Illa de Arousa

10-10-2026
Dorna varada na praia da Canteira
Dorna varada na praia da Canteira

A ruta consiste en facer camiñando todo o perímetro da illa de Arousa. É un percorrido relativamente sinxelo, aínda que hai que ter en conta a súa lonxitude.

O percorrido pola illa, un espazo natural de gran beleza, vainos descubrindo as calas e as paisaxes máis emblemáticas da zona. Visitamos todos os puntos de interese da illa. O porto de Xufre, a Punta Cabalo, O Carreirón, etc… así como numerosas praias e con vistas constantes á ría.
É unha ruta costeira ideal para quen busca desconectar e gozar dun entorno privilexiado, onde o mar e a terra se atopan en perfecta harmonía. O tipo de camiño é variado, hai tramos de asfalto, pistas e sendeiros.

MIDE

  • Horario: 6:10 h
  • Desnivel de subida: 228 m
  • Desnivel de baixada: 228 m
  • Distancia horizontal: 22, 6 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Semella que neste comezo da tempada imos camiñar por algunha que outra ruta feita hai anos. Esta téñoa rexistrada en xaneiro de 2012, aínda que percorrín a illa un par de veces máis dende aquela. É destes lugares que hai que percorrer de cando en vez. Nunca cansa.

Logo de tomar o café no “continente”, na cafetería PK2, cruzamos a ponte e achegámonos ata o aparcadoiro que hai ao entrar na illa, fronte á praia do Bao. Preparámonos e iniciamos a andaina no sentido ao contrario das agullas do reloxo. Pasamos por debaixo da estrada e continuamos pola praia da Canteira. Un grupo de homes prepárase para practicar o kitesurf, unha das modalidades de surf que se practica enganchado a un papaventos cun arnés, de xeito que a forza do vento permite elevarte e levar a cabo piruetas no aire.

Na praia da Canteira están as instalacións da Escola de Navegación Tradicional Dorna
Chegando á praia de Cabodeiro co seu pequeno porto
Impresionantes vistas cara o interior da ría, destacando o monte Xiabre

Eu fíxome nas dornas que hai varadas no areal, pois estamos pasando por diante das instalacións da Escola de Navegación Tradicional Dorna. Un auténtico luxo poder contar con xente que, de xeito desinteresado, comparte os seus coñecementos da tradición para que non se esquezan. Eu téñoos visto participar activamente na subida polo Sar ata Padrón, que realizan todos os anos, rememorando os versos de Rosalía Que inchadinha branca vela antre os millos corre soa! que tan acertadamente argallou o académico Anxo Angueira, alma máter desta iniciativa.

Unha sucesión de praias condúcenos ata a praia de Cabodeiro co seu porto, no que vemos aos mariñeiros limpando o casco da embarcación coa quilla apoiada no areal, aproveitando a baixamar, xunto con pequenas embarcacións alí varadas. Continuamos baixo un pequeno piñeiral e en nada chegamos ao maior porto da illa, o de Xufre.

A presenza de dornas vai ser practicamente unha constante en todos os areais
Punta Cabalo,un dos lugares máis fermosos da illa, coa parte norte da ría ao fondo
Na illa quedan elementos que lembran actividades relacionadas coa conserva

A dorna, embarcación pesqueira tradicional das Rías Baixas, sigue destacado nos areais entre as outras embarcacións. Que marabilla. Deixamos Xufre e o Paseo do Cantiño e continuamos coa andaina polo paseo do Campelo, con algún que outro banco, idóneo para gozar das impresionantes vistas cara o interior da ría. En nada poñémonos no faro de Punta Cabalo. Estamos no extremo nordeste da illa nun dos seus lugares máis fermosos, sobre unhas rochas, dende as que podemos divisar a parte norte da ría, tras a cantidade inumerable de bateas ancoradas.

Dende aquí podemos ver a praia Area da Secada, o seguinte punto salientable do percorrido. Logo de camiñar un pouco por estrada, adentrámonos no piñeiral por unha pasarela que a percorre ata o IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura). De aquí, regresamos de novo ao núcleo urbano da illa. Hai mercado na vila e facemos un pequeno descanso.

Actividade de caiac nas proximidades da costa oeste da illa, preto da praia do Mallón
O muíño de maré As Aceñas visto a distancia
O Guidoiro Areoso, case impreceptible, unha zona natural protexida

Retomamos o camiño, voltamos a percorrer polo entorno dunha sucesión de praias e pouco a pouco ímonos ir adentrando na parte máis protexida ambientalmente. Os máis aventureiros tiveron opción de facer unha actividade de caiac pola mañá. Comezaron preto da praia do Mallón, e fixeron un fermoso percorrido polas proximidades da costa oeste da illa. Ao rematar, xantamos xuntos os dous grupos na mesma praia. Logo, cambiáronse de roupa e tamén fixeron unha breve ruta pola zona do Carreirón, na parte sur da illa.

Continuamos co percorrido e, desta vez, temos que conformarnos con ver dende lonxe o muíño de maré As Aceñas, unha xoia etnográfica situada nunha propiedade privada que non podemos visitar. Xa levamos tempo contemplando un illote e detémonos a comentalo dende aquí. É o Guidoiro Areoso, unha zona natural protexida.

O Areoso cóntanos parte da nosa historia. Principalmente, destaca a teoría de que, antes da formación das rías no fin da última glaciación, o conxunto de illotes e illas que hoxe vemos na ría de Arousa estaban unidas á península. E os achados no illote pódennos dar pistas sobre iso, pois descubríronse ata cinco dólmenes, na zona sur do illote, en distintos estados de conservación.

Na zona do Carreirón houbo tempo para os selfies, aproveitando a beleza do espazo
Pasando perto da praia nudista das Agullas
Dende a praia de Xastelas deixamos o Carreirón e imos cara ao punto de inicio

En nada poñémonos no Carreirón, un parque natural que se converteu no pulmón do municipio arousán. O parque en si é unha península unida á illa polo tómbolo das Salinas. Ademais dun rico ecosistema, camiñando polo Carreirón seguimos gozando dos seus areais, destacando tamén os piñeirais baixo os que camiñamos. Calas e praias protexidas de fauna autóctona e de rexeneración dunar, entre as que podemos destacar a praia de Espiños ou a praia de Xastelas. Dende a praia de Espiños desviámonos ata o observatorio de aves, pois a illa é un lugar privilexiado para a vida das aves. Isto valeulle á punta do Carreirón ser considerada como Zona de Especial Protección para as Aves.

E pouco a pouco imos regresando ao punto de partida. Camiñamos de novo por unha sucesión de praias, como a Praia da Lavanqueira, podendo divisarse os concellos de Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, e mesmo o monte Castrove. Temos á vista a ponte da Illa de Arousa, co noso punto de chegada no aparcadoiro.

Voltamos á cafetería PK2 a tomar a cervexa de rigor antes de emprender o regreso. O dito, facer este tipo de rutas de cando en vez nunca cansa, polo que considero moi recomendable facela.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio