Ruta pola Serra do Suído
Visitamos a zona sur da serra do Suído, no concello de Covelo, comarca da Paradanta. A ruta comeza en Maceira, e imos entre bosques pola beira do río Tea, ata Fofe, dende onde subimos á parte alta da serra ata chegar ao interesantísimo conxunto etnográfico de Portela das Travesas. Logo só queda baixar da serra ata a aldea de Campo, onde rematamos a ruta.
- Lonxitude: 17 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media-alta (polo desnivel)
Logo de reunirnos diante da Igrexa de San Salvador, en Maceira, imos por un sendeiro que pronto nos achega a un antigo aserradoiro hidráulico que da nome á ruta PRG-95: Os Carranos. Construído en 1922, o aserradoiro dos Carranos, mostra nun lateral a noria (neste momento desmontada), que aínda move a súa maquinaria, impulsada pola auga do regato de Vixiáns. Nel, noutrora facíanse carros, e tiña sequeiro e almacén de madeira, así como unha pequena forxa para elaborar as ferraxes coas que calzar as rodas dos carros.
O firme nesta primeira parte da ruta é esvaradizo nalgún tramo e compre ter coidado.
Este curto itinerario, entre bosques é a beira do río Tea, que nace no mesmo Suído (espectacular ver as súas augas tan cristalinas, pois imos por un dos treitos mellor conservados e máis fermosos do río), lévanos rapidamente ata a ponte medieval de Fofe, no fondo do Val de Tiela, que cruzamos, e de ahí continuamos ata Fofe por un fermoso camiño medieval onde as profundas rodeiras de carros indícannos que foi un camiño moi transitado.
En Fofe, despois de reagruparnos, comezamos a segunda parte da ruta, subindo á zona alta da serra (temos unha subida constante de máis de 400 m de desnivel), ata chegar ao interesantísimo conxunto etnográfico de Portela das Travesas, formado por chozos e un dobre foxo do lobo, único en Galicia.
Imos soportar, no que queda de ruta, unha climatoloxía moi adversa para esta actividade. Néboas que nos impiden ver a paisaxe da serra e unha chuvia persistente que callou en todos nós ata as entrañas! Lembroume á ruta que fixéramos o ano pasado polo Xistral (e tamén outra polas fragas do Eume anos atrás) e, como dí Xerardo, a dorsal galega comeza no Suído e remata no Xistral, e teñen un comportamento parecido, pois sonche serras moi rabudas… pero a min encántanme!
Despois do esforzo realizado na subida agárdanos este conxunto etnográfico de foxo e chozo tan interesante que, polas inclemencias do tempo, non podemos gozar (os veciños de Campo chámanlle “forca do lobo”). O foxo é un antigo vestixio dunha trampa para cazar estes animais, e o de Campo, ten como particularidade dous funís de entrada ao foxo, correspondendo cada funil a unha parroquia distinta. Dentro do foxo atópase un chouso para a durmida dos pastores, un curral, e unha mámoa espoliada e moi modificada.
Sempre houbo abundancia de lobos en Galicia, pois a topografía, altitude, vexetación e abundancia de gando faina terra axeitada para o seu hábitat. Pero houbo épocas nas que chegaron a constituir auténticas pragas, a pesares da súa persecución e caza, empregando contra eles toda caste de armas e trampas. Antonio López Ferreiro, na transcrición dos Fueros municipales de Santiago, xa nos conta como a principios do século XII o arcebispo Xelmírez ditou decretos para atallar os danos que a abundancia de lobos ocasionaba, “Todos los sábados, a excepción de los de Pascua y Pentecostés, los presbíteros, caballeros y campesinos que no estén legítimamente ocupados, se reunirán para perseguir a los lobos, y prepararles las trampas que vulgarmente se llaman fogios (foxos o fossos). Cada iglesia (parroquia) presentará siete cañas o chuzos de hierro. El que se retrasare en acudir a la montería, si es sacerdote (a no ser que estuviere ocupado visitando enfermos) o caballero, pagará cinco sueldos, y si es campesino, una oveja o un sueldo”.
Dous séculos despois, o arzebispo Berenguel tivo que poñer en vigor estes antigos regulamentos, e ordenou que os fregueses de cada parroquia saíran co cura á fronte unha vez por semana a dar batidas, e a facerlles trampas chamadas foxos, impoñendo fortes multas aos remisos, “porque a morte dos dictos lobos he nossa gran prol et comunalmente de cada terra”. Estes foxos continuaron empregándose e, a mediados do século pasado aínda se cazaban así os lobos en Lubián (Zamora), onde había un foxo mantido polo concello, chamado “cortello dos lobos”.
En novembro de 2014 subín ata este foxo co MPG, por se queredes ver as fotos que tirei daquela, xa que desta vez foi imposible, pois o tempo non se apiadou de nós en ningún momento; apuramos o xantar e, logo, só nos quedou baixar da serra a escape ata a aldea de Campo, onde rematamos a ruta. O descenso fixémolo rápido, con vento e chuvia de fronte… non vos podedes imaxinar como chegamos abaixo. Pingando!
E pechamos xaneiro con este día tan malo que nos tocou para camiñar, pero xa temos ás portas febreiro, coa Candeloria que se celebra no día dous (pola candeloria, medio inverno vai fóra), un “momento importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar. Permítome extraer un parágrafo do blog O Portal das Palabras, cun conto sobre esta festividade. Agardo que vos guste:
A voda dos paxariños
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!”
Moito máis bonito o conto dos paxariños que o do rapaz gordecho ¡sí señor!!!, as fotos coma sempre preciosas pero dan unha idea moi clara do desapacible do día e do reto dos esforzados roteiros para rematar a ruta e non quedar ao abrigo da primeira taberna do camiño.