Ruta da Costa Naviega
Nesta última fin de semana de xuño fomos percorrer parte da fermosa costa occidental asturiana, e para iso desprazámonos ata Navia. Estivemos aloxados en réxime de media pensión no hotel Palacio Arias, en cuartos dobres.
- Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: baixa-media
Antes de instalarnos no hotel e de comezar a ruta fomos visitar o castro de Coaña, o máis popular dos castros asturianos. Esta notoriedade débese ao seu tempraneiro descubrimento e á grande extensión excavada ao longo de case douscentos anos de intervencións. O castro foi construido sobre un pequeno outeiro e delimitado por unha grosa muralla á que precede en todo o seu perímetro un foxo excavado na rocha, oculto hoxe. No seu interior conservanse ata 80 construcións, predominando as de planta circular e vestíbulo ou rectangulares con esquinas redondeadas. Un gran torreón delimita o conxunto e supón o último acceso ao recinto.
O núcleo máis singular é, sen dúbida, o denominado recinto sacro, que se extende ao pé da acrópole, onde se descubriron dúas saunas de tipo castrexo. Son edificios exclusivos dos castros do NW peninsular, que foron interpretados durante moito tempo como fornos crematorios. Na actualidade admítese a súa utilización como saunas de orixe prerromana que son adaptadas ao gusto clásico durante a época imperial (S. I d.C.). O castro estivo habitado durante a época romana, anque a súa orixe remóntase a varios séculos antes da conquista.
Durante a visita ao recinto e ao fermoso centro de interpretación non paraba de lembrarme do Castro de Baroña e do que podería ser con esta infraestructura. Chapó!!
Despois de instalarnos no hotel comezamos a ruta en Navia mesmo e dirixímonos á entrada da ría (esta ruta soe facerse comezando en Barayo ou Puerto Vega e rematando en Navia). Unha vez alí, tomamos rumbo ao leste seguindo camiños e sendas costeiras: Praia de Navia, Peña Furada, Punta cascareira, Praia de Bragada, Praia de Cuedo, O Castrillón, Praia de Frexulfe, Monte Bígaro, O Castiel, Illa de La Veiga, Los Picones, ata chegar á fermosa vila monumental de Puerto de Vega, que conserva un pintoresco porto pesqueiro, cunhas almenas centenarias, onde rematamos o traxecto.
O percorrido, sempre pola costa bordeando os cantís, ten fermosas paisaxes. Destaca a praia de Frexulfe, declarada Monumento Natural, á que volvimos unha vez rematada a andaina, pois houbo tempo para darse un chapuzón.
E como non! antes da cea aínda houbo tempo para ir tomarlle unhas sidrinas, que entraron estupendamente.
Ver Ruta da Costa Naviega nun mapa máis grande
Que boa pinta ten esa ruta, coa visita o castro, a costa, os pobos mariñeiros, a sidra¡¡, que lastima que non poidera ir, outra vez sera, un saudo Fran.
Grazas Manolo! Non é por facer ferida, pero sí que te perdiches unha boa fin de semana (e nós a túa compaña).
Unha aperta
Manolo, máis ocasións haberá de coñecer esta zona de Asturias.
Fran grazas por mostrarnos as fotos. Creo que a fin de semana estivo moi ben, e o tempo acompañou ¡¡¡
Apertas
A verdade é que foi unha tempada de rutas espectacular! (para min, a mellor), e pena de non poder facer a de Somiedo, pero xa estou pensando nas que teremos a partires de setembro :))