Ruta da Marronda-Alto Eo. PR-G 145
A ruta desta xornada é o PR-G145, un sendeiro pertencente á rede galega de sendeiros homologados. Comeza nas proximidades do lugariño de San Paio, no concello de Baleira e ten dúas partes ben diferenciadas. A primeira vai por zonas altas, onde predominan os camiños amplos entre plantacións forestais, principalmente de piñeiro, e de cando en vez hai algún miradoiro natural que permite gozar dunhas estupendas vistas. Máis adiante comeza un forte e prolongado descenso que nos leva ata a área recreativa da Cortevella. Neste punto atopámonos co río Eo no seu curso máis alto, e aquí comeza a segunda parte da ruta: un fermosísimo sendeiro que vai case todo o tempo pegado ao río, entre zonas de bosque de ribeira moi ben conservados, que destacan pola súa biodiversidade. Masas arbóreas con multitude de fentos á beira do río fan deste tramo un auténtico agasallo para o sendeirista.
Gran parte do itinerario vai por zonas de Rede Natura, e aínda que a ruta non pasa polo corazón da fraga da Marronda, esta pódese ver na primeira parte do percorrido. A dificultade da ruta ven dada principalmente pola lonxitude e polo desnivel, que son salientables.
- Lonxitude: 22 km
- Desnivel: medio-alto
- Dificultade: media-alta
Comezamos a camiñar…
Logo de tomar un café en Baleira o bus achegounos ao comezo da ruta, á beira do río Eo, nun aparcamento habilitado onde se pode deixar o coche, moi perto da aldea de San Paio (Sampaio nos carteis do PR). A escasos trescentos metros de comezar a camiñar atopámonos co Salto da Acea da Serra, que vemos dende o alto da estrada, mentres imos cara a San Paio. Tamén queda próxima outra fervenza, o Salto do Pozo da Ferrería, pero non nos desviamos e agardo poder ter tempo ao finalizar a ruta para ir vela.
Nada máis cruzar a aldea, un panel anúncianos o comezo da ruta e, sen máis preámbulos, comezamos o ascenso polo monte cheo de piñeiros que nos permiten ter, de vez en cando, algunhas vistas do val onde nace o Eo e dos montes que o circundan. O camiño é cómodo e está ben definido, ancho e ben sinalizado, que discorre entre plantacións forestais, principalmente de piñeiro, e de cando en vez algún miradoiro natural permítenos gozar dunhas estupendas vistas.
Tras chegar á cima e contemplar a inmensidade da fraga da Marronda que, sinceiramente, agardábamos estivera máis outonal, reagrupámonos en torno a Víctor, que nos explicou graficamente o que divisábamos dende ese miradoiro improvisado. A Marronda constitúe un magnífico exemplo de bosque autóctono galego. Incluída na “Rede Natura 2000” e Reserva da Biosfera, é unha das máis importantes reservas de faias na Europa suroccidental, o que non impide que Galicia sexa unha das comunidades que teña unha das ratios máis baixas de extensión acollida baixo esta protección. En Galicia, ademáis de ter pouca superficie protexida, os espazos naturais están distribuidos dun xeito moi peculiar. por exemplo, a segunda parte do percorrido que imos facer polo río Eo, é un tramo protexido a trozos, o que non favorece que os espazos se conserven.
O que dá sentido a este espazo protexido é esta gran fraga que temos diante. Un bosque autóctono cunha enorme biodiversidade. Xusto detrás dese montes recoñecemos a Terra Chá e, máis á dereita, podemos divisar cos seus correspondentes aeroxeneradores, o Xistral.
Dende este punto comezamos a descender. Temos que chegar de novo ata o cauce do Eo. O primeiro tramo de descenso, ata Mendreiras, é relativamente suave. Xa na aldea, na que se poden observar uns catorce hórreos catalogados, parámonos a falar un anaco cun veciño que saiu ver a tanta xente pasando por diante da súa porta. O pequeno diálogo que mantemos resume perfectamente a situación pola que está a pasar o noso mundo rural. Para entrar na conversa inquírolle, coma case sempre, se esta aldea é Mendreiras e, encolléndose de hombros, respondeume que non sabía: “antes chamábase así, pero agora, sen xente, xa non sei se ten nome… ” toda unha filosofía que relata á perfección como o despoboamento está a traer consecuencias fundamentalmente negativas. Ver, cando vou camiñando, vivendas abandonadas, arruinadas, deshabitadas non deixa de producirme desacougo, e coido que que a morte do rural vainos pasar unha factura moi grave a toda a sociedade.
Gustaríame ter máis tempo para seguir falando, pero teño que deixalo pois xa vou bastante rezagado. Tras cruzar a aldea de Mendreiras iniciamos un segundo e prolongado descenso tendo unhas fermosas panorámicas do Coroto e a Cortevella ata chegar á área recreativa de A Cortevella, onde quedo sorprendido pola fermosura do lugar e cos meandros que forma o río. Que mellor lugar para facer unha parada e descansar disfrutando da fermosa paisaxe fluvial que o Eo deixa ao seu paso.
Antes de deixar a Cortevella e continuar a marcha dame tempo de subir ata o miradoiro do Ferreiro dende onde disfruto dunhas vistas panorámicas moi fermosas. Na mesma área de descanso, na outra beira do río, hai un fermoso muíño abandonado, que se pode visitar por fora.
A partir de aquí comeza o segundo tramo da ruta que percorre o río Eo por ambas as marxes ata San Paio. O camiño non pode ser máis fermoso. Bosque de ribeira que nestes días loce esplendoroso co outono facéndose notar na follaxe, con multitude de fentos á beira do río, acompañado durante varios quilómetros polo relaxante son de fondo do Eo. E castiñeiros, moitos castiñeiros que desprenden os seus ourizos sobre o noso camiño e sobre as augas do río. Pouco a pouco imos entrando nun alongado souto do que se debeu aproveitar en tempos os seus froitos, a xulgar polo número de ouriceiras de pedra xa en desuso que imos atopando río arriba.
Aseguraba Castelao que se aínda somos galegos é grazas ao idioma, pero se atendemos a cuestións menos filosóficas e a necesidades máis básicas, igual podemos engadir que se aínda hai galegos e galegas é por causa das castañas, que supuxeron a principal achega de hidratos de carbono dos nosos devanceiros.
Cando entramos no souto, atopamos a un home e unha muller todos afanados apañando castañas, sen prestar moita atención ao noso camiñar. A muller, maior, estaba recollendo no mesmo camiño e o home, case agachado, e moito máis novo, apañaba un pouco máis abaixo, á beira do río. Saudeina e díxenlle, coma quen non quer a cousa:
-E logo, pasando a tarde apañando castañas?
A muller, ao verme coa cámara na man e antes de me responder, preguntoume:
-Non sairei no Instagram, non?
-Non muller, que eu non poño aí as fotos, pero se me deixa, fágolle unha apañando nelas.
-Ah, bueno, se é así non hai problema!… Pois sí, algo hai que enredar que, se non, queda unha entumecida na casa e pasa a tarde por diante sen facer nada. Merece moito a pena vir a elas e, ademais, aquí non nos custan nada –contestoume a muller toda chea de razón cun sorriso como querendo dicir “este urbanita non se entera”.
Aínda mantivemos unha pequena conversa a conto do pau en forma de pinza (coido que lle chamou petela), que usaba para destripar os ourizos e, xa despedíndonos, comenteille que ía marabillado co fermoso lugar polo que íamos camiñando.
-Pois se lle gustou ata agora, vai quedar máis sorprendido do que queda por diante! Afirmación que foi secundada inmediatamente polo home.
E levaban moita razón! Neste tramo cruzamos os regatos da Teixeda e Monte Meán. Nalgúns puntos cambiamos dunha beira do río á outra a través de varias pontes, algunha pontella de madeira temos que cruzala con coidado para non esvarar e noutro regato tivemos que dar un chimpo pois o paso estaba inservible. O camiño vai nun contínuo sube e baixa e as pernas xa comezan a padecer, pero a fermosura e a soedade do entorno fai olvidar todo iso, como cando, alonxados un pouco do río e, sen vexetación que nolo impida, temos unhas vistas sobre Os Vilares, Silvadrosa e Centigosa moi fermosas. A baixada de novo cara ao río hai que facela con coidado de non esvarar pois o carreiro ten a súa dificultade.
Aínda quedan tramos ben fermosos por descubrir, axudados xa polo sol que pousa os seus últimos raios sobre o río e regalándonos uns contraluces de foto. Especialmente bonito é o paso polo pequeno núcleo de Cabreira, un lugariño encantador que semella estar abandonado. Cruzamos unha pequena ponte para salvar o Rego do Valín Seco e continuamos admirando a aldea dende a outra beira.
A partir de aquí, a ruta volve ser en ascenso ata case chegar ao noso punto de inicio. Cruzamos por última vez o río na ponte do Naseiro e seguimos gañando altura. Temos que salvar polo camiño varias árbores e pólas caídas, polo que ralentizamos un pouco a marcha. o que impide que nos desviemos, nos últimos quilómetros, para ver a fervenza Pozo da Ferreira, pois a hora da tarde e o pequeno retraso que levamos fai que desistamos de ir visitala.
Así imos abandonando pouco a pouco o curso do Eo e regresamos a San Paio. Carlos, que xa vai cunha boa presa de boletus edulis, atopa nos prados que circundan a aldea unhas lepiotas de moi bo tamaño que non se reprime en cortar e levar para darse unha boa homenaxe esta noite.
Só resta chegar ao bus, que nos agarda no pequeno aparcadoiro da mañá, cambiarnos e facer os estiramentos (que hoxe fan moita falta). Xa cambiados e listos para iniciar o regreso, o bus achegounos ata Fonteo, o lugar de nacemento do río Eo. Que menos que facer unha parada se vimos de andar polo se curso alto!
Nos crucigramas sempre sae “Río de Galicia”, e sempre é o EO, mira por donde qué beleza de río!!! E a figura do mirador qué representa?
Esa nunca se falla: “con dos letras, rio de Galicia” ??
Pois coido que é San Francisco de Asís, patrón da natureza. Segundo lin en La Voz, a talla foi sufragada por un grupo de emigrantes galegos en Catalunya (para esas cousas hai cartos), e os seus 830 kg de peso foron levados en helicóptero ata alí, tamén pagado por eles, emprazándose ao final dun cento de chanzos. Bicos
Unhas fotos marabillosas, coma sempre, para lembrar unha ruta excepcional. Grazas polo “Roteiros Galegos”.
Moitas grazas Fer, é unha forma de ir gozando das rutas e da compañía. Agardo que as próximas rutas que fagamos xuntos tamén che guste o resultado. Comecei a ver hoxe as desta fin de semana e teñen boa pinta?
Grazas de novo!