Ruta pola Serra do Candán. Grobas

23-01-2016
Ruta pola Serra do Candán. Grobas
Ruta pola Serra do Candán. Grobas

Comezamos as andainas deste ano voltando á Serra do Candán, que xa nos deixara un grato recordo aló no decembro de 2013 coa subida ao Monte Coco, polo que tiña moitas gañas de volver a esta zona; nesta ocasión, o obxectivo é ir visitar a aldea abandonada de Grobas, cun alto interese natural, que leva a gozar de paisaxes con torrentes de auga, bosques de carballos, acibros… nun bo estado de conservación e cunha paisaxe, como digo, moi fermosa. Recomendo vivamente esta ruta!

  • Lonxitude: 12 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta (polo estado do firme)

A Serra do Candán, unha das serras interiores da Galicia, está situada nos concellos pontevedreses de Foracarei, Lalín e Silleda. Nela nacen os ríos Lérez, Umia e Deza, entre outros regatos. Os cumios están dominados por vexetación de matogueiras, algunha que outra pequena carballeira e poucos pinos dispersos, moitos afloramentos rochosos e con escasos núcleos de poboación de baixa densidade. Neste extenso espazo natural dominan as suaves altitudes de case mil metros, os vales encaixados con vexetación autóctona e os rios de augas cristalinas.

O río Deza, presente ao longo do percorrido xunto co seu afluente o Grovas, é un dos principais afluentes do Ulla e discorre pola comarca que leva o seu nome, atravesando os concellos de Lalín, Silleda e Vila de Cruces. Nace nos cercanos montes do Testeiro (Serra do Candán), na parroquia lalinense de Zobra e desemboca no río Ulla, no lugar de Gres, en Vila de Cruces.

O percorrido comezámolo na Trigueira, en Zobra, no mesmo lugar onde xa iniciáramos a ruta polo monte Coco, descendendo en zigzag ata a zona de baño chamada Chapacuña de Ramiro, no río Deza. Esta zona tiña a función de acumular o cauce do río e desviar parte do mesmo por unha canle ata os muíños que hai río abaixo. É o que se coñece como Tostas dos muíños, pero en Zobra as tostas son denominadas Chapacuñas.

De ahí continuamos á aldea de Portomartín, por camiños e corredoiras pouco transitadas e dunha fermosura espectacular, pero nos que compre prestar atención xa que as pedras esvaradías, a lama a e auga complicaron un pouco o noso paso. Sen dúbida, un dos engados desta ruta é percorrer estes vellos camiños por onde se comunicaban as casas e as pequenas poboacións espalladas pola serra.

Dende Portomartín segue unha longa baixada atravesando zonas de preciosos bosques con abundantes acibros, carballos, castiñeiros… ata unha vella ponte de lousas que permite cruzar o pequeno rio Grovas. Logo de superar o regato e fotografar un vello muíño, comezamos unha subida longa e un pouco dura para chegar ao Taboadelo, unha pequena chaira no medio do monte, dende onde hai unas fermosas vistas da serra. Por certo, vou con cámara nova e moi contento de como está a responder; agardo que vos guste o resultado!

Logo de reagruparnos, hai que poñer a proba as pernas do mais avezado sendeirista e continuar camiño, pois no Taboadelo o vento incomoda e, anque imos con tempo, temos que xantar antes de chegar a Grobas, polo que comezamos a descender na procura dun lugar protexido no camiño. Imos todo o tempo entre matogueiras de carqueixa, uces e divisando no fondo do val o curso do rego das Grovas… Impresionante. Non se pode perder un estas paisaxes!

O percorrido ata Grobas facémolo por un sendeiro empedrado e pódenos levar ao redor dunha hora pois hai que ser prudentes, polo desnivel nalgún tramo e  polo esvaradío da pedra… e, de súpeto, aparécenos Grobas, cos restos das súas casas sen tellados, os seus hórreos caídos, a ponte sobre o regato…

Situada no medio da Serra do Candán, Grobas é unha aldea abandonada a mediados dos anos 60 do século pasado, e atópase rodeada de bosques no fondo dun val, agochada, o que fai pensar e reflexionar sobre como puido ser o modo de vida dos seus moradores. Pensar como cultivaban as leiras e mantiñan o gando co inconveniente de estar aillados entre montañas, onde a economía de autosuficiencia érao todo. As vodas, os enterros ou calquera outra actividade social requiría de tempo para desprazarse. É un lugar que paga a pena visitar a pesares de estar aillado da civilización.

A volta é costa arriba e por camiño desfeito polas escorrentías e cheo de pedras ata chegar aos eólicos. Dende aquí, só queda chegar ata Bustelos, xa na parroquia de Vilatuxe, un lugar no que só quedan sete veciños, e que vai camiño de converterse noutro Grobas en pouco tempo, segundo lle contou un paisano a Suso, que se interesou por unha alvariza que era del ao pé da estrada onde nos agardaba o bus, un pouco descoidada pois xa vai vello, anque ten nove colmeas e as abellas xa están a traballar neste tempo tan revolto pois, segundo el, noutros anos levarían sete ou dez días co gando na corte e sen poder sair da casa, polos duros invernos que soportan.

Antes de regresar a Santiago, tivemos tempo de parar no Mesón O Cruce, en Vilatuxe (creo que en febreiro hai unha oferta especial de cocido, anque se pode encargar en calquera momento do ano… ahí o deixo); tomamos a cervexa e botamos unhas risas co raio do Jaime e a multa que lle meteron por non levar o cinto no coche!

Xa me esquecía de felicitar aos agraciados! É costume que na primeira andaina do ano se sorteen uns agasallos, e este ano eu non fun un deles, pois houbo tres pequenos detalles e o cuarto, o gordo!, foi un bono do Servizo de Deportes de cinco rutas de balde! Parabéns pola iniciativa.

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Ruta pola Serra do Candán. Grobas”

  1. É un roteiro “melancólico” ¿non sí?, é coma si o planeta Melancolía baixase de golpe, será pola casas abandonadas…, non sei. Moi boas fotos coma sempre!!!

  2. O Candán sempre é agradecido, que paisaxes ¡ E iso que, tal e como vos comentei ao comezo da ruta, é unha serra bastante castigada polaacción do home: tendidos eléctricos, eólicos, cortalumes, pistas, incendios… Aínda así, da gusto camiñar por alí. Voltaremos ¡

    Fran, creo que podes estar contento co resultado das fotos e da cámara nova, non?

    Graciñas. Vémonos no Suído, si queredes este sábado

    1. Moitas grazas Víctor!, pois sí que estou contento coa nova cámara, anque aínda teño que pulir bastantes detalles, que agardo ir facéndoo nas rutas, momentos ideais para fotografar!
      Fortes apertas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio