Ruta de San Miguel de Castro. PR-G 196
A Ruta de Castro, PR-G 196, é unha ruta circular que percorre a parroquia de San Miguel de Castro, no concello da Estrada, e está bañada polo río Ulla.
Os principais puntos de interese da ruta son as pontes de Gundián, a ribeira do río Ulla, o miradoiro do castro, un tramo do antigo Camiño Real polo que discorre a Vía da Prata cara a Compostela e a igrexa de San Miguel de Castro, que conserva unha ábsida e un arco triunfal de estilo románico. A Hórrea de Prado, as casas tradicionais e a vexetación da ribeira do Ulla son outros dos atractivos.
- Lonxitude: 14 km, aproximadamente
- Dificultade: baixa
- Desnivel: medio
- Track da ruta
Comezamos a camiñar…
Aproveitando a festividade de San Tomé de Aquino na Universidade, fomos realizar unha pequena ruta circular na parroquia de San Miguel de Castro. Como punto de saída eliximos O Seixo, á beira da Capela das Angustias, na praza principal do lugar onde hai un palco, ideal para poder cambiarte ao abrigo da chuvia, como nos pasou a nós, e con moito espazo para aparcar diante.
Como o percorrido é circular, moita xente faino no sentido das agullas do reloxo, pero eu considero, e recomendo, como máis interesante a opción de facelo en sentido inverso. Moi cerca do lugar de O Xeixo e, logo dun pequeno treito polo monte, o primeiro punto de interese co que nos atopamos está no lugar de Prado: unha hórrea, restaurada que semella estar adaptada como vivenda. A hórrea non se prodiga moito e é escasamente coñecida, se cadra polas súas enormes similitudes formais co hórreo. Difire do hórreo no seu maior tamaño e capacidade. Desta peculiaridade formal da hórrea deriva a necesidade de introducir variantes nos elementos de sustentación, sendo o máis habitual, como nesta, os celeiros corridos.
A esta hora da mañá a visibilidade é boa e comezamos a descubrir o val cara a nosa esquerda, coa vía do tren, as canteiras e o Pico Sacro ao fondo. Tamén divisamos a cabeceira da pista de aterraxe de Lavacolla que está coas luces prendidas.
O desnivel é cada vez máis pronunciado e iniciamos unha baixada cara á canteira que hai no alto da parroquia; bordeando a canteira e por camiños pasamos por un tramo moi fermoso, pois temos que pasar baixo un emparrado, que xa está podado, pero que polo verán debe dar moito gusto pasar baixo a súa sombra. En nada poñémonos en San Miguel de Castro diante da igrexa parroquial que, dada a blancura da fachada e a súa espigada espadana, semella ser unha igrexa de factura recente e de estilo “colonial”; pero hai que deterse nela e ver que ainda conserva elementos románicos na ábsida e nun arco triunfal no seu interior.
Dende esta atalaia temos una boa panorámica do val e podemos divisar perfectamente por onde acometeremos o tramo de subida ata o mirador do Castro. Pero polo de agora, toca baixar á ribeira do Ulla, entre un exuberante arboredo autóctono e por uns carreiros amplos ata chegar á beira do río.
O percorrido pola marxe do río Ulla debe ser duns 4 km aproximadamente, suficientes para ir gozando do bruar das augas e da paisaxe ao redor da beira do río Ulla. Coido que non pudemos escoller mellor momento para facelo, pois as últimas e persistentes chuvias fanse notar no caudal e na forza da corrente que leva o río, e tamén na cantidade de lixo, pólas e árbores arrastradas que foi deixando pola beira. Agardamos que non teñamos que buscar unha alternativa ao percorrido, e aínda así, tivemos que pasar por riba destes “depósitos” un par de veces, pois o sendeiro estaba totalmente cuberto. Coido que tivemos moita sorte e non houbo que botar man de ningún plan alternativo.
Se o paseo pola beira do río é unha gozada, o que nos agarda non desmerece en absoluto, pois chegar a un punto do río e atoparnos desde abaixo coa beleza da Ponte de Gundián, construída para o ferrocarril e inagurado en 1958, é impactante. Anque case hai que falar en plural pois moi cerca dela está a nova ponte feita para o AVE. Dende aquí temos unha visión incomparable do Ulla, estreitándose no Paso da Cova, baixo a ponte do ferrocarril (a ponte tamén é coñecida como de San Xoán da Cova). Impresiona a cantidade de corvos mariños que divisamos neste entorno, apostados nas rochas que sustentan os piares da ponte, e que levantaron o voo coa nosa presenza.
Tamén é espectacular polas marabillas fantásticas que alí acontecen, ou cando menos iso aseguran as lendas. San Xoán da Cova é un profundo pozo do río Ulla, ubicado xusto ao carón deste desfiladeiro de cuarzo polo que o río pasa malamente por un ancho de tres metros, encaixado entre farallóns. Disque cando se fixeron as obras da ponte destruiuse ou tapouse un burato ou cova que conducía desde este lugar ata o Pico Sacro por onde ían e viñan os mouros, e ata a mesma Raíña Lupa, levando e traendo os cabalos a beber. Cando baixaban os mouros coas súas cabalerías por aqueles túneles levantaban tanto po que se facía néboa.
Aproveitamos esta impoñente estampa para facer un pequeno descanso e repoñer forzas, pois a partir de agora todo o que nos queda por andar vai ser de subida. A pesar de estar o día de chuvia, estamos a ter moita sorte co tempo, pois salvo nun par de ocasións en que tivemos que sacar o paraugas, está a ser perfecto para camiñar.
Subimos cara á via do tren e achegámonos a ver a vella ponte de Gundián. Tamén admiramos a nova estrutura que permite salvar o Ulla ao tren de alta velocidade. A maís de 80 metros sobre o nivel do río, dende aquí a vista é moi fermosa pois temos todo o curso do Ulla aos nosos pés. Sen dúbida, outro punto importante do percorrido, no que non paramos de tirar fotos. Imposible non facelo.
Pero aínda nos queda o colofón, o Miradoiro do Alto do Castro, a 265 m de altura. É un dos tramos do percorrido con máis pendente de subida, pero as espectaculares panorámicas que ofrece este punto fan que o esforzo de achegarse ata el pague moito a pena, con fermosísimas vistas do meandro do Ulla e da zona. Poderás ver a ponte de San Xoán da Cova e as minas ao descuberto.
Na cima hai unha caseta abandonada desde a que contemplar as vistas. Cádranos no segundo momento do día en que a chuvia nos visitou e foi milagreiro poder acubillarnos durante un momento nela, pero provocou que tivéramos pouca visibilidade sobre o meandro do Ulla.
Logo de estar contemplando mun bo rato a cuberto no mirador, iniciamos o tramo final para regresar ao punto de partida. Continuamos co último km, que non facemos pola estrada por onde está marcado o percorrido e por onde se dirixen os peregrinos a Compostela, se non por unha pista paralela que tomamos á dereita e que nos leva practicamente ata onde temos aparcado o coche. Coido que debería considerarse esta pequena variante (incluso para os peregrinos), pois é moito máis acaída para a ruta.
Rematada a ruta, achegámonos ata Ponte Ulla, a xantar en Casa Ríos, á beira da mesma ponte vella da N-525, por recomendación de Jaime, que nos lembrou as súas paparotas aquí cando estaba de cobrador de Fenosa por esta zona.