Campo Lameiro. Parque Arqueolóxico e Roteiro polos ríos Maneses e Lérez

Campo Lameiro. Parque Arqueolóxico e Roteiro polos ríos Maneses e Lérez
  • Lonxitude da ruta: 11 km aprox. (3 dentro do Parque e 8 polos ríos Maneses e Lérez)
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media-baixa (a dificultade ven dada polo terreo irregular)

Comezamos a xornada visitando o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), situado en Campo Lameiro (Pontevedra), que dende xullo de 2011 pretende ser unha instalación senlleria na divulgación arqueolóxica en Galicia, permitindo coñecer unha das máis características e primitivas manifestacións artísticas existentes en Galicia: os petróglifos, signos e figuras gravadas nas rochas. Os petróglifos constitúen un dos sinais identitarios con máis carga simbólica do país, chamados a converterse nun dos grandes atractivos de Galicia. Para os interesados, recomendo a fermosa e recentemente publicada Guía dos petróglifos de Galicia, de Antonio de la Peña Santos e Buenaventura Aparicio Casado, que permite o achegamento á nosa arte rupestre, proporcionando toda a información necesaria para o coñecemento e gozo dos xacementos máis senlleiros. A fins da década dos 70, Antonio de la Peña, xunto co malogrado Antonio Álvarez, sacou do esquencemento a área arqueolóxica de Campolameiro, “a zona con meirande concentración de manifestacións rupestres de toda Europa, compartindo podio coa afamada Val Camónica italiana”.

Confeso que previamente tiña as miñas reticencias con respecto a esta instalación para ver os petróglifos, pero unha vez visitado recoñezo que me gustou e animo a coñecela e visitala.

A visita ao Parque Arqueolóxico desenvolveuse a partir do acceso a tres espazos diferenciados: o espazo expositivo situado no interior do Centro de Interpretación, a área arqueolóxica anexa, na que, axudados de guías que nos dividiron en dous grupos, puidemos pasear e observar un conxunto excepcional de estacións rupestres (abraiado quedei coa Laxe dos Carballos!), e unha recreación dun pequeno poboado no que se evocan aspectos da vida cotiá dos nosos antepasados da Idade do Bronce (para min o máis frouxo dos tres espazos). Rematada a visita guiada, fixemos un percorrido perimetral ao longo do Parque que nos permitiu ver máis estacións, decidindo xantar a continuación nunha zona do parque con mesas.

Unha vez rematado o xantar, e a visita á cafetería do Parque, iniciamos o descenso cara ao río Maneses, moi ben conservado e de paisaxes e vistas fermosas, con numerosos restos de muíños, que dan conta da importancia que noutrora debeu ter este pequeno río. A ruta levounos ata a súa desembocadura no Lérez, río polo que proseguimos, lembrándome da recente e fermosa camiñada das Pontes do Lérez que fixéramos por terras de Forcarei. Logo duns quilómetros deixamos o río e cun ascenso “importante”  chegamos á aldeíña de Redonde. A pesares de que a ruta non foi moi longa, supuxo un esforzo considerable pero, coma sempre, a xornada pagou a pena!

 


Ver Campo Lameiro. Río Maneses – Lérez nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio