Paseo polo río Ulla (Catoira)

31-12-2011
Paseo polo río Ulla (Catoira)

Remata o ano 2011 e que mellor xeito de despedilo que facendo unha estupenda ruta de sendeirismo? Para darlle unha agarimosa despedida ao ano que acaba, esta mañá fixemos unha camiñada por terras de Catoira, na desembocadura do río Ulla, cerna dun espazo de excepcional interese ambiental, etnográfico e histórico. Un percorrido para saudar a andaina do novo ano que, de certo, nos vai traer novos retos, ilusións e gratificacións (malo será).

  • Lonxitude da ruta: 8 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa

A ruta é circular, pois comeza e remata mesmo en Catoira. É un paseo fluvial á beira da desembocadura do Ulla. A zona forma parte do Lugar de Importancia Comunitaria Ulla-Deza, polo seu interese natural. É un percorrido de baixa dificultade, apto para todo o mundo.

Boa parte do tramo foi sobre pasarela de madeira (paseo fluvial) que, a través das brañas do Ulla, desemboca nas Torres do Oeste. Xunqueiras e canizais son tamén indicadores da influencia mariña.

A ruta está salpicada de antigos cruceiros que sinalaban a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, único Vía Crucis Marítimo que existe, que transcorre polos escenarios que, segundo a lenda, percorreu a barca na que Atanasio e Teodoro trouxeron a Galicia os restos do corpo do Apóstolo Santiago dende Jaffa ata Iria Flavia. Non recolle, como os outros traxectos cara a Santiago, un tradicional itinerario de paso de peregrinos, malia a que está recoñecido no web do Xacobeo como unha das rutas oficiais de peregrinación.

Visitamos as famosas Torres do Oeste, a carón do Ulla, na súa desembocadura na Ría de Arousa, onde aproveitamos para facer un pequeno descanso e brindar con cava polo novo ano, extendendo o brinde a todas e todos os habituais das camiñadas que non puideron vir.

As torres son os restos dunha das máis importantes fortalezas da Galicia medieval e formaban parte dunha rede que impedía o paso dos piratas normandos e sarracenos, a través da ría de Arousa e do Ulla, cara ó interior de Galicia. Hoxe quedan en pé dúas das sete torres que integraban o conxunto, que se completa coa Capela de Santiago, do século X. As Torres do Oeste foron declaradas Patrimonio Histórico Artístico Nacional en 1942 e, cada primeiro domingo de agosto, son escenario dunha das festas máis populares de Galicia, a Romería Vikinga, que atrae a miles de persoas cada ano.

Tamén visitamos as ruínas dun antigo muíño de marés, na desembocadura do río Catoira, coñecido como o Muíño do Curaou Muíño de Machón. Os muiños de marés, aproveitan a subida e baixada das mareas como forza motriz, pero este ten a particularidade de que combina o aproveitamento da marea e do río Catoira, segundo as oscilacións da marea. O Muiño do Cura, no que sería desexable a súa restauración, estivo en funcionamento ata os primeiros anos do século XX.

Dende aquí regresamos a Catoira, non sen antes agardar polo paso do tren, pois tres rezagados (os de case sempre), quedamos separados do resto do grupo polo paso a nivel con barreira da vía do ferrocarril, que se pechou nese momento. A pesares de que daba tempo a cruzalo varias veces, fomos civilizados e agardamos o paso do TRD camiño de Vigo.

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Paseo polo río Ulla (Catoira)”

  1. Unha pena non poder ir. As prazas foron moi limitadas, pero volverei de cara ao novo ano de rutas, que comeza con inmellorable pe 🙂

  2. Dende logo foi un xeito estupendo de rematar o ano.
    Esperemos que se repita, e intentaremos que a próxima vez non quede xente en lista de agarda…

    Vémonos este mes (espero…)

    Saúdos

    Víctor

  3. Felipe Rivero de Aguilar Sobrino

    Hola Fran, te doy nuevamente la enhorabuena por el blog y me gustaría que me enviases a mi correo la fotografía/s de grupo del roteiro de Catoira, donde aparecemos todos delante de la torre del Oeste.

    Un saludo

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio