Ruta pola Illa de Arousa

21-01-2012
Ruta pola Illa de Arousa

Despois dun longo xaneiro sen camiñar, e parece que había gañas, pois a actividade quedou pechada hai varios días (por certo, creo que se vai repetir dada a grande convocatoria que tivo), iniciamos o ano cunha fermosa ruta, A Illa de Arousa. Fixemos todo o perímetro da Illa, comezando no peirao de Arousa en dirección norte, en sentido contrario ás agullas do reloxo. Segundo as previsións de comezo da semana, o día prometía chuvia, pero tivemos un día completamente soleado, anque o nordés érache fresco de raio!

  • Lonxitude da ruta: 23 km aprox.
  • Desnivel: non ten
  • Dificultade: media (a dificultade ven dada polo terreo irregular nalgúns puntos e pola lonxitude)

Cunha superficie de 7 km² e unha liña de costa de 29 quilómetros de lonxitude, a Illa de Arousa é unha representación a escala da Galicia litoral, incluindo parte dos ecosistemas costeiros que podemos atopar no país. Desta forma, o sendeiro que percorre o perímetro da illa, visita costas rochosas, praias, dunas e marismas, distintos ambientes litorais que son produto da interacción entre a xeoloxía, a acción do mar e os ventos. A fauna e a vexetación máis características da illa están relacionadas coa influencia mariña, como a enorme diversidade de aves acuáticas ou a variedade e colorido de flora das dunas. Non quero esquecerme e, por suposto, agradecer as explicacións sobre o afloramento e as mareas vermellas que tivemos por parte de Silvia, agradable sorpresa volvela ver, moitas grazas!

Ao rodear toda a Illa, a paisaxe que se ofrece é fermosísima e moi cambiante, podendo divisar a zona do Barbanza, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Cambados ou Vilanova. Cruzamos algunha praia, zonas rochosas e coídos, aínda que en xeral os camiños son bos. A decir verdade, a primeira parte da ruta decepcionoume un pouco, polo sucia e descoidada que estaba, tanto no núcleo urbano coma nos tramos litorais.

Os habitantes da illa teñen tamén unha profunda relación co mar (sigo marabillándome coas dornas espalladas por toda a illa), do que aproveitaron dende antigo os seus recursos pesqueiros e marisqueiros e mesmo a súa forza, como no muíño de maré das Aceñas, un auténtico monumento etnográfico que aínda funciona e en perigo de desaparición pois precisa ser restaurado de urxencia. O seu propietario, moi amable, amosóunolo e, axudados das súas explicacións, puidemos apreciar o valor deste inxenio (non o puxo en funcionamento pois faltáballe unha peza).

Chegados ás portas do Carreirón, fixemos parada para descansar e xantar un pouco, co nordés facéndose notar. Durante o percorrido polo Parque Natural de Carreirón (declarado Parque Natural e zona especial para a protección de aves pola Comunidade Europea), cunha superficie de 1,3 km², puidemos descubrir diferentes cons que, ademáis de dar gran variedade de formas de puntas e cabos (Punta do Revello, de Carreirón, da Cruz …), serven para delimitar e abrigar as distintas praias. Constitúe pois un lugar privilexiado para a vida das aves, o que lle valeu a catalogación dunha parte do seu territorio, Punta de Carreirón, como Zona Internacional de Especial Protección para as Aves e a súa integración no Parque Natural Complexo Intermareal Umia–O Grove–A Lanzada–Punta do Carreirón e Lagoa de Bodeira. A pesares de coñecer a illa, nunca visitara o parque. É moi pequeno e gustoume moito, e nada que ver coa primeira parte da andaina. A ver se vou un día coa cámara e me entreteño unha tarde por alí (tirando cara o verán que así hai oportunidade de darse un baño).

O parque ofrécenos un lugar inigualable de visión da Natureza e vistas panorámicas de gran interese e fermosura. Fronte ao parque, no corazón da ría de Arousa, divisamos o illote de Guidoiro Areoso, pertencente ao concello da Illa de Arousa,  no que se atoparon recentemente dúas novas estruturas – unha cista sen tapa superior e un dolmen sepultado baixo a area- que se suman ás tres xa coñecidas e investigadas a finais dos 80 e principios dos 90. Areoso contén, ademáis, un paleochán, é dicir, restos de solo da illa hai varios miles de anos. A existencia destes novos enterramentos fíxose pública no documental A illa dos mortos, de Manuel Gago. 

Xa na parte leste da illa, dende a praia de Xestelas, Camaxiñas… ata o final do percorrido no peirao de Xufre, estivo presente o frío nordés, facendo que a ansiada cervexa entrara millor!

 


Ver Illa de Arousa nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

5 comentarios sobre “Ruta pola Illa de Arousa”

  1. Moi interesantes os comentarios sobre a Illa pero eu sigo maravillándome coas fotos que colgas do roteiro. Véndoas e como se ainda estivera facendo a camiñata e ata parece que sinto que o frío nordés me sopla na cara.
    Grazas por traerme de novo o recordo de tan fermoso día.

  2. Moitas gracias a tí polas fotos e non esquezades que ese nordés tan frío foi o que fixo que tivésemos o día que tivemos. Para mi foi un bonito agasallo de comenzo de ano: roteiro, aire frío na cara e volver a ver caras coñecidas e sorrintes. Non se pode pedir máis, non? (aparte de que tocase a lotería, outra vez será!).

  3. Creo que algo fixen mal, porque fai unhas horas quixen deixar outro comentario e agora non o vexo. Por si ó final aparece e para non repetir, nada máis que agradacerche moitísimo as fermosas fotos que colgaches e tamén a mención a esa “Bióloga de recoñecido bla, bla, bla”. Para min foi, como sempre un auténtico placer. Ata a próxima! (e espero non tardar outro ano)

    1. Moitas grazas a tí! Foi un pracer escoitarte (e verte) de novo e, como dís tí, non tardes tanto en darnos outra sorpresa como a do sábado!
      Bicos.
      PD. Non fixeches nada mal. É que teño que aprobar os comentarios e non abrin o blog ata agora.

  4. Gracias por las fotos y por el trabajo que pasas en mandárnoslas. El domingo 26 de febrero hice la ruta de a Illa. Nada que ver con la del sábado 25 ya que ésta era muy suave y los 23 Km se hacían perfectamente. El recorrido con poca visibilidad por la mañana, que por una parte era bueno porque no hacía calor pero por la otra se perdía parte del encanto de la ruta. Lo que comentamos, los pocos conocidos que fuimos, es que la encontramos muy sucia, vale que no tengan las playas impolutas porque el mar trae mucha porquería cada día, pero es que en todo el invierno no deben de limpiar absolutamente nada, y Víctor nos dice que no se sabe porque hay plagas en la isla ¿Cómo no van a tener plagas? si coman lo que coman tienen festín. Nos vemos en las rutas de marzo. Chao

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio