Baños de Molgas. Santa Eufemia

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Situado no interior da provincia de Ourense, Baños de Molgas é un concello pequeno con pouco máis de 1600 habitantes. Aínda así, ten moitos elementos de interese relacionados co termalismo, a etnografía, a arquitectura, a natureza… e algúns deles ímolos coñecer durante este percorrido.

A ruta comeza na mesma vila, á beira do río Arnoia, en dirección á estación do tren. Nos seguintes quilómetros pasaremos por diferentes aldeas como Bouzas, Nocelo e Santa Eufemia, onde lle adicaremos un tempo a ver a súa igrexa, de estilo prerrománico do século IX e con influencia mozárabe. Foi declarada Ben de Interese Cultural e Monumento Histórico Artístico. Un pouco máis adiante poderemos ver os petróglifos do monte Lampaza e ao pouco chegamos a Acea, por onde xa pasamos nunha ruta que fixéramos por Xunqueira de Ambía. Logo temos que cruzar o Arnoia para chegar a Ponte Ambía onde tomaremos xa o camiño de regreso a Baños de Molgas pasando antes por San Pedro.

A meirande parte da ruta vai por fermosas corredoiras entre zonas de bosques moi ben conservados. Tamén hai algún tramo á beira do Arnoia. A ruta ten un alto interese cultural, natural e paisaxístico. Pode haber lama nos camiños.

  • Lonxitude: 16 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Logo de chegar á vila e de tomar o pertinente café, desprazámonos ata o parque que hai camiño da estación do ferrocarril, cheo de figuras talladas en madeiras, bastante toscas, pero que teñen a súa gracia, pois hai dende utensilios de carpinteiros como a serra ou o cepillo ata elementos de costura como a agulla ou o dedal. Enfundados entre polainas, pantalóns de auga, paraugas e mochilas forradas preparadas para a chuvia, o Víctor explicounos o percorrido da ruta e os elementos cos que nos imos atopar e, sen máis comezamos a camiñar.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

As propiedades das augas de Molgas son coñecidas dende a época da romanización. En todos os tratados das augas minerais da idade moderna figura esta vila como un dos balnearios termais máis coñecidos de toda España polo que, dada a importancia turística das augas da localidade, esta dispuña de estación de viaxeiros nun amplo edificio de dous andares. Dende o peche da liña Ourense-Puebla de Sanabria nos recortes do goberno no sector ferroviario que practicamente nos deixou sen trens rexionais, esta estación quedou fóra de servizo en 2013. É unha das estacións rehabilitadas en 2010, acollendo desde 2011 o Museo Moncho Borrajo, humorista natural de Baños de Molgas.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Pasada a estación, imos por un camiño alfombrado e paralelo á vía do tren, que temos que cruzar por unha ponte para chegar ao pequeno núcleo de Bouzas, un lugar onde está ubicado un curioso cruceiro, que se caracteriza por non ter varal, estando a cruz directamente posta sobre o pedestal, de gran tamaño, e coa imaxe de Cristo crucificado en altorrelevo. Como di o Suso, unha guapura.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Logo  de deixar a aldea por unha fermosa carballeira, percorremos un tramo por estrada e cruzamos o núcleo de Nocelo, sen moito tráfico, pero no que compre ir abeirados ata que damos co desvío que nos vai levar ao primeiro encontro co río Arnoia. Entramos así nun tramo de máis pendente, pois temos que chegar ata a beira do río, pasar por un muíño en ruinas, que pola súa factura debeu ter a súa importancia, e andamos un treito por un camiño que debía ser o de acceso ao muíño e no que se aprecia que as augas debérono asolagar días atrás, pois o seu cauce está a piques de desbordar.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

En todos os treitos que facemos fóra da estrada, os camiños non poden ser máis fermosos, realzados polo outono, tanto polas cores das follas de carballos e castiñeiros, como polas súas sombras alongadas nestas primeiras horas do día, ou como pola cantidade de cogumelos que imos atopando a medida que avanzamos. A maioría deles non son comestibles, pero Carmen e Placer levan unha manchea deles dos que van dar boa conta; especialmente fachendosa amósase Carmen pola peza de boletus edulis que apañou. Unha fermosura!

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Seguimos andando por olvidados camiños, camiños veciñais, carreiros do gando, ou antigos camiños romanos… que nos deixan no contorno de Santa Eufemia de Ambía. Antes de entrar na aldea pasamos por diante da chamada “Fonte das Ninfas”, da época da romanización, lugar de onde procedería a ara que hoxe está no interior da capela prerrománica.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

E chegamos a Santa Eufemia. Na súa arquitectura granítica destacan algunhas casas restauradas, a feitura das construcións adxectivas e, sobre todo, a capela de Santa Eufemia, unha capela cristiá altomedieval, do século IX e con influencia mozárabe, que mellor deberíamos dicir “de repoboación”, porque nela é moito máis importante a influenza asturiana e visigoda que a andalusí. Construida en sillería irregular, o que lle dá moito encanto, e con grandes sillares nas esquinas. Ten unha ventá en cada ábsida, as tres do mesmo tipo que lembra ás dalgunhas igrexas visigodas.

Cronoloxicamente, está relacionada con outras dúas capelas do mesmo estilo nas terras de Ourense, Santa Comba de Bande e San Miguel de Celanova, polo que en poucos lugares podemos atopar semellante concentración de patrimonio arquitectónico-relixioso dos inicios da idade media europea; coas peculiaridades do estilo propio peninsular, marcado pola influencia da cultura mozárabe.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

A intención é visitar o interior do templo. Agardamos un bo anaco para ver se conseguimos a chave e podemos admiralo, pero non temos sorte, pois non damos atopado á persoa que a custodia ao non haber ninguén na casa onde nos dixeron que vivía. Unha auténtica mágoa. Tamén nos pareceu unha mágoa o estado exterior do templo, escondido entre as casas e nada acorde co coidado que debe ter un edificio declarado Monumento histórico artístico: cableado excesivo, maquinaria de obra bloqueando o acceso ás ábsidas rectangulares… agardemos que sexa temporal.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Leo no cartel que hai chantado á beira da porta que a planta componse dunha soa nave con ábsida rectangular e dividíase en tres capelas interiores. Vense os arranques de dous arcos dobres de ferradura que formaban parte das tres naves primitivas. No seu interior atopamos unha ara de orixe romana (a que apareceu na Fonte das Ninfas) e un cristo crucificado en talla de madeira de orixe medieval-románico. Unha mágoa non poder velo todo; haberá que vir outro día e a ver se temos mellor sorte.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Sen máis demora continuamos ata o monte Lampaza para ver os seus petróglifos. Non quedan moi lonxe. Atopamos unha gran laxe na que predominan as coviñas, ou cazoletas, un dos motivos rupestres máis recorrentes e comúns nos petróglifos galegos, que son pequenos ocos artificiais escavados na superficie da rocha.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Dende esta atalaia do Lampaza podemos ir admirando en calquera dirección a enorme masa arbórea de bosque autóctono que nos rodea, grazas ao amplo camiño polo que andamos, que nos irá adentrando no val polo que flúe o Arnoia.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

O camiño de carro, como todos polos que andivemos, é ben fermoso. Estanos sorprendendo moi gratamente, como nos sorprenderan cando fixeramos a ruta do Alto da Farria, saíndo dende Xunqueira de Ambía. De feito imos pasar e parar no lugar da Acea, que tamén visitamos daquela, onde nos reagrupamos e facemos un  pequeno descanso xantando, valéndonos dos baixos valados de pedra como asentos.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Reiniciamos a marcha e pasamos pola área recreativa de Acea, á beira do río Arnoia, onde volvemos comprobar que non hai moito sufriu a crecida das súas augas. A pesar disto, o lugar é moi fermoso e cruzámolo sen dificultade.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Logo de cruzar o río e un pequeno treito por estrada, comezamos o camiño de retorno a Baños, xa en sentido contrario ás augas do Arnoia. Unha pequena subida por estrada secundaria, lévanos a Ponte Ambía de Abaixo, que nos recibe cun enorme e fermoso campo de nabizas antes de chegar ás primeiras casas. Pasamos baixo a vía do tren e, como non, entramos en Ponte Ambía de Arriba, nunha sucesión de casas e hórreos moi coidados, a gran maioría.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Despois de pasar por impresionantes castiñeiros e carballos, tamén hai que prestarlle atención ás interesantes mostras de arquitectura tradicional, como os hórreos, case todos de estrutura de madeira sobre cepas, algún deles elevados como pórtico de entrada á eira.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Volvemos camiñar baixo soutos e carballos tendo a visión panorámica dende algún punto da serra de San Mamede cuberta por unha incipiente nevarada. Pero o camiño polo que andamos, non deixa de sorprendernos e non nos cansamos de admiralo. Logo de pasar polas estribacións de San Pedro da Ribeira, continuamos por un camiño que nos irá adentrando no val polo que flúe o Arnoia, ata onde descenderemos e veremos por última vez antes de chegar a Baños de Molgas.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Quedando pouco para rematar a ruta, Rocío adiántase a toda presa, pois seica unha compañeira caeu e está ferida. Cando chegamos onde ela, vemos que o Víctor xa lle está prestando os primeiros auxilios.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Guiados por Rocío, deixámolos e continuamos camiño para non agobiar á ferida todos ao seu redor, pero antes de chegar a Baños xa nos alcanzan e comentan que vai precisar de atención médica polo que nos achegaremos ata o PAC de Maceda, unha vez rematada a ruta. En circunstancias como esta é cando te decatas do importante que é ir cuns guías ben preparados, que boto en falta noutros grupos de sendeirismo, e nós imos moi seguros e tranquilos con eles. Parabéns por esta profesionalidade e bo facer, Rocío e Víctor!

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Toca vadear o regueiro que corta o camiño. Con este caudal, superámolo sen dificultade valéndonos da axuda de Rocío e Víctor, sempre atentos a calquera circunstancia. Supoño que cun pouco máis de auga, non digo eu que non teriamos algún problemiña. A ter en conta.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Os últimos km facémolos por fermosas congostras alfombradas de folla e entramos na vila por un paseo á beira do río ata que chegamos á Ponte Vella de Molgas. Construida probablemente no século II, formaba parte das vías secundarias da Vía Nova ou XVIII, que atravesaba as terras de Baños de Molgas. Dun único arco, da época romana pódese apreciar, nas bases deste, o almofadado. Foi reformada no século XIV e no XX.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Mentres cruzamos a ponte, vemos como un empregado do balneario está a limpar de maleza a Burga pola crecida do río Arnoia. A Burga é unha fonte termal, e foron os romanos os primeiros en construir baños para gozar destas augas, que brotan a unha temperatura de entre 28º e 49º. O seu uso está especialmente indicado para tratamentos da reuma, artrite e gota. A actual fonte foi construída en cantaría de granito en 1896. Presenta un muro triangular a modo de frontón no que se sitúa a baixa altura o cano, polo que transcorre a auga antes de caer nunha pía cuadrangular. Despois da fonte, hai dous píos de pedra, protexidos cunha cuberta con estrutura metálica e tellado de vidro, probablemente, para poder tomar as augas con calquera condición climatolóxica, e tamén, no primeiro dos píos, para poder lavar.

Baños de Molgas. Santa Eufemia

Non nos demoramos moito en Baños e desprazámonos de contado ata Maceda para que atendan canto antes á nosa compañeira, e lle dean uns puntos de sutura na ferida. Afortunadamente non pasou de aí a cousa. Mentres, nós adicámonos a comentar a ruta cun café quentiño e a admirar o fermoso boletus recollido por Carmen.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio