Desfiladero de las Xanas
Este primeiro día fixemos a actividade máis sinxela das tres. Antes de chegar a Quirós paramos para fpercorrer a ruta do Desfiladero de las Xanas, unha ruta circular que nos vai servir como toma de contacto con esta parte da montaña asturiana. É unha ruta relativamente curta, cun desnivel medio e sen grandes dificultades, aínda que ao comezo da mesma o tramo que vai polo desfiladeiro pode ser vertixinoso.
A ruta comeza moi preto do lugar de Villanueva xa en ascenso e entrando no desfiladeiro. Nesta parte o camiño, aínda que está tallado na rocha, é suficientemente ancho, pero ten tramos onde hai que ir moi atentos de non esvarar xa que unha caída pode ser moi perigosa. A paisaxe impresiona. Pasado pouco máis dun quilómetro a senda sae do desfiladeiro e vai ata a igrexa de Santo Antonio, preto do lugariño de Pedroveya. Dende aquí continuamos ata Dosango, onde comeza o descenso ata o punto de chegada. O firme da senda alterna tramos de camiño con algún outro de asfalto.
O desfiladeiro de Las Xanas é unha formación xeolóxica singular e foi declarado Monumento Natural en 2002. Un dos seus atractivos é o bosque mixto que hai no seu interior. A ruta é unha das máis coñecidas e transitadas de Asturias. Ao rematar a actividade iremos no autobús ata o Albergue Municipal de Arrojo, onde nos instalamos.
- Lonxitude: 9 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Despois da viaxe de máis de cinco horas, o bus deixounos xusto no aparcadeiro que hai habilitado cerca do comezo da ruta, moi preto do lugar de Villanueva, no concello de Santo Adriano. Recíbenos unha chuvia fina, que vai estar presente durante a primeira parte do percorrido, a que se desenvolve polo desfiladeiro.Segundo leo nun dos paneis informativos, as Xanas son ninfas de auga doce de pequena estatura cunha extraordinaria beleza e longos cabelos loiros. Habitan en covas, fontes e nas ribeiras dos ríos. Lémbrame moito á lenda da “xacia” de Augacaída en Pantón, ser mitolóxico acuático de forma humana, moi fermosa tamén, que habitaba en pozos e ríos. Este personaxe da mitoloxía asturiana, sae na noite de San Xoán a romper o seu encantamento: bailando, lavando e tendendo as súas roupas. Tamén fan nobelos con fíos de ouro e prata que regala aos pastores. Posee grandes tesouros e paga con eles a quen lle preste algún servizo facendo ricas ás persoas que a liberen do seu encantamento.
Deste xeito, a tradición popular une este personaxe mitolóxico cunha paraxe a través do que discurre o arroio Las Xanas ou Viescas, excavando grandes moles calcáreas e formando un conxunto natural impresionante: o desfiladeiro das Xanas.
Unha vez que nos explicou o Víctor as características da ruta e o plan para o que queda de día, comezamos a nosa andaina. Logo dun pequeno treito pola estrada, uns 300 m, comenzamos a ascender suavemente por un sendeiro de pedras, gañando altura sen gran dificultade. Uns cantos metros máis arriba adentrámonos no impresionante desfiladeiro por unha senda tallada na rocha. A comezos dos anos trinta do século pasado, comeza a construción dunha estrada co fin de comunicar núcleos relativamente illados no alto, Pedroveya, Dosango e La Rebollada con Villanueva, no val principal e capital do concello de Santo Adriano. É admirable e impresionante o traballo que tivo que levar adiante esta xente á hora de salvar os accidentes xeográficos para comunicar poblacións cos medios de que dispuñan naqueles tempos. Sen embargo, este proxecto non chegou culminar, quedando reducido a unha estreita senda, que discorre a media ladeira do desfiladeiro, permitindo contemplar o intenso labor da auga sobre o sustrato rochoso, e un relevo tremendamente abrupto, con altas paredes verticais e ladeiras de fortes pendentes.
Antes de chegar ao primeiro dos túneles, podemos ir vendo no val Villanueva, polo que atravesa a coñecida Senda del Oso, que percorre todo o val do río Trubia. Pasado o túnel, seguimos camiñando pola senda na que se aprecia perfectamente como foi excavada. Imos por un fermoso desfiladeiro, que moitos deron en chamar “pequeno Cares”. Nunca percorrín este desfiladeiro, pero compañeiros de andaina coméntanme que, en moitos aspectos, este das Xanas non lle ten nada que envexar.
Pouco a pouco o camiño polo desfiladeiro vai gañando altura ata chegar a unha profundidade considerable, duns 90 m. Nesta zona, os crestóns calcáreos vémolos colonizados de aciñeiras e alaternos de pequeno porte. Nas vaguadas e no tramo máis estreito desenvólvese un bosque mixto de aveleiras, freixoas, tilos, arces… cun sotobosque rico en fieitos.
En moitos tramos do sendeiro hai instaladas unhas cordas de protección como medida de seguridade. Eu, que padezo vertixe, practicamente non botei man delas, pois o camiño é suficientemente ancho, e non notei perigo en ningún momento. Iso si, hai que ir moi atento.
Rematado o desfiladeiro, a uns 2 km aproximadamente, entramos nun bosque mixto con gran variedade de vexetación. O camiño, enlamado, fai que haxa que tomalo con precaución por mor de non esvarar. Aínda así cruzámonos con xente que calza botas campeiras ou tenis que non sei como lles irá por aí abaixo, pero que chegarán cheos de lama, seguro! Na parte máis aberta do val, pequenos castiñeiros e retazos de bosques de ribeira completan o panorama forestal, con varias especies de fentos.
Unha vez cruzamos unha ponte de madeira para salvar o Viescas, pasamos á beira dun muíño en ruinas e, un poco máis adiante, salvado o desnivel do terreo grazas a uns chanzos feitos con travesas de madeira, seguimos a pista que nos leva ata a Ermida de Santo Antonio. Levamos un anaco no que deixou de chover e, neste lugar decidimos facer a parada para xantar. Moitos fano á sombra do seu teixo centenario. A tranquilidade non vai durar moito, pois as bestas que andan pastando nas proximidades non dubidan en achegarse paseniñamente, a probar se van recibir algunha lambonada pola nosa banda. Insistentes foron, e máis dun de nós non se resistiu e acabou dándolles algo… ou case quitándollo das mans, como lle pasou a Alfonso coa sua mazá.
Despois de facer o descanso e disfrutar cos animais, reanudamos a marcha. Deixámolles o adro a un grupo familiar numeroso no que abunda a rapazada, e que ao vernos cos animais tamén queren participar no encontro. Desde aquí só tenemos que baixar pola estrada para chegar a Pedroveya, pobo típico asturiano moi coidado, con multitude de hórreos e casas tradicionais, na que hai un balbordo impresionante pois é hora de xantar e Casa Generosa debe estar chea!
Nós non nos entretemos moito, admiramos o pobo e continuamos. Temos que subir por un camiño ata o pobo de Dosango. Podemos dicir que estamos no tramo máis duro do percorrido, xa que supón unha ascensión constante por unha pequena pista de cemento. Neste traxecto contemplamos algunhas das mellores vistas de toda a ruta: a parroquia de Pedroveya rodeada de prados. Un auténtico gozar para os sentidos.
Cruzamos Dosango e, pasada a antiga escola, continuamos un pouco máis pola estrada ata que tomamos unha pista á esquerda. Neste tramo facemos un descenso pronunciado, cruzamos unha porteira e ímonos aos poucos achegando practicamente ao fondo do val, onde a vexetación volve tupir o percorrido, que nos deixa na á estrada pola que subimos ao iniciar a andaina. Só queda chegar de novo ao aparcadeiro para dar por rematada a ruta.
Museo Etnográfico de Quirós
Como ainda tiñamos tempo antes de instalarnos no Albergue de Arrojo, fomos visitar o Museo Etnográfico de Quirós, ubicado sobre uns antigos altos fornos de fundición, símbolo da industrialización do concello no s. XIX. O Museo mostra a forma de vida campesiña e como esta se foi transformando coa minería. Fomos guiados pola súa directora Alva Rodríguez, que nos amosou as instalacións, distinguindo estas dúas características que deron vida a Quirós: a historia industrial e a vida campesiña.
Na primeira amósanos á chegada de empresas estranxeiras ao concello, a construción da estrada, dos altos fornos e do ferrocarril. A exposición complétase observando no exterior o gran muro de contención que ampara a presenza da base dun dos fornos, así como dun complexo de galerías subterráneas por onde discorrían os mecanismos necesarios para o funcionamento dos fornos.
A vida campesiña está representada a través de diferentes espazos onde se pode descubrir os principais trazos económicos, sociais e mentais desta sociedade, ambientados con sons, imaxes ou coa participación en xogos e actividades de coñecemento. Destaca a casa campesiña, de tres andares. Como nos explicou, non é unha casa típica da zona, se non que a súa construción adaptouse para amosar os distintos elementos que a compoñen. Na planta baixa alberga as cortes para gardar os animais, como porcos, galiñas, vacas, etc.; conta tamén cun lagar para elaborar sidra e unha sala dedicada aos oficios masculinos relacionados coa madeira ( madreñeiro, carpinteiro, cesteiro ou madeirista). Gustou especialmente un pequeno recuncho adicado aos oficios da muller: lavandeiras, guisandeiras, tecedeiras… A verdade é que é moi recomendable a súa visita. Parabéns polo traballo e polo amor que desprendes ao amosárnolo!