Rodeiro. Serra do Faro

18-01-2020
Rodeiro. Serra do Faro
Foto de Suso G. Devesa

O concello de Rodeiro está situado no interior da provincia de Pontevedra. Entre Rodeiro e Chantada atópase unha das serras máis senlleiras de Galicia: a serra do Faro. Esta serra ten unha altitude máxima de 1182 m. Isto, xunto coa súa proximidade ao centro xeográfico de Galicia, fai que sexa considerado un dos mellores miradoiros do país. Ademais do seu interese paisaxístico destaca tamén polo seu interese natural e por iso a serra está incluída na Rede Natura 2000.

A ruta comeza mesmo en Rodeiro e vai por camiños amplos pouco a pouco subindo cara a serra. Durante a subida pasa polos lugariños de Romaces e As Pobanzas. O ascenso é levadío ata chegar ao último quilómetro onde a pendente aumenta considerablemente. Dende o cumio podemos observar gran parte do noso territorio. Seguimos a ruta coincidindo durante dous quilómetros co Camiño de Inverno, que acada o alto da serra desde Chantada. Ao chegar á Fonte dos Meniños cruzamos novamente cara á vertente de Rodeiro e comezamos o descenso pasando mais adiante preto de Fafián e Trasulfe, moi coñecido polo seu impoñente pazo. Xusto antes de entrar na vila de Rodeiro veremos uns fermosos muíños no río.

Salvo a pendente do último quilómetro da subida, a ruta non ten dificultades.

Nalgúns puntos dos camiños podería haber lama.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Como se soe dicir que hai que iniciar as cousas con bo pé e que o que ben comeza ben acaba, non imos tentar á fortuna e comencemos 2020 por todo o alto, visitando un dos lugares senlleiros da xeografía galega: o monte Faro.

Rodeiro. Serra do Faro

Ao chegar a Rodeiro, mentres o resto dos compañeiros se dirixiron a tomar o café, achegueime ata a Panadería de Jesús, que elabora un pan artesán impresionante, rico e en tamaño, pois levas unha peza de quilo e medio de pan para unha semana. Algo terá este pan cando saen cada semana entre cinco e sete pezas para a Casa Real! Estaban xa coa faena de limpeza pero ainda así, tiveron tempo de ensinarnos o obrador e o formo de leña, onde lle entran unhas noventa pezas. Logo, cando fomos tomar o café, ainda houbo máis dun que se achegou a mercarlle algunha peza máis. Como digo algunha vez, hai que mercar nos establecementos locais, se queremos axudar a que zonas como esta se manteñan.

Rodeiro. Serra do Faro

Comezamos a andaina ao pé do palco da música, que será o punto de chegada pola tarde. De momento o día acompaña, e conxurámonos para que se manteña así, pois as previsións non son nada optimistas para camiñar nas próximas horas. Logo de andar un pequeno treito pola vila e pola estrada que vai a Chantada, desviámonos tendo como primeira referencia a aldea de Romaces, onde asaltamos a unha ducia de vacas que saen da corte camiño do seu prado. Un pouco aturdidas polo paso de tanta xente, agardan a que as sobrepasemos, sempre coa mirada atenta do seu can protector. O campo non pode estar máis fermoso, potenciado por esa luz mañaneira que se espalla e asoma entre as nubes ao longo do val.

Rodeiro. Serra do Faro
Foto de Xerardo G. Mera

A aldea das Pobanzas, ao pé do monte Faro, vai ser practicamente o punto onde se nos torza o día. Un pouco antes de chegar a ela, a néboa vai facer acto de presenza e xa non nos vai deixar ata pola tarde. A isto xuntouse que no tramo máis esixente que comeza a partir de aquí, polo desnivel que hai que salvar, sorprendeunos un festival de chuvia e vento que nalgún momento foi bastante forte. Pero non queda outra e facemos o ascenso cun pouco máis de esforzo, pero sen maiores dificultades.

Rodeiro. Serra do Faro

No alto, acadamos aproximadamente o punto medio do percorrido. Estamos no Espazo Natural da Serra de Faro, catalogado como Lugar de Interese Comunitario polas especies endémicas que hai nel. Esta serra ocupa un lugar estratéxico, dende onde se divisan amplas vistas das terras das catro provincias galegas, pero hoxe non imos ter esa sorte.

Rodeiro. Serra do Faro

Como se llo estivera pedindo, o amigo no Facebook Manuel Busto Galego, un agoladense de pro, ofreceunos hai pouco no seu muro unhas panorámicas dos principais cumios das nosas serras contemplados desde o Monte Faro, cun detido percorrido visual polo horizonte que constitúe un magnífico repaso da xeografía estudada: cara ao noreste ollamos os Ancares onde se identifican os seus picos máis salientables, máis ao sur o Courel, onde sobresaen o Formigueiros e Pia Paxaro. Apreciamos tamén o macizo central de Galicia, coas serras de San Mamede e da Queixa e máis ao lonxe ata divisamos Pena Negra e Pena Trevinca, que tan bó sabor de boca nos deixaron en xullo pasado. Amplas paisaxes de penichairas de Chantada e Taboada tamén se divisan dende o mirador. Mágoa que teñamos que deixalo para outra, pois o vento e a chuvia e, sobre todo a néboa, fan de todo imposible esta visión.

Rodeiro. Serra do Faro

Alén diso, é un lugar dunha grande espiritualidade. No cume do monte Faro aséntase a ermida de Nosa Señora de Faro, un dos elementos máis importantes do patrimonio artístico e relixioso da comarca, celebrándose dende hai séculos unha romería cada oito de setembro na súa honra que acolle a devotos de moitos lugares de Galicia.

Rodeiro. Serra do Faro

A pesar da persistencia dom mal tempo, faise imprescindible percorrer o enorno próximo: a Capela, o Via Crucis ou as fontes milagreiras. Refuxiados baixo o altar abovedado, instalado diante da capela, decidimos xantar alí, pois non imos atopar un sitio mellor para facelo sen que nos mollemos. Non lle dedicamos moito tempo, pois comezamos a arrefriármonos e decidimos comezar o descenso polo Vía Crucis e aproveitar uns dous quilómetros de pista por onde discorre o Camiño de Inverno, que nos deixan ao pé da Fonte dos Meniños, á que os máis vellos do lugar lle atribúen poderes curativos, levando ás nenas e nenos a curar do “enganadiño”, que era unha enfermidade que lle afectaba aos rapaces que tiñan falta de enerxía e se manifestaba pola tendencia a cruzar as pernas…

Rodeiro. Serra do Faro

Descendemos cara ao val de Camba. Polo camiño pasamos algunhas aldeas, que serpentean entre os outeiros. Vemos moitos espazos de monte transformados en pastos, onde as vacas achéganse a nós pensado en que as imos recoller (digo eu… ), pois non hai que esquecer que en Rodeiro aséntase dunha das maiores cabanas gandeiras da provincia de Pontevedra. Camiñamos por un tramo relativamente suave que combina unha ampla variedade de espazos: pequenas aldeas entre vizosas fragas, montes e terras de labradío.

Rodeiro. Serra do Faro
Foto de Suso G. Devesa

Neste espazo agroforestal aniña a única parella de cegoñas da provincia de Pontevedra, que vemos ocupando un carballo derramado, como é frecuente que fagan en Galicia, pois é difícil velas aniñando en edificacións. As cegoñas chegan entre decembro e xaneiro, sendo o máis común que primeiro chegue o macho para defender o territorio de cría doutros machos ata a chegada da súa parella.

Rodeiro. Serra do Faro
Foto de Xerardo G. Mera

Logo de andar un pequeno treito pola pista de servizo ao longo da estrada, o camiño, moi levadeiro, achéganos ata o Pazo de Trasulfe, unha casa señorial do século XVI, e unha das construcións máis representativas da historia aristocrática galega. Nos seus muros atopamos sete escudos que nos falan dos diversos vínculos contraídos por esta casa ao longo de catro séculos. A partir de aquí, gozamos dun tempo moi acaído para camiñar, mentres a serra do Faro vai quedando atrás e segue amosándose co mesto cobertor de néboa que nos acompañou ao longo do día.

Rodeiro. Serra do Faro

Outra casa á que nos achegamos camiño de Rodeiro é a Casa do Botixo, en Casasoa, un antigo casal de labranza cunha gran finca ao seu redor que conta cun conxunto de edificacións anexas cercadas por un importante muro de mampostería. A casa solarega conta con capela que ten un campanario feito aproveitando o que semella ser unha lápida tronzada pola metade.

Rodeiro. Serra do Faro

Achegámonos ata uns muíños pero a crecida do río e o esvaradío do terreo provoca que teñamos que variar un pouco o percorrido e recuar uns metros. Isto fai que nos últimos quilómetros leve como compañeiro de conversa a Suso (moi raro velo na parte de atrás do grupo), xunto con Antonio, e reparamos na paisaxe e nas árbores espidas e orfas de cor, polo que coincidimos en que o inverno tamén ten o seu encanto.

Rodeiro. Serra do Faro

Logo de pasar polo muíño do Vicente, unha pequena subida déixanos ás portas de Rodeiro, ao que teño gañas de chegar para cambiar de calzado e tomar unha cervexa antes de emprender viaxe para casa. A pesar das inclemencias do tempo, coido que foi unha andaina moi acaída para comezar o ano, e coido que teño que volver para gozar das vistas dende o monte Faro.

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Rodeiro. Serra do Faro”

    1. Ola Estela, moitas grazas por escribir.
      Esa é unha asignatura pendente do blog. Agardo poder poñer en breve un subscritor para quen queira estar ao día. Xa te avisarei.
      Mentres, se tés facebook, podes facerte amiga da páxina de Roteiros Galegos, ou tamén en Youtube, podes subscribirte aos vídeos que fago.
      Saúdos cordiais

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio