Ruta de Coañana e Brañas de Canchongo
A última ruta desta pequena estadía por Asturias vaise desenvolver pola serra de Sobia. Comezamos atravesando a localidade de Coañana ata entrar no val do mesmo nome. Ao pouco comeza unha forte subida que en apenas 4 quilómetros nos fará superar 800 metros de desnivel. Aínda así o camiño paga a pena xa que é moi bonito, ascendemos por unha pista que vai a media ladeira da montaña de monte baixo, atravesando pequenos bosques e antigas zonas de pastos.
Chegamos ao alto, a paisaxe cambia de xeito drástico: alternan zonas rochosas con pasteiros. Neste punto podemos ver o lago de Canchongo e as brañas que o rodean. Seguimos o camiño e achegámonos á Vega la Cueva. Dende aquí hai unha fermosa panorámica do Peña Rueda e Agüeria. Comeza o descenso por unha pista moi cómoda que en case 6 quilómetros nos deixa en Villamarcel. Desde este punto, seguindo marcas dun sendeiro sinalizado, regresaremos a Coañana.
O percorrido non é regalado. O desnivel acumulado, e a pendente nalgúns tramos fan que a ruta non sexa sinxela.
- Lonxitude: 14 km
- Dificultade: media
- Desnivel: forte
Comezamos a camiñar…
Último día de estancia por Quirós, no Parque Natural de Las Ubiñas – La Mesa, un territorio de montaña con relevo de pronunciados contrastes, do que se alza, cerca do límite con terras leonesas, o macizo de Pena Ubiña. Como nos dous días anteriores, tocou madrugar e compre poñerse a camiñar o antes posible. Dende o albergue de Arrojo, xa con toda a equipaxe recollida no bus, que nos levou de novo a Bárzana, a capital municipal, e a uns 2 km, deixounos en Coañana (Cuañana, 600 m), no aparcadoiro que hai ao pé do pequeno cemiterio do pobo, moi florido e arreglado por estar aínda cerca o día de todos os santos.
Logo de tomar a pista que, pola nosa dereita, ascende á beira das ruinas do que queda dunha antiga casona con grandes dovelas e vans adintelados, os primeiros pasos, entre prados e soutos con castiñeiros centenarios, facémolos por pista hormigonada moi doada de subir, a pesar de que a pendente é considerable. A medida que ascendemos sobre os prados de La Reguera e a aldea de Coañana, as árbores permítenos ir vendo a marxe dereita do val de Quirós val pola zona de Arrojo (Arroxo), pechado pola omnipresente serra do Aramo. Distinguimos perfectamente o Albergue e a igrexa románica de San Pedro de Arrojo. Na subida adiántannos un par de todoterreos que van ver o estado do seu gando nos pastos da montaña.
O camiño, sempre en ascenso, é despexado en todo momento, permitíndonos admirar dende o alto o bosque de Coañana, polo que tiñamos que ir mergullados, pero esta opción é moi fermosa. A vista cara atrás co val que vimos remontando e a Serra do Aramo ao fondo é soberbia.
Aos poucos imos chegando a Pando (1187 m), onde morre a pista que, salvo o ascenso inicial polas abas do Pico La Cerra, non nos resultou para nada pesada. Ao chegar ao collado, reagrupámonos e detémonos a falar cun gandeiro que previamente nos adiantara no seu todoterreo, e que nos confirma o camiño a seguir. Coméntanos que coas primeiras neves, baixarán o seu gando e ata a primavera seguinte non o volverán subir. Tamén nos indica o camiño a seguir e fálanos de que imos pasar por unha mámoa, sinalándome onde está, pois lle dixeron uns enxeñeiros que era un enterramento moi antigo, pero que está moi deteriorada e eles non saben valorar a esas cousas. A verdade é que unha vez reanudada a marcha non identifiquei para nada o enterramento.
Con pequenos restos de empedrado e algún pequeno tramo un pouco embarrado, chegamos a unha primeira cabana de boa construcción e en uso. Enseguida pasamos á beira dunha segunda cabana que tamén se ve en uso. É a partir desta segunda cabana onde o camiño perde entidade, cando se adentra na espesura de castiñeiros e carballos nun entorno ben fermoso. Damos de novo coa lama. Eu xa cría que non íamos ter máis por un tempo, pero o tramo é curto e houbo que buscar alternativa para evitala o máis posible, o que fai que aminoremos o paso, que ata o de agora era bastante áxil.
Pasado este tramo boscoso continuamos por un terreo máis abrupto, un sendeiro por unha aba rochosa da Serra Balbona que ten o seu aquel, que nos leva ata a parte baixa da Braña de Dueñas. Aínda temos que gañar altitude e facémolo prado arriba para acceder ás cabanas da Braña de Duernas (1213 m). Ao ter cambiado de itinerario, teño as miñas dúbidas co topónimo, pois o enclave é coñecido polos lugareños como Veiga Duernas ou, simplemente Duernas.
O único que teño claro é que este lugar é unha marabilla! Trátase dunha braña alta que se asenta en pronunciada pendente e onde a maioría das cabanas están en estado ruinoso (supoño que polo mal acceso que teñen o que fai difícil o seu mantemento), e aproveitamos unha delas que semella estar en uso, polo estado aceptable no que se atopa, para facernos unhas cantas fotos diante dela e, como non, cara ao fondo do val, que sigue estando impoñente.
Abandonamos as cabanas prado arriba ata un gran abrevadeiro, do que parte unha pista que semella estar aberta non hai moito, e entramos, para min, nun dos tramos máis fermosos desta ruta, e todo adornado por masas de faias que se descolgan polas abas do Pico Montarto, amosando o seu vivo colorido. O camiño a partir de agora xa non ten dificultade.
Desembocamos nas Lagoas de Canchongo (1420 m). Toda unha fermosura. A máis grande, chea de xuncos, está rodeada por un cercado para que o gando non caia nela, polo que pode pasar inadvertida se non te achegas a ela. Está flanqueada de sendas charcas infinitamente máis pequenas e de carácter estacional.
Atrás deixamos unhas excelentes vistas da Serra do Aramo e a mole de Pena Rueda comeza a amosarse en toda a súa magnitude. En nada, saimos a unha veiga onde encontramos as primeiras cabanas e rediles, todas moi ben conservadas. Saimos aos pastos das Brañas de Canchongo, Canl.longo (1445 m), onde soe pastar, “moscar“, o gando placidamente. Menudo mundo cárstico que nos rodea, que lembra, segundo me comenta Alfonso, a outras serras como pode ser a de Gredos.
Estamos ante un conxunto etnográfico de primeira orde. A braña reúne un total de 33 construcións, que poden agruparse tipoloxicamente en: vel.lares, de planta circular e cuberta en falsa bóveda, que se dedicaban á estabulación dos tenreiros; as cabanas, pequenas construcións de planta rectangular que servían de habitáculo para o vaqueiro; e os cabanones, de planta subrectangular e asentadas en noiro que albergaban ambas as funcións: corte para o gando e cabana para o vaqueiro, segregadas en altura. Na actualidade, vacas e cabalos seguen poboando a braña nos meses estivais, pero o cambio de orientación nas prácticas gandeiras cara á produción cárnica fixo desaparecer gran parte dos usos do pastoreo tradicional. A pesar diso, preto da metade das construcións da braña aínda presentan bo estado de conservación.
E chegamos ao porto Vega La Cueva. Menudo balcón no que nos atopamos, con espectaculares vistas sobre o Val de Ricabo e cara a impresionante zona das Ubiñas coa omnipresente Pena Rueda e, á súa dereita, o acceso aos Portos da Agüeria a través das Infiestas e a Llama Salga. A vista non pode ser máis fermosa, sobre todo sabendo que onte estivemos por alí e que hoxe se nos mostra cun manto de neve que se a chegamos a pillar hai 24 horas seguro que non nos permite acceder ao cumio do Pena Rueda, tal como fixemos. Menuda sorte tivemos!
Non podemos deternos moito contemplando esta fabulosa paisaxe e, tras salvar una zona de curvas pronunciadas, as Bobias, continuamos por cómodos, tendidos e vistosos tramos. Á nosa dereita asoma a localidade de Ricabo, e volvemos ter á fronte unha vista soberbia coa Serra do Aramo ao fondo, destacando a súa máxima altitude, o Gamoniteiru coroado por grandes antenas de comunicación. En pouco máis de 5 km de andadura sobre pista de cemento chegamos á parte alta de Villamarcel (780 m).
Aproveitamos este lugar para xantar e descansar, para logo continuar polo Camín Real del Puerto Ventana ou Ruta de las Reliquias, cara a Coañana, sen pérdida e en descenso; camiñamos entre as fincas de Llamas e Marionda, por onde vemos esbeltísimas faias. Tramo este que, para variar, atopamos con lama. Xa vemos ben próxima a localidade de Coañana, e acadamos o cruce de Tejera, por onde deberiamos subir á mañá cara ás Morteras. Perto da aldea, volvemos encontrar uns soutos inmensos cuns castiñeiros impresionantes.
Cruzamos o regueiro de Coañana e entramos así de volta en Coañana, fixándonos en detalles de gran interés etnográfico e percorrendo o pobo ata a Ermida de Santiago, coido que fundada no s. IX, e de aí ata o bus.
Cambio de roupa, estiramentos e a viaxar cara a casa. Houbo que demorar a cervexa de rigor ata El Aparcamiento, a altura de Luarca (o chófer manda), onde lle demos o colofón a unha fermosa ruta e estadía da ponte de Santos.
Qué fermosura!!!. Uns días antes estivemos nos na parte de Bulnes, choveu o que non está escrito pero todo fermoso e coidado ao máximo. Teriamos que coller exemplo ¿non sí?.
Pois si. E non só no coidado da paisaxe, que a teñen protexida coa figura dos distintos parques naturais ao longo do Principado, permitindo manter a forma de vida e aproveitando os recursos naturais sen ser incompatibles. Un exemplo.
Grazas polo comentario!
Bicos