Ruta do Cabo de San Agustín a Viavélez

30-06-2013
Ruta do Cabo de San Agustín a Viavélez

Esta ruta comeza na outra banda da ría de Navia, no cabo de San Agustín, preto de Ortiguera e lévanos ata a Viavélez. É unha ruta cun alto valor paisaxístico e discorre por camiños moi cómodos, en xeral, aínda que hai algún tramo de asfalto. Forma parte da senda costeira GR-E9.

  • Lonxitude da ruta: 18 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: baixa-media

Antes do abundante almorzo que nos deron no hotel Palacio Arias, saín dar unha volta por Navia, pois nunca parara nesta vila e só a coñecía de paso e dos tremendos atascos que se formaban… A verdade é que, a pesares do cheiro da celulosa, paga a pena coñecela.

Unha vez listos para dar un fermoso paseo polo tramo Ortiguera-Viavélez, o autobús levounos ata o cabo de San Agustín, xa no concello de Coaña, cunhas fermosas vistas da costa e da desembocadura do Navia, lugar que aproveitamos para facérmonos a foto de grupo… e a camiñar por parte da rasa costeira asturiana. Primeira parada, Ortiguera, típico pobo pesqueiro do occidente astur, coas casas mariñeiras cubertas de pizarra, con pequenos xardíns e horta, e colgadas sobre o pequeno porto. Ao longo do percorrido encontrámonos cunha costa salpicada de cantís, e praias de extraordinaria beleza como a de Torbas. Cómo soaba o mar nesta praia de croios!!… era para quedarse alí un bó rato, pero seguimos ruta e a parada fixémola no Mirador de Salías e, máis adiante, outra pequena parada para admirar a Praia de Armazá.

Xa no concello de El Franco, e despois de pasar polo pobo de Castello, dirixímonos á Praia de Castello e, seguindo xa polo borde da costa, á de Cambaredo, estreita e alongada, formada por croios de cor escuro, e rodeada de elevados acantilados repoboados de pinos. Un pouco despois chegamos á súa área recreativa, que aproveitamos para alimentarnos e repoñer forzas. Continuamos por un pequeno treito de estrada ata chegar á Praia de Pormenande, praia de gran beleza tamén de croios  (na súa proximidade está o castro El Castellón).

Dende aquí continuamos por un camiño adentrándonos no bosque ata que divisamos unha das casas de indiano máis salientables de Asturias, o Palacio Jardón. Inmenso. Tamén chamado Quinta de San Jorge, foi construido sobre 1914 para residencia de verán de Eduardo Jardón, fillo e herdeiro dun mariñeiro de Viavélez emigrante na Arxentina. O seu entorno ocupa unha hectárea e ten vivendas para o xardineiro, o chófer, e dúas máis para o resto da servidume. A verdade é que Eduardo Jardón deixou pegada nestas terras, pois máis adiante atopámonos coas escolas de  Viavélez, de 1917, modelo de escola mixta de indianos que consta de aula e vivenda adosada para o mestre. E chegamos a Viavélez, en tempos importante porto de cabotaxe tanto de mineral de ferro como de madeira e hoxe típico pobo mariñeiro de rúas estreitas e empinadas, enmarcado por impresionantes acantilados.

Pero este fin de ruta non supuxo fin da xornada, non. Aínda quedaba disfrutar dunha praia de fina area (non todo van ser croios!), a Praia de Porcía, caracterizada polos meandros do río de igual nome e os illotes do Boy, de gran beleza. Mentres uns disfrutaron do baño a tope, outros paseamos pola súa area admirando a súa fermosura. En conxunto, a praia ten nunha posición central un resalte aplanado denominado A Pedra Imán por crerse que atrae as descargas eléctricas durante as treboadas. Desde a praia son visibles restos do embarcadeiro de mineral de ferro e diversos norays nas rochas para amarre dos barcos.

Gran fin de semana por estas fermosas terras. Supoño que haberá ocasión de volver e continuar a facer esta senda costeira GR-E9 por Tapia de Casariego, Castropol…

 

Ver Ruta do Cabo de San Agustín a Viavélez nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta do Cabo de San Agustín a Viavélez”

  1. Eu tamén disfrutei do son do mar nas praias de croios..¡ Impresionante, sen dúbida.

    Todo un pozo de sorpresas este tramo de costa, cheo de tesouros agochados ¡

    Saúdos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio