coa que nos agasallou Teresa no día do seu santo… moitos parabéns! Logo da sobremesa, non queda máis ca chegar ata o alto do Poio practicamente sen desniveis.
Impresionantemente bonito estaba o monte coa abundancia de capudre (cancereixo, escornabois, carnabudo), que había ao longo de todo o percorrido, unha árbore preciosa pois o froito, que madura entre setembro e outubro, primeiro alaranxado e que acada nesta época unha cor vermella coral espectacular.
É unha ruta que, en xeral, vai por camiños bos, aínda que en caso de choiva pode haber moita lama. Nalgún punto os desniveis son fortes, pero que se salvan sen problema tomándoos con calma. O percorrido non é circular, pero podémolo facer perfectamente se, en lugar de comezar en Louzarela, o facemos dende o mesmo alto do Poio.
Alégrome moito de que reemprendas!!!. Un bico
Hola Fran
Siento lo de la niebla, porque el paisaje parece precioso, de todas formas las fotos son muy bonitas, como siempre.
Bicos a todos