Ruta Especial polo Salnés
- Lonxitude da ruta: 7 km
- Desnivel: non ten
- Dificultade: moi baixa
Este día foi un tanto especial xa que é a última ruta dunha xornada que facemos neste curso, polo que ademais de camiñar fixemos outras cousas moi interesantes. Empezamos o día facendo unha parada en Cambados para tomar o café e tivemos un pouquiño de tempo para visitar a vila, que aproveitei para ir ver as ruínas de Santa Mariña Dozo, que albergan hoxe en día “o máis melancólico camposanto do mundo” en palabras de Álvaro Cunqueiro.
O Salnés é a comarca costeira máis chan da D.O. Rías Baixas. Abarca nove municipios entre os que se encontra Cambados; lugar en el que se ubica Paco&Lola, unha adega da zona á que fixemos unha interesante e completa visita e que nos deixou moi bo sabor de boca! Guiados polo noso amigo e hoxe presidente da cooperativa Carlos (tés que recuparar as andainas con nós!), que fixo de cicerone en todo momento e explicounos este proxecto tan ilusionante que está a converter a esta adega nunha das máis modernas de España.
A mediodía desprazámonos ata O Adro, Castrelo, no mesmo concello de Cambados, tivemos unha comida nun furancho co seguinte menú:
- Mexillóns ao vapor
- Navallas á prancha
- Pementos do Piquillo recheos de queixo de Tetilla.
- Tortilla.
- Caldeirada de raia e Carne estofada
- Augas, refrescos e Albariños de Paco&Lola , Café e sobremesa
Neste furancho está a Bodega Albamar, unha adega familiar con máis de 25 anos adicada ao albariño e que hoxe leva Xurxo Alba, gran amigo de Carlos. Ah! tamén elabora un mencía da Ribeira Sacra, Fusco, que non probei.
Ao rematar o xantar, ben entrada a tarde, fixemos a ruta de sendeirismo, máis ben un paseo de 7 km por parte do complexo intermareal Umia-O Grove. Comezamos o percorrido no lugar do Facho, fronte á illa da Toxa, moi preto da Toxa Pequena. Nos primeiros metros do itinerario, a presenza do home está moi patente, pero o percorrido ten un alto interese natural, e tamén cultural e patrimonial polas telleiras que fomos vendo durante todo o tempo.
Pola costa fomos ata A Bruñeira, en Vilalonga, onde nos recolleu o bus, que nos deixou preto da Praia da Lanzada, que aproveitamos para visitar e pasear case ata o solpor, e como o tempo que tivemos foi magnífico, algúns aproveitaron para darse un chapuzón nesta praia tan espectacular, pois son máis de 2 km de areal a mar aberto!
Agardo que pasedes un bó verán, incluídos os que ides a Somiedo (que envexa!), e vémonos en setembro para continuar coñecendo o País con todos vós.
Ver Ruta Especial polo Salnés nun mapa máis grande