Pena Rueda

Pena Rueda

Adicado a Javier. Que teñas unha pronta recuperación e non tardes en volver camiñar con nós!

 

O ascenso a Pena Rueda (2152 m) é con diferenza a etapa raíña desta fin de semana por Quirós, tanto pola súa beleza como pola súa dificultade. Para comezar a ruta temos que desprazarnos ata Lindes (L.lindes). Aquí botamos a camiñar, xa en forte ascenso cara a Foz Grande, atravesando fermosos bosques de faias principalmente. Ao chegar á Foz teremos que cruzar o río que, en caso de levar moito caudal, pode darnos problemas. O camiño pola Foz é moi fermoso, xa que vai por bosques e está rodeado de enormes paredes de rocha.

Máis adiante volvemos cruzar o río e saímos da Foz. Entramos nos Puertos de Agüería, considerados unha das zonas máis fermosas da cordilleira cantábrica, e pouco a pouco chegamos ao Collau Fontes. Aquí nos agardan 500 metros de desnivel de forte ascenso ata a cima. As vistas dende arriba son abraiantes, podendo observar multitude de cumios, vales e amplos sectores da cordilleira. O descenso farémolo pola cara oeste da montaña ata acadar a zona alta do monte de Carrizal por unha senda que nos permite ter unha visión da cara norte da montaña moi impresionante. A ruta remata en Cortes.

As dificultades da ruta veñen dadas polo forte desnivel e a lama que poidamos atopar nos camiños. Hai tramos de forte pendente.

  • Lonxitude: 15 km
  • Dificultade: media‐alta
  • Desnivel: moi forte

Comezamos a camiñar…

Segunda xornada de estancia en Quirós, e temos por diante unha das máis fermosas, e esixentes, rutas que podemos facer por este Parque natural de Las Ubiñas La Mesa. Ao ser unha andaina longa e os días curtos, tocou madrugar e compre poñerse a camiñar o antes posible. Dende o albergue de Arrojo, onde estamos aloxados, o bus desprazounos ata Lindes (900 m), un pequeno pobo ás portas dun dos mantos forestais máis fermosos de Asturias e punto de partida clásico (hai outros) para chegar ata Peña Rueda.

Pena Rueda

Preparámonos diante da súa igrexa de San Tomé e, unha vez listos, comezamos a camiñar entre as casas do pobo por un camiño ascendente cos primeiros pasos por tramo empedrado. O día que temos por diante semella que vai axudar e non se agarda a presenza da chuvia en todo o percorrido, algo que é de agradecer pois desde o pobo ata o cumio de Peña Rueda enfrontámonos a un durísimo desnivel de máis de 1200 m. Eu xa vou pensando no que van sufrir os meus xeonllos.

Pena Rueda

O camiño está ben sinalizado dende o principio, polo que imos seguindo os carteis que nos dirixen ao noso obxectivo. Pasamos xunto a unhas cortes e, á beira da fonte La Coaña, Víctor reúnenos para explicarnos o plan do día, remarcándonos unha vez maís o forte desnivel que teremos que salvar. Ao pouco de comezar a andar por estas duras costas, encontrámonos cunha bifurcación no camiño ben sinalizada, cara á dereita subiríase a Pena Rueda polo coñecido Cuchillar de Pena Rueda e, cara á esquerda, o camiño que tomamos, que nos leva aos Portos de Agüeria. Xa intuimos que imos gozar dunha paisaxe moi fermosa.

Pena Rueda

Continuamos nun duro ascenso introducíndonos en zona boscosa, nun faial impresionantemente bonito. Parece que entramos nun mundo máxico. Supoño que todas as épocas do ano son fermosas para facer este percorrido, pero en outono isto está espectacular! O Víctor xa nos comentara máis abaixo a dificultade da ruta polo costaneira que era e sobre todo pola cantidade de treitos con lama que nos íamos atopar, pero eu non imaxinaba tanta! Metín as botas nela ata a altura dos nocellos! Estamos atravesando o faial polo paraxe das Escolmenas. Sen dúbida, a entrada e paso polo faial nun día como o que estamos a ter e en pleno outono é un regalo nestes primeiros treitos da travesía, a pesar de que nalgúns momentos a lama é profunda, facendo difícil a camiñada, o que provocou a ralentización do noso paso.

Pena Rueda

En constante subida chegamos ao Collau, onde nos reagrupamos. Son dos últimos en chegar pois non paro de facer fotos no faial, xa que semellaba que estaba agardando polo noso paso. Espectacular! Levamos uns dous quilómetros e xa estamos a 1266 m. Desde aquí temos unha fermosa vista cara á Foiz Grande e gozamos, na lonxanía do Fontán (2414 m).

Pena Rueda

A partir do Collau imos ter un pequeno respiro, pois hai que descender ata o mesmo río que percorre a Foiz Grande. A pesar de que camiñamos a bo ritmo para recuperar parte do tempo perdido na subida, o lugar é un regalo e hai que disfrutalo. Un tramo sinxelo e fermoso, e en descenso! Logo de cruzar facilmente o río, comezamos de novo a gañar cota a través dun desfiladeiro calizo, a Foiz Grande, un estreito canón fluvial entre dúas montañas, as estribacións de Pena Rueda (2152 m) e Pena Arpín (1682 m). Cruzamos o río un par de veces que, afortunadamente, baixa con pouca auga e é doado de facer. O lugar é moi fermoso. O río corre entre faias, anque tamén hai outras árbores como capudres, aveleiras, acivros e algún teixo.

Pena Rueda

Tras esta fermosura de lugar, chegamos a unha sucesión de pradeiras e toca atravesar unha fermosa acivreira que nos abre á Braña de Los Cuadros; este treito serve de transición entre os teixos e acivros co faial que acabamos de deixar, sempre rodeados de grandes montañas. Estamos nos Puertos de Agüería, considerados unha das zonas máis fermosas da Cordilleira Cantábrica.

Pena Rueda

Cara ao sur gozamos da liña de cumios máis importante do macizo das Ubiñas, todos por riba dos dous mil metros: o Fontán Norte (2408 m), Prau Fontán (2357 m), Colines (2205 m), Cigacha (2053 m) e Pachón (2097 m).Pouco a pouco chegamos ao Collau Fontes. Baixo todos estes picos, a beleza das pradeiras tampouco desmerece e danos unhas paisaxes dun verde intenso salpicado por ocres e amarelos das caducifolias. Para gardar na retina.

Pena Rueda

Seguimos gañando cota e mirando cara atrás aínda temos oportunidade de admirar o Fariñentu (2168 m). Supoño que o seu nome gañouno por mor da cantidade de depósitos pedra que hai na base das suas abas, semellando fariña (anque case todos teñen estes depósitos), ou tamén pode ser debido á cor branca da caliza… isto de buscarlle a orixe ás palabras dá para quentar a cabeza! En nada, o Fontán comeza a cubrirse e temo que nos vai estragar a xornada, pero afortunadamente fai de parapeto das nubes que quedan alí estancadas.

Pena Rueda

Xa estamos acometendo o ascenso ao Pena Rueda e as vistas son espectaculares. Non o comentei porque vou concentrado no esforzo que me está supoñendo o ascenso. Hoxe xuntouse o infortunio fotográfico. Nunha das cámaras que levo esgotouse a batería na base do Pena Rueda e, cando lla fun cambiar, comprobei que a de reserva estaba descargada! Nunca tal me pasara e en que momento! Botei man da outra cámara e co frío empañouse e bloqueouse tendo apenas fotos, e malas, deste momento do ascenso, polo que tiven que valerme das de Jaime. Aínda así puden fotografar algún dos restos que hai da Guerra Civil, postos de ametralladora e trincheiras.

Pena Rueda

Dende o cumio de Pena Rueda, temos sorte e podemos admirar os vales e montañas máis próximas. As vistas seguen a ser inmellorables. Afortunadamente non nos choveu, pero o frío, e sobre todo o vento xélido que sopla fai que non nos deteñamos moito. Unhas poucas fotos da xente antes de descender e liscando, que non hai quen pare!

Pena Rueda

A pesar de seguir axudado por Víctor, pois as miñas pernas non aguantan, a baixada pareceume fácil. Iso sí, hai que tomala con calma. Regresamos ata o Vaso de Pena Rueda, onde están as trincheiras, e descendemos polo camiño con fitos que imos deixando a medida que nos diriximos cara ao Prau Quiñones. Pouco a pouco a rocha vai sendo substituida pola herba, por un terreo limpo pero moi pendente. O espectáculo contemplado pon difícil concentrarse no descenso, e eu sen cámara! Na súa base, e ao abrigo do vento, decidimos descansar e tomar algo de alimento. Unha mágoa non poder facelo arriba, no cumio. Aproveito o descanso para retirar a batería e tarxeta da cámara e volvo colocalas… e parece que xa volve estar operativa. De todos xeitos, non vou facer moitas fotos de agora en adiante pois teño que ir moi atento ao camiño.

Pena Rueda

A baixada semella que vai ser moi doada, pois os primeiros pasos pola Siete (1600 m) así o parecen. O sendeiro descende pola ladeira do Monte de Carrizal, un sendeiro estreito que na súa maior parte discorre moi aberto con vistas a Pena Rueda e imos notando como nos alonxamos dela. Ir descendendo admirando o Cuchillar de Pena Rueda cuns canchais que caen dende o cumio semellando veas e cuberta na súa base por un inmenso faial é un auténtico regalo. Mágoa que a luz xa se vai atenuando e non nos permite gozar da cor intensa que ten o bosque.

Pena Rueda

Pero non, aínda nos queda máis tramo duro e un descenso criminal a partir do Collau Cimeiru (Cul.lá Cimeiru, 1296 m), unha cabana presidida por unha faia centenaria. Tras un breve momento de descanso e de reagrupamento no Collau, o camiño depáranos unha sorpresa. Atopámonos de novo coa lama! Unha ardua tarefa para min superar esta zona, e supoño que para o resto tamén, agarrándonos ás arbores para non perder o equilibrio ou buscando puntos nos que te afundas menos na lama.

Pena Rueda

Baixamos por un sendeiro que serpentea entre árbores e os muros de pedra das fincas, que se vai transformando no que parece que foi un camiño de pedra, pero do que só quedan os restos porque agora está moi deteriorado, con grandes socavóns provocados pola auga, co que aumenta a dificultade. Chegamos a Cortes (800 m), xa con pouca luz de día, por non dicir de noite, axudado por Víctor e Ignacio, onde nos agarda o groso do grupo. Moitas grazas!

Con todo, que gañas tiña de andar por esta zona tan mítica e fermosa para os montañeiros e sendeiristas! Unha ruta moi esixente, pero cun alto interese natural e paisaxístico. Hai rutas das que un se lembra toda a vida, e coido que esta vai ser unha delas, pola dureza, pola paisaxe, pola compañía… espectacular!

PS. Como noutras saídas que facemos por León e Asturias fundamentalmente, baséome nas entradas da bitácora Rutinas Varias, que ten moi pateada toda esta zona e sempre sigo con auténtico placer e admiración.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio