De Bueu a Marín

12-10-2019
De Bueu a Marín

Imos facer nesta ocasión un percorrido costeiro pola ría de Pontevedra unindo as localidades de Bueu e Marín, na zona norte da península do Morrazo. A pesar de que en xeral podemos dicir que esta zona da costa galega está urbanizada en exceso, esta ruta aínda conserva puntos ben interesantes, a nivel paisaxístico principalmente.

O itinerario comeza na mesma vila de Bueu e vai case todo o tempo pegado ao mar, atravesando innumerables praias como Agrelo, Lapamán, Loira, Aguete, Mogor… e lugariños e zonas rurais como Castrelo, Casás, Moledo ou Loira. Pouco antes de entrar en Marín aproveitaremos para visitar os petróglifos de Mogor que conforman unha das estacións rupestres máis senlleiras de Galicia.

A ruta ten moi boas vistas sobre gran parte da ría: as illas de Ons e Onza, Portonovo, Sanxenxo, a illa de Tambo, etc… Tampouco ten moitas dificultades, salvo os tramos que haxa que facer por area nas praias e algún sendeiriño estreito.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Antes de comezar a camiñar, achegueime ata o estaleiro de Purro, a derradeira carpintería de ribeira en activo en Bueu ata 2003, pois tiña idea de que fora restaurado e quería ver a transformación das vellas instalacións. Efectivamente, o lugar ten moito mellor aspecto, pero levei certa decepción pois só se amosaban dúas dornas e eu lembraba que había neste espazo, entre outras, unha rarísima chalana de dúas proas.  O estaleiro foi incluido no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia como Ben de Interese Cultural, anexo ao Museo Massó.

De Bueu a Marín

Tamén visitamos o interesantísimo Museo Massó. O museo é froito das inquedanzas culturais dos industriais Gaspar, José Mª e Antonio Massó. Logo de amosarnos un vídeo sobre a transformación da fábrica ao longo do tempo e o cambio urbanístico da vila que provocou, iniciamos o percorrido pola sala situada no primeiro andar, onde a exposición articúlase en torno á idea da conquista do mar, e está dedicada á navegación e a aquelas disciplinas que, como a astronomía, a xeografía e a construción naval, fixeron posible o seu desenvolvemento e o do comercio marítimo. O interese dos Massó pola historia da navegación levounos a crear unha colección de libros impresos entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas que constitúen a alma desta colección. Na planta baixa, o discurso céntrase na actividade industrial da familia Massó: as fábricas de salga e de conservas e a caza da balea, mostrando unha colección única en España. Como temos que comezar a camiñar en breve, deixamos para outra visita a gran sala na que se expoñen as embarcacións tradicionais.

De Bueu a Marín

Se hai pouco máis de tres anos partíamos de Bueu, para percorrer esta costa ata o Cabo Udra, un dos espazos naturais máis interesantes da provincia de Pontevedra, desta vez imos facelo cara ao interior da ría ata a vila de Marín. Despois de recoller as mochilas no bus, comezamos a camiñar pola fachada marítima. Pasamos de novo fronte ás instalacións do museo e polo mercado, hoxe practicamente inactivo por ser festivo (aínda me lembro do par de sapatas que mercara o Suso para facer unha caldeirada na casa). O día é perfecto para camiñar. Unha xornada máis ou menos cuberta, anque sen chuvia, que irá abrindo a medida que avance o día.

De Bueu a Marín

Logo de rematar o paseo marítimo, saimos da vila pola avenida de Marín ata que iniciamos o descenso á primeira praia da xornada, praia Loureiro, unha praia urbana, deserta, que percorremos na súa totalidade. É un areal moi cómodo pola ubicación no extremo da vila e, semella, que ata os restaurantes teñen acceso directo a ela! A presión urbanística vai ser case unha constante neste percorrido e unha vez que deixamos praia Loureiro, dominada por edificios altos, entramos, logo dun curto paso, na Praia de Agrelo, na que predominan os chalets e chiringuitos en practicamente todo o seu percorrido, e na que temos que salvar un par de regatos que desembocan no areal. De momento, as botas van secas. Esta densidade poboacional tamén a apreciamos na outra beira da ría, con Portonovo, Sanxenxo ou Raxó, como núcleos importantes.

De Bueu a Marín

Agrelo e Portomaior, o seguinte areal, conforman unha soa praia, e o seu percorrido vai estar presidido pola soidade que temos ao andar. Toda a praia para nós, e non quero imaxinar a cantidade de bañistas que debe haber no verán! Bueno, toda non, un par de mergulladores andan a pescar e un deles ata nos amosa as súas capturas, un par de fermosos polbos! A verdade é que é unha gozada camiñar polos areais no outono.

De Bueu a Marín

As transicións que facemos entre praia e praia son regularmente polo medio de chalets ou fins de semana que deixaron unha pequena servidume de paso que permiten achegarse aos pequenos areais. Pero tamén cruzamos pequenos lugares agrícolas onde predominan as viñas emparradas, xa sen froito, pero cunhas cores outonais moi chamativas. Non sei que uva dan, pero teñen toda a pinta de ser da variedade espadeiro. Canto tempo hai que non probo un espadeiro!

De Bueu a Marín

A pequena praia de Covelo, cun acceso un pouco complicado, pois a entrada principal é unha escaleira demasiado empinada (non vexo eu como o pasarán para baixar as persoas maiores, ou con sillas de rodas, muletas… ), é o preámbulo á máis coñecida de Lapamán, das mellores praias da Ría de Pontevedra, á que descendemos zigzagueando polo terreo do que semella ser un chiringuito aterrazado no verán. Praia espectacular! Area fina, limpa… un gustazo camiñar por ela e, se ademáis lle engadimos a coincidencia da subida da marea, o que fai que teñamos que arriscarnos a non mollar os pés ante un pequeno sainte que hai que superar e no que empeza a bater o mar (algún meteu a bota ben metida), fan do paseo unha auténtica gozada. A praia e fotoxénica pois ata coincidimos cunha sesión de fotos que lle están facendo a unha moza. O estado do mar e a luz do momento seguro que axudan a facer unha boa reportaxe.

De Bueu a Marín

Voltamos de novo cara a terra e imos camiñando un pequeno treito por estrada que nos leva ata a Praia Santo do Mar. A pesar de non ser moi grande, é simplemente espectacular. Que fermosura! A praia está presidida pola Illa Santo do Mar ou de San Clemenzo, na que se aprecian as ruinas dunha hermida na honra deste santo. Coido que na baixamar pódese ir camiñando ata ela polo corredor que forma a area. Saimos do areal por unha rampa que nos deixa no límite do concello de Marín.

De Bueu a Marín

Enlazamos neste punto coa Ruta das Praias, unha ruta que percorre a liña costeira deste concello ata a praia de Portocelo. Percorremos primeiramente as rúas do núcleo de Casás, que coincide co punto máis alto do que levamos andado, así como o paso por un eucaliptal recén talado (eucaliptos hainos ao longo de toda a costa), pero imos por un camiño de terra con bo firme, nun entorno natural con moi boas vistas da costa e da ría, coas illas de Ons e Onza na entrada da mesma, precedidas por unha manchea de bateas instaladas por todo o litoral. A luz cambiante do día déixanos unhas imaxes espectaculares.

De Bueu a Marín

Un longo camiño entre dous muros desemboca no areal de Loira. Aproveitamos a fermosura do lugar para descansar e tomar un pequeno refrixerio. Eu séntome nos bancos de pedra que hai na área de descanso á beira do río Loira no que, en tempos se collían boas pezas, segundo me comenta Carlos, pois foi neste río onde lle aprenderon a pescar.

De Bueu a Marín

A partir de Loira, a ruta discorre basicamente entre casas de veraneo e por beirarrúas que nos deixan en Aguete, un lugar cun pequeno portiño salpicado por unha manchea de embarcacións fondeadas. A praia é longa para pasear e está dividida en varias calas, sendo o paso dunha a outra bastante cómodo.

De Bueu a Marín

Deixamos atrás a praia e imos por beirarrúas e carril bici, ao longo da estrada das praias. Estamos xa nun entorno moi urbanizado pero, insisto, percorrer estes areais nesta época paga moito a pena.

De Bueu a Marín

Aínda nos quedan por visitar os dous últimos areais antes de entrar en Marín. Mogor e Portocelo. Logo de percorrer a primeira, achegámonos ata a estación de arte rupestre, precedida polo Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor, que atopamos pechado, no que se poden ver unha serie de paneis que permiten introducirse no mundo da arte rupestre e coñecer esa complexa e interesante figura que é o labirinto. Os petróglifos de Mogor conforman un dos conxuntos de arte prehistórica máis senlleiros de Galicia, entre os que destaca a pedra dos Campiños, a Laxe dos Mouros e a Pedra do Labirinto, o máis coñecido de todos, que é un motivo atípico no conxunto da arte rupestre galega, dos que se coñecen apenas cinco, todos eles nas Rías Baixas. É coñecido debido á súa gran dimensión, a dificultade do gravado e ao seu bo estado de conservación. O significado do labirinto aínda non foi descifrado e ten unha gran semellanza con outros atopados en Laponia, Finlandia, Islandia e Inglaterra. Imprescindible visitala.

De Bueu a Marín

Baixamos ata a praia de Portocelo e continuamos camiñando pola beirarrúa, imos pegados ao mar e seguimos disfrutando das vistas cara a illa de Tambo e a outra beira da ría.

De Bueu a Marín

Logo de facer os estiramentos á beira da entrada da Escola Naval Militar, achegámonos ata as primeiras terrazas a tomarlle unha cervexa mentres comentamos as vicisitudes da xornada, e coincidindo todos en que a ruta cumpriu amplamente o seu obxectivo, o de gozar do incipiente outono… e eu, ademais, tiña moitas gañas de retomar as rutas de sendeirismo da USC que, con esta ruta costeira pola ría de Pontevedra, gocei moito percorréndoa nesta época do ano.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio