Andaina por Muros, Laxa das Rodas, Monte Louro
Xa ven sendo tradición que un grupo de membros da USC aproveitamos a celebración do San Tomé de Aquino para facer unha escapadiña e ir camiñar, con xantar incluido. Desta vez fomos dar un paseo circular duns 18 km, guiados por Antón Lado (un muradán de pro) que, aproveitándonos da súa dispoñibilidade, levounos pola fermosa vila mariñeira de Muros, declarada Conxunto Histórico Artístico en 1970. A xornada rematámola cun xantar no restaurante A Esmorga, no mesmo Muros, celebrando como se merece, ademais, o cumpreanos de Xerardo, un novo 6.0 do grupo. Moitos parabéns querido amigo! Agardo seguir téndote de compañeiro nas rutas deste ano e de moitos anos máis! Unha forte aperta!
- Lonxitude: 18 km aprox.
- Desnivel: baixo (salvo a subida a Monte Louro)
- Dificultade: media
Logo de deixar os coches detrás da lonxa vella, onde aproveitamos para ver os restos do castelo de Muros, e despois de tomar o café, fomos ata a praza do concello, ao lado da fonte do Hospital de Lázaros, fundado polo bispo Diego de Muros, e comezamos.
Subimos polas rúas da vila que no seu día estiveron amuralladas cara a igrexa parroquial de san Pedro, na que é imprescindible ver o seu interior, dunha soa nave e a súa chamativa pía bautismal, e o que queda das antigas murallas, que algo quedou.
A ruta é moi suaviña e pracenteira. Excepto este primeiro tramo, que é a subida pola entrada sur de Muros, uns 2,5 km de subida tendida por asfalto (tranquilos, hai beirarrúa). Unha vez arriba, imos ata o lugar chamado Campo de Cortes que, como o seu nome indica, era un lugar con cortes para gardar o gando. O camiño é levadeiro e imos todo o rato atentos ás explicacións de Antón, amosándonos un aspecto complementario da vida cotiá dunha poboación do litoral, o mundo agrícola, definido polo monte e as leiras e o mar.
Como sabedes, toda a comarca de Muros (incluíndo tamén Carnota) é un parque temático da arte rupestre: Pedra Escrita, A Cova da Bruxa, As Pedragueiras, Naraio. Visita obrigada merece a Laxa das Rodas, cuns impresionantes petróglifos nunha gran laxa, datada na Idade do Bronce (é sempre coñecida como Laxe, pero os deste lugar de Galicia chámanlles «Laxa» ás pedras de grande tamaño e de superficie máis ben tirando a plana, non «Laxe»). Dende aquí podemos contemplar unhas espectaculares vistas.
A Laxa das Rodas tense interpretado como almanaque laboral (o motivo principal son dúas espirais que xiran en sentido contrario unha da outra), mesa de ofrendas para propiciar as boas colleitas, conxunto de signos solares, a morte ou a fecundidade acuática e lunar.
Logo de visitar esta estación rupestre, volvemos ao camiño, parando a falar cuns operarios que estaban a acondicionar a Fonte Galiña e achegarnos ata Taxes, un núcleo que conserva a súa estrutura tradicional; a partir de aquí imos baixando seguindo a canle do río Longarela, e vemos os muíños situados á beira do mesmo, coñecidos como os muíños de Longarela… e, claro, como é país noso, o que se fixo non foi rehabilitar a ducia de muíños que abeiraban polo río, senón “rehabilitar un e que a xente se faga unha idea dos demais”.
Dos muíños imos á zona das cabaseiras, que é como lles chaman aos hórreos, nos que se teñen feito algunhas barbaridades, e percorremos o lugar de Louro, e a cabaceira central, onde dende que Antón era rapaz, segundo nos conta, era o espazo de socialización do lughar, que é como a periferia de Louro (parece coña, non o é) coñece á xente do núcleo da aldea. Segundo nos dí, hai unha gran diferenza entre ser de Louro-lughar e ser de Louro-San Francisco, por exemplo, e xa non digamos cun de Muros 🙂 ). Entre medias visitamos a «casa de Colón» (“si, o Colón fetén”) 🙂 (hai que perdoarlle estes excesos da febre localista… )
De ahí seguimos os pasos da antiga romaría da virxe da Madalena, cuxos restos da capela están no bico de Monte Louro. A praia de Area Maior chama a atención polo seu sistema de dunas móbiles que a separan da Lagoa de Louro. Bordeamos a lagoa, e tivemos ocasión de ver o fenómeno natural do ingüeiro, que non é posible velo sempre, que é cando a lagoa reborda e desauga directamente no mar.
Imos polas cortes de Monte Louro (hoxe case todas son casas de veraneo), ata o primeiro cumio, que é onde está a capela. Decidimos deixar para outro día o segundo bico, que é onde estaba localizada a “Garita” que mandara construír Alonso III de Fonseca? Xelmírez? É importante gozar da vista. O ascenso facémolo sen parar e ata deixamos sorprendidos a Antón co noso subir lixeiro, que comenta que parece que levamos conectada unha pila duracel. Segundo o GPS de Xerardo, dende as torres de comunicación, en 800 m subimos 180 de desnivel, unha pendente media do 22,6%, con tramos do 45%. Chegoulle ben!
O Monte Louro (aliñado co castro de Baroña e co Monte Pindo), érguese na saída da Ría de Muros coma un colosal vixía de granito. Ao seu carón, as dunas separan a lagoa de auga doce dos solitarios areais de Area Maior. Morfoloxicamente representa un pequeno monte illa constituído por rocha granítica que marca o límite entre a ría e o mar aberto e as súas peculiaridades fan que estea catalogado como punto de interese xeolóxico nacional.
Unha mágoa non quedar alí máis tempo, baixamos e beireamos polo camiño da praia vendo a reutilización da industria da salga en formatos turísticos varios. Logo, xa polo paseo da praia de San Francisco reencontrámonos con Manolo, que volvera a Louro onde esquecera o seu apreciado bastón… nun primeiro momento non o encontrou, pero logo de xantar volveu ata alí e xa llo tiñan gardado. Só queda continuar pola costa ata Muros, onde xa nos agardan para xantar.
No Esmorga Antón arreglounos o menú do día, ou sexa que comemos a escoller entre 4 primeiros e 4 segundos. É variado e xeneroso. Un sitio onde se come ben, a pesar das opinións de Tripadvisor que parecen de xente que agarda un restaurante diferente, pero non deixa de ser unha casa de comidas de toda a vida! E alí nos agardaban Carmen, Federico e Marga coa sua panda de Aldea Nova, para celebrar como se merce o cumpreanos de Xerardo.
Día espléndido en todos os sentidos! Dentro dun ano, maís!
P.S. Grazas Antón, aprendemos un montón e pasamolo fantástico! e o malo disto é que imos querer máis… emprazámoste para outra!