Río Grañal. Esgos

Río Grañal. Esgos

A nosa ruta de hoxe lévanos a Esgos, na provincia de Ourense. Xa estivéramos camiñando por este concello hai moitos anos, facendo parte do Camiño Real. Ao chegar a Esgos desprazámonos ata San Pedro de Rocas e visitar o seu mosteiro e o centro de interpretación.

Ao rematar, o bus achegaranos a Tarreirigo onde comeza a ruta do río Grañal. A ruta está sinalizada polo concello. É unha ruta liñal, pero nós faremos algunhas variantes para regresar de volta ao mesmo sitio e facela circular. Destaca pola fermosura dos bosques e os camiños entre muros de pedra cubertos de musgo. Tamén son salientables os exemplos de arquitectura típica que veremos nalgúns dos lugariños polos que pasaremos, como Lampazas, Folgoso, A Granxa, Rebordiños

A ruta transita por algunha corredoira onde poderemos atopar lama. Tamén hai algúns tramos de asfalto entre as aldeas polas que pasaremos.

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media-baixa

Comezamos a camiñar…

Ao chegar a Esgos temos un rato para tomar o café… e para mercar un par de bicas que, a pesar de que aínda estamos rematando as lambonadas de Nadal, non podemos resistirnos a marchar destas terras sen elas. Logo regresamos ao bus para achegarnos a San Pedro de Rocas e visitar o seu mosteiro e o centro de interpretación.

Río Grañal. Esgos

A chegada a San Pedro de Rocas pode resultar algo decepcionante, xa que a primeira imaxe que se ten do complexo desde o aparcadoiro é a da casa prioral de finais do século XVII, nada rechamante. No seu interior está instalada a recepción e o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da vida monástica de San Pedro de Rocas, no que unha mascota de frade bieito nos dá a benvida e nos convida a percorrer o centro.

Con todo, nada máis pasar este edificio tense a imaxe máis memorable do complexo: unha humilde e primitiva espadana construída sobre unha rocha, baixo a que se atopa aberta unha entrada, que separa a igrexa do cemiterio e que forma parte do Camiño real que pasa por aquí. Da igrexa pouco queda salvo a estrutura, apoiada en parte sobre as capelas trogloditas orixinarias. O cemiterio é bastante humilde, e desde el pódese subir á espadana (dá un pouco de vertixe, e se non que llo digan a Marga, que logo de subir perfectamente non se daba soltado da mesma ?).

Descendo un pouco polo Camiño real ata a altura do Penedo do Xigante, onde temos un desvío en descenso á esquerda que nos leva a fonte de san Bieito, unha fonte natural milagreira (segundo a tradición parece ser que é boa para curar as espullas), nunha paraxe moi fermosa, rodeada dun denso manto forestal e grandes rochas graníticas. Avisan dende arriba que temos que ir rematando a visita pois hai que comezar a andaina, polo que nos desprazamos non moi lonxe de aquí.

Río Grañal. Esgos

O sendeiro comeza e remata na aldea de Tarreirigo, a un paso de Esgos, e coincide coa Senda fluvial do río Grañal. Logo de agruparnos á beira do río, iniciamos o percorrido un pouco alonxados del, o que nos permite gozar dun entorno no que a fermosura dos bosques e os camiños entre muros de pedra cubertos de musgo, as chamadas carriozas, entre soutos de castiñeiros. Sendeiros marabillosos, espectaculares, bordeados de muros quizáis centenarios que en si mesmos son unha obra de arte.

Río Grañal. Esgos

Os pasos de xeracións enteiras fixeron as carriozas. Por estes sendeiros circulaban xente hacia os seus soutos e leiras. As estreitas carriozas separaban as propiedades e facilitaban o paso do gando para non causar dano nas fincas veciñas. O percorrido está cheo de frondosidade con arbolado típico da ribeira como os alisos, algúns bidueiros, loureiros, amieiros, carballeiras e reboleiras.

Río Grañal. Esgos

Logo de pasar polo primeiro núcleo, Lampazas, descendemos cara ao río Grañal, que percorreremos río abaixo pola súa beira gran parte da andaina. Durante este tramo do percorrido podemos ver varias pontellas, canles de auga e muíños, algúns moi ben conservados e nun entorno moi fermoso como o muíño de Boadela. Pero os que destacan son o muíño de Laioso e o conxunto de muíños de Pontepedriña, ubicados estes últimos nun desnivel importante e que se surten da auga que cae en fervenza. Paramos un bo rato sobre a ponte que cruza o río fronte a eles admirando o conxunto. Cando abandonamos o lugar, na subida e xusto fronte a un deles, pódese apreciar unha rocha que ten a forma dun pé.

Río Grañal. Esgos

Deixamos o río e pasamos por lugares do concello limítrofe de Paderne de Allariz: Riodebodas (que nome tan bonito), e Penalba. Aproveitamos a parada neste último lugar para xantar e descansar un pouco, mentres nos entretemos cunha parella de años de poucos días, aos que parece que a nai non lles presta moita atención polo delgados que están.

Río Grañal. Esgos

Tanto nestas aldeas, como polas que pasamos, destacan os conxuntos de hórreos, utilizados para gardar o gran. Son de estrutura rectangular, con teito de tella e pechados por táboas de madeira que permiten a ventilación do interior pero que ao mesmo tempo impiden a penetración da chuvia, e sostidos por alicerces de pedra. Hoxe en día, pola falta de uso, moitos deles vense bastante deteriorados.

Río Grañal. Esgos

Unha vez descansados, volvemos gozar do entorno no que a fermosura dos bosques e os camiños entre muros de pedra nos levan de novo ata o río Grañal, cruzamos unha pontella e temos unha pequena subida ata chegar á aldea de Folgoso, cruzámola e achegámonos ata a súa capela, onde podemos ver ao seu carón uns importantes canastros, pola súa calidade e tamaño, unha agrupación de hórreos situados na eira feita a base de lousas de pedra onde se facía a malla e outros labores de labranza na recolleita de froitos. Na pequena capela, baixo a advocación de San Pedro, chaman a atención as columnas graníticas nas dúas ventás frontais, que lle fan de peche.

Río Grañal. Esgos

Toca camiñar agora por pistas de asfalto. Saíndo da aldea de Folgoso e situado nun cruce de camiños entre Folgoso e O Pinto hai un esbelto cruceiro sobre catro chanzos, no que se representa a imaxe do Cristo crucificado baixo cartel INRI no anverso. Así como en Folgoso, e noutras aldeas, atopámonos con bastantes casa en estado de abandono, no Pinto a situación é moi distinta, pois a maioría delas están rehabilitadas ou restaurándose, moitas delas con solainas nos primeiros pisos. Supoño que influirá o paso por deste lugar da estrada principal a Ourense, que non queda moi lonxe. Abandonamos O Pinto e toca baixar de novo ata o Grañal, polo que camiñamos un treito no sentido inverso ao que fixemos pola mañá.

Río Grañal. Esgos

Subimos ata A Granxa e Rebordiños, últimas aldeas do percorrido, antes de enlazar co tramo final da andaina que tamén fixeramos pola mañá, e volvemos gozar de cruceiros, lavadoiros, fontes, hórreos e casas típicas de pedra, rematando a andaina na área recreativa de Tarreirigo, onde fixemos os pertinentes estiramentos.

Río Grañal. Esgos

Sen dúbida unha andaina entretida e moi recomendable para ir con nenos, e para facer en calquera época do ano, pois os camiños están moi ben conservados, a pesar de que con estas últimas crecidas motivadas polas abondosas e persistentes chuvias, provocaron, sobre todo, a caída de árbores sobre o sendeiro fluvial, o que non supuxo maiores dificultades.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio