Senda costeira de Asturias. De cabo de San Agustín a Viavélez
O trazado do noso percorrido coincide co GR-E 9, a senda costeira de Asturias. Moi costeira, moitas praias, algunhas son de pedra e con algúns dos pobos mariñeiros máis bonitos da costa Asturiana. A ruta comeza no mesmo faro de San Agustín, no concello de Coaña, moi preto de Navia. O percorrido vai en dirección oeste, case todo o tempo paralelo á costa. Preto do inicio pasaremos polo fermoso pobo de Ortigueira, mais adiante pasa por outros como Medal, Lloza e Castello.
A paisaxe do percorrido é moi fermosa e alterna estas poboacións con paisaxes rurais, gandeiras e costeiras. Pasaremos por varias praias de cantos rodados entre abruptos cantís. Os camiños son moi cómodos, salvo algún punto concreto. Hai moitos tramos que van por pista de asfalto. O desnivel concéntrase en tramos curtos de forte pendente, nos puntos de acceso e saída das praias.
- Horario: 4:25 h.
- Desnivel de subida: 452 m
- Desnivel de baixada: 500 m
- Distancia horizontal: 17, 1 km
- Tipo de percorrido: Travesía
- Severidade do medio natural: 2
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 1
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Dificultade: Media
Comezamos a camiñar…
Hai trece anos que percorremos esta mesma ruta Do cabo de San Agustín a Viavélez. Xa choveu! Daquela fixéramos unha saída de fin de semana. Estivemos aloxados en Navia, e dedicamos a xornada do sábado á visita do castro de Coaña e á ruta da Costa Naviega, fermosísima. O domingo, fomos camiñar pola que imos percorrer hoxe.
Nunca está de máis volver andar por rutas xa feitas, e esta é a intención do Programa Costa Cantábrica que programou a USC este ano. Un conxunto de tres rutas de sendeirismo que faremos nesta costa asturiana, entre o Cabo de San Agustín, no concello de Coaña, e a vila de Ribadeo.
Hoxe houbo que madrugar, pois este desprazamento ata o occidente costeiro asturiano, máis concretamente ao concello de Coaña, quédanos lonxe. Á altura da vila de Navia, na outra beira da desembocadura do río Navia, o bus deixounos por riba da praia de Arnelles. Despois das explicacións de Víctor sobre o desenvolvemento da ruta, só quedou avanzar un pouco ata o Cabo de San Agustín, punto de inicio desta etapa.
O cabo é un promontorio limitado por cantís duns 50 m de alto. Nel aséntanse dous faros: un moderno inaugurado en 1975, e outro antigo que data de 1945. Este último é moi curioso pois ten unha estrutura troncocónica, construida en pedra vista e cunha base rodeada dun banco de pedra. Á súa beira encóntrase unha campá de ferro, que orientaba aos barcos cando se pechaba de borraxeira. Nesta zona dos faros, con fermosos xardíns e vistas panorámicas incribles (vese perfectamente a praia de Navia), tamén se atopan a ermida (1672), de corte totalmente mariñeiro, e o monumento en memoria dos pescadores da zona falecidos en naufraxios.
Non paramos moito, pois entre a viaxe e a lonxitude da ruta as horas fannos falta para completala. Iso si, o tempo é inmellorable para camiñar. Deixamos o entorno do faro para dirixírmonos ao bonito porto pesqueiro de Ortiguera onde dá comezo o tramo da senda costeira GR E-9 Ortiguera-Viavélez que imos seguir.
O porto de Ortiguera é un dos máis espectaculares de toda Asturias. Chama a atención pola súa beleza natural, co seu pequeno espigón, e os enormes paredóns de pedra que o fan angosto e único. O porto está rodeado de casas literalmente colgadas da montaña que parecen desafiar a lei da gravidade. No ascenso ao pobo, a paisaxe combina casas tradicionais, algunhas moi antigas, con arquitectura indiana e contemporánea.
Ao longo do percorrido encontrámonos cunha costa salpicada de cantís, e praias de extraordinaria beleza. Nós descendemos ata a Praia de Figueira e á fermosa Praia de Torbas. Con case un quilómetro de area e cantos rodados, forma unha gran ensenada aberta entre vexetación e cantís. Hoxe hai mar de fondo e nesta praia de croios soa de marabilla!!… É para estar contemplando un bo anaco esta paisaxe, pero non queda outra que continua, e a parada para xantar facémola no Mirador de Salías, dende onde podemos admirar parte da Praia de Armazá.
Deixamos o concello de Coaña e acadamos a praia de Castelo, en El Franco, unha das ensenadas labradas na serie de cabos que debuxan o perfil do concello. Dende o aparcadoiro temos unha fermosa panorámica da praia. Con forma de cuncha, está constituída por gravas cuarcíticas, onde as materias dominantes son as lousas e o cuarzo. Como nas anteriores aproximacións aos areais, toca subir e volver camiñar por parte da rasa costeira asturiana. Practicamente adicada ao cultivo de millo como forraxe, que surte ás granxas de vacún que salpican este entorno.
A praia de Pormenande é unha pequena cala de bolos e grava, pero de gran beleza, con menos de 200 metros de lonxitude. Destaca nela o illote O Rego, ao que se pode acceder por un pequeno tómbolo, e o paso pola súa beira resulta máxico co son do mar rompendo na praia.
Toca outra pequena subida por estrada, a última da xornada, e reagrupámonos na parte alta perto da Área Recreativa, antes de introducirnos no camiño. Xa non queda nada para chegar a unha das xoias da coroa desta ruta: o pobo mariñeiro de Viavélez. Pronto nos poñemos na súa parte alta. Primeiramente, dirixímonos ata o Miradoiro da Atalaia, onde demoramos un anaco marabillándonos vendo como rompen as ondas no pequeno espigón de abrigo ao porto. Facemos fotos a esgalla. Non podía haber mellor entrada na vila!
Viavélez fai honra á beleza desta costa occidental asturiana. Percorremos as súas estreitas e empinadas rúas sobre o porto. Imos descendendo ata o peirao cunha fermosa panorámica cos seus fotoxénicos espigóns custodiando a bocana do porto.
Camiñamos pola rúa Corín Tellado cara a confraría de pescadores. Direi que no 2013 non me enterei de que era filla predilecta desta vila, onde naceu e na que podemos ver a súa casa natal. Considerada a raiña da novela romántica ou novela rosa en lingua española, é a novelista máis lida en lingua castelá despois de Cervantes. Aí e nada!
Camiñamos pola estrada Merniés cara o aparcadoiro onde nos agarda o autobús na zona alta da vila. Repasando as fotografías de hoxe e as de 2013 teño que dicir que hai moitas case duplicadas e con poucos cambios, pero pagou moito a pena repetila. Iniciamos de contado o regreso facendo unha pequena parada na área de servizo do Rei das Tartas, xa en Mondoñedo. Aínda hai que parar en Lugo e despois ir cara a Santiago… case catro horas de viaxe!
















