Senda dos Pescadores e Viticultores do Ulla. PR-G 281

11-07-2026
Río Ulla ao seu paso por Ponte Ledesma
Río Ulla ao seu paso por Ponte Ledesma

Para despedir a tempada de andainas da USC achegámonos ao concello de Boqueixón. Facemos un percorrido recentemente homologado pola Federación Galega de Montañismo, identificado como PR-G 281. É un itinerario sinxelo que nos leva dende o lugar de Codeso ata A Ponte Ledesma. O nome da ruta é Sendeiro dos Pescadores e Viticultores do Ulla. Conta con algo máis de 8 quilómetros de lonxitude, con escasas dificultades e pasando por lugares moi fermosos. O gran protagonista é o río Ulla xa que gran parte do traxecto vai preto da súa beira. Os bosques de ribeira, o patrimonio e os viñedos tamén son elementos significativos.

MIDE

  • Horario: 2:15 h.
  • Desnivel de subida: 38 m
  • Desnivel de baixada: 117 m
  • Distancia horizontal: 8,4 km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 1
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 2
  • Dificultade: Media/Baixa

Comezamos a camiñar…

Hoxe non tivemos que madrugar pois a ruta que imos facer está moi cerca de Santiago e, ademáis, é relativamente curta, polo que nos vai dar tempo a percorrela e chegar á Ponte Ledesma para xantar. O bus achegounos ata o lugar de Codeso. De aí, descendemos ata a Área Recreativa de San Paio, , que ven de celebrar a súa festa no último domingo de xuño.

Neste entorno da Capela de San Paio Víctor presentounos o desenvolvemento do percorrido. Damos aquí inicio á ruta que, mediante pasarelas e chanzos de madeira, nos leva nun curto pero intenso descenso por un fermoso bosque de ribeira xunto ao río Pontillón, que nace na aba do Pico Sacro.

Un dos muíños que atopamos no comezo da ruta
A fervenza de Codeso cae nesta época con pouca auga
Camiñamos por unha levada gozando dunha paraxe espectacular

Logo de pasar por dous muíños fariñeiros reconstruídos e unha ponte de madeira, aínda moi preto do inicio da ruta, observamos a magnífica fervenza de Codeso, formada sobre un pequeno afluente do Pontillón, que nesta época cae con pouca auga, pero cóntanme Celia e Xan que en épocas de abundantes chuvias forma un gran salto duns 15 m. Non sei como será no inverno pero coido que por mor das chuvias podría anegarse parte da senda pola que andamos.

A paraxe é realmente espectacular, e deixámola camiñando a través dunha levada gozando dunha sombra facilitada por ameneiros, carballos, bidueiros, loureiros… Quizais sexa este lugar un dos recunchos máis fermosos do concello de Boqueixón.

E tamén bordeamos grandes extensións de viñedos
Pequenas aldeas salpican unha paisaxe dominada por viñedos e masas forestais
A desembocadura do Pontillón no río Ulla

Pero a andaina continúa e pronto comezamos a bordear grandes extensións de viñedos. Hai moita viña plantada nova, pois estamos camiñando pola subzona Ribeira do Ulla, integrada no ano 2000 na D.O. Rías Baixas. Sindicatos agrarios e colectivos veciñais están a loitar contra as plantacións masivas de viñedo na zona, pois cren que os concellos desta parte da conca do Ulla corren o risco de acabar caendo no monocultivo de viñedos.

Tramo polo río Ulla

Antes de verquer as súas augas o Pontillón no río Ulla, chegamos a Donas, a parroquia máis pequena de Galicia. Só conta con oito casas e ten unha extensión aproximada de 1,20 Km2. Ímonos agrupando baixo unha vella parra de viño da Ulla, característico pola súa acidez, e continuamos camiño de contado. Cruzamos esta pequena aldea pasando por diante da igrexa parroquial de San Pedro e imos admirando as poucas vivendas que hai, case todas de boa factura.

Camiñando por diante da pequena igrexa de Donas
Na Área Recreativa de Sucira atendendo ás explicacións de Rocío
Neste curso medio, o Ulla discorre por un leito menos abrupto que no seu nacemento

Camiñamos un pequeno treito por estrada e volvémonos introducir no sendeiro, que nos leva a desembocadura do Pontillón no río Ulla. Xa neste río, o tramo comeza a serme familiar pois recordo camiñar pola outra beira facendo a ruta de San Miguel de Castro, o PR-G 196.

O percorrido por esta marxe do río Ulla debe ser duns 6 km aproximadamente, suficientes para ir gozando do leve bruar das augas e da paisaxe ao redor da beira do río Ulla. Coido que non puidemos escoller mellor momento para facelo. A ruta vai por camiños bós e pistas próximas ao río. Practicamente tapado pola vexetación, permite desfrutar dunhas fermosas paisaxes e dun marabilloso entorno natural, aínda que tamén continuamos bordeando grandes extensións de viñedos en espaldeira.

Podemos podemos apreciar gran diversidade de especies no río
E tamén un fermoso espazo nunha carballeira, de gran valor natural
As viñas tamén nos acompañan no tramo final da andaina

E chegamos á Área Recreativa de Sucira, unha fermoso espazo nunha carballeira de gran valor natural. Dispón de bancos e zonas de descanso, perfectas para gozar dun xantar ao aire libre, ou para celebrar as festas da patroa santa Mariña, que serán a semana que ven. Nós utilizámola para sentarnos en torno a Rocío que nos explicou os procedementos e as características que deben ter os sendeiros para seren homologados, como técnica que é deles. Imos con tempo e a pequena charla está a ser moi instrutiva e amena. A verdade é que temos moita sorte de que nos acompañe nas andainas.

Comentounos que este PR-G 281, o Sendeiro dos Pescadores e Viticultores do Ulla, é a combinación de dúas rutas maís pequenas, que estaban un pouco abandonadas. A Ruta do Río Grande, que comprendía o percorrido ata a aldea de Donas, e a Ruta de Pescadores que parte de Ledesma río Ulla abaixo ata Donas. A proposta do concello de Boqueixón foi unir as dúas e conseguir a homologación pola FGM. E na conversa enterámonos que foi Rocío a encargada de facer este traballo técnico, polo que non podemos máis que manifestar os nosos parabéns pois a ruta ten poucas dificultades, pasando por lugares moi fermosos. Como ben dicía Suso: canto, que cerca e que bonita!

A Ponte Vella une a parroquia de Ledesma coa de Gres
No campo do río recréase a histórica Batalla de Ponte Ledesma.
Cruzando a ponte e rematando a andaina na outra beira do Ulla

E chegamos á coñecida como Ponte Vella, que une a parroquia de Ledesma (Boqueixón) coa de Gres (Vila de Cruces). A ponte, con nove arcos, é unha referencia patrimonial da comarca. No ano 1809 os guerrilleiros galegos centraron os seus esforzos en cortar as comunicacións francesas, e a defensa desta ponte foi un dos episodios máis destacados da guerra contra os franceses: nos primeiros días do mes de marzo de 1809 confrontou ao exército de Trasdeza (integrado na súa maioría por labregos de Boqueixón, Vila de Cruces e Silleda, liderados polo capitán Benito Martínez, membro do Batallón Literario de Santiago) e ao exército de Napoleón, e que se saldou coa vitoria veciñal.

Xantar en Casa Lodeiro, A de Rafael

Rematada a ruta, achegámonos ata Gres, a xantar en Casa Lodeiro, A de Rafael, onde xa nos xuntamos para despedírmonos das andainas en máis dunha ocasión. A pesares de que ten sona polo seu cocido, nesta altura do ano decidiuse apostar por algo máis “lixeiro”… e o menú non defraudou. Contou con entrantes variados: Táboa de queixos galegos, empanada caseira, ensalada rusa e croquetas tamén caseiras, para rematar con roxóns con queixo gratinado. Como prato principal degustamos xarrete con patacas asadas. E non podía faltar a sobremesa coas magníficas tartas de postre, que completaron un xantar farturento e moi rico, como sempre.

Animada sobremesa na de Rafael
Houbo tempo para pasear polas ínsuas e refrescarse un pouco tamén

Logo de xantar e da sobremesa, fixémoslle entrega a Víctor, como recordo dos vinte anos de andainas que leva guiando e que se cumpren neste curso, dun folleto con fotos daquelas primeiras rutas no curso 2006/2007, e unhas poucas palabras polas que brindamos.

Aínda tivemos tempo de paser polas insuas que hai neste tramo do río Ulla. Á insua de San Ramón accedemos por unha ponte de cemento e, desde esta para entrar á dos Namorados e á da Praia hai dúas pontes semellantes, e na que hai chantado un monólito honrando a Neira Vilas, o máis famoso escritor natural desta parroquia de Gres, ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2027.

Houbo que acortar o paseo pois hai aviso de tormenta e, con poucas gañas de deixar este lugar, iniciamos a volta para Santiago xa con sarabia polo camiño, pero non desmereceu para nada o día que tivemos! Longa vida ao sendeirismo!

1 comentario sobre “Senda dos Pescadores e Viticultores do Ulla. PR-G 281”

  1. A sorte é de Víctor e miña de que non vos cansedes de vir con nós! Alégrome de que che gustara a breve charla. Fermosa descrición da ruta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio